Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Agoraphobia, Unaligned

Rock feminino e en feminino

Fran Amil.

Fran Amil.

Agoraphobia acaba de publicar o seu novo e agardado disco, Unaligned, co que o grupo busca acadar un considerable aumento da súa proxección internacional. De feito, cidades como Birmingham, Coventry, Middlesbrough ou Sheffield forman parte das visitas a terras anglófonas das mozas do Barbanza, presentando este seu novo traballo.

Unaligned vén ser o seu segundo álbum de estudio despois daquel Incoming Noise do que xa falamos por aquí e co que a banda se posicionou como unha das propostas galegas máis emerxentes e con máis percorrido tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras dos últimos anos. Rock feminino e en feminino, sólido, contundente, de factura precisa e altamente ruidoso e atronador no mellor sentido da palabra. Agora, co novo disco, aínda dan un paso máis aló cun son perfectamente niquelado, rexistrado e deseñado polo poductor Iago Lorenzo, quen por certo tamén acompaña á banda nos seus directos co apoio da súa guitarra.

Neste novo traballo das do Barbanza aprezamos claramente unha mochila moi descargada de prexuízos así como un valente e salientable xiro cara á canción menos amable e máis enterrada na entraña. Dez temas, entón, nos que o grupo mostra un gran salto de aparente madurez e gran atino no achado do seu son. Dez pezas que elas defenden como dez himnos persoais feitos con toda a súa enerxía e con todas as súas ansias, xuntadas nunha escolma de cancións que resumen un indomable espírito de loita dende os aspectos máis íntimos e persoais até os máis colectivos e sociais. Susana, Sabela, Paula e Lucía xiran cara unha especie de lado máis escuro, nunha batalla sónica contra os límites impostos, contra os medos, os diaños e contra un entorno que decote é quen de alienarnos e deixarnos mansos e a velas vir, comodamente sentados nun sofá diante dalgún televisor perfectamente sintonizado e manipulado.

Rock de corte grunge, por poñerlle unha etiqueta ben recoñecible; tamén, e se queredes, stoner ou incluso metaleiro e sempre revirado e rispando coa agresividade do punk-rock pero adobado con esas pingas de dozura existencial que a voz de Susana tan ben lle contaxia ás cancións. "Deadly Alive" ou "The world is dying" son mostra disto último mentres pezas como "Nine", "Smokescreen" ou a propia "Salvation", coa que abren o disco, son exemplo desa clara aposta das Agoraphobia por facer música de dentro para fóra, a ferida aberta e sen moitos ánimos de resultar cómodas ou amables. Un considerable paso adiante, en consecuencia, para unhas Agoraphobia que se mostran sen teitos nin límites e xa dispostas e sobradamente preparadas para acadar ese fito tan complicado de atopar: espazo en escenarios nese mundo exterior que tantas veces se ve tan lonxano para as nosas músicas. A xira vainas levar polo mundo adiante e tamén terán moitas presentacións por dentro do país pero mentres xa todos e todas podemos, e debemos, disfrutar deste Unaligned nas diversas plataformas musicais que internet nos ofrece, ademais de poder atopalo igualmente nos andeis das nosas tendas físicas preferidas.

Popsía con Fran Amil

  • Fran Amil é un músico de longo percorrido na escena musical galega, coñecido por moitos como o batería do bravú, polo seu paso por Papaqueixos, Diplomáticos de Montealto, Ultraqáns ou os Tres Trebóns. Amil , porén, sempre mostrou interese pola composición e interpretación e leva anos ceibando sinxelos nos que demostra a súa capacidade estilística, camiñando por sendas coma as do pop, o rock, o folk e incluso a música de autor e a música infantil onde, baixo o nome de Chuches Amil, deu a coñecer traballos como Un conto ao revés (Galaxia, 2015) ou Monstros, con ou sen consentimento (2018), tamén publicado por Galaxia, nos cales aposta por poñernos un sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar en clave de contos, soños e alegría. Discos que o levaron polos escenarios do país, conquistando a cativada en cada posta en escena. Tamén, e fóra xa dese rego, publicou A voz do vento, editado pola Mesa pola Normalización Lingüística en 2016: un libro-disco que reúne once composicións, musicando poemas de Manuel María, baixo a firma Fran Amil e a tribo incomprensíbel, nun traballo que el mesmo celebrou polo gozoso que foi poñerlle música ao evocador universo do poeta. Agora o músico coruñés anda de novo á carga, musicando poemas. Trátase dun E.P de dúas pezas, adianto do que será o seu novo disco. De momento atopámonos cunha revisión de "Negra Sombra", de Rosalía de Castro e as "Ondas de San Simón", de Mendiño. Dúas revisións que sorprenden con moito groove funk e moito soul, a medio camiño, se me permitides, entre as reminiscencias Motown e as marabillas sesenteiras dos Tamara. Todo rexistrado por Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro, en Friol. É o adianto do disco Popsía Vol. 1 no que o autor recolle unha escolma de poemas da lírica galega dende o medievo deica os nosos días e nos que a capacidade ecléctica de Amil promete ter moito protagonismo reinventando musicalmente parte da nosa poesía máis destacable.

Compartir el artículo

stats