Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Narrativa doméstica

Unha boa tarde de realismo

Narrativa doméstica

Cinco anos despois de Os televisores estrábicos, Ramón Vilar Landeir entréganos unha nova "novela, libro de relatos ou o que sexa". O texto comeza cun pequeno preliminar ondeexplica como xurdiu no seu maxín a idea do novo libro e intenta convencer a quen le de que paga a pena investir o tempo na súa lectura.

E o propio autor é o primeiro en cuestionar o xénero da nova entrega porque quizais sexa un híbrido, un compendio de relatos que poderían constituír unha novela por estaren interrelacionados en maior ou menor medida, ou unha novela composta por relatos aínda que estes ben puidesen existir de xeito independente.Se ben é certo que existen unha serie de elementos que lle confiren cohesión e nos permitirían tratala como se fose unha novela, e así temos personaxes que se repiten, situacións recorrentes e unha mínima continuidade entre eles, que nalgún caso é mesmo continuación como se fose unha historia en varios capítulos; tamén podemos lelos de xeito independente ou mesmo desordenadamente porque cada un deles ten autonomía de seu.

Todos os relatos aparecen narrados en primeira persoa, o que lles proporciona certa proximidade con quen le. En realidade, poderiamos falar de toda unha construción textual ao servizo desta misión, e así, tanto o rexistro informal, como a ironía coa que salpica algúns relatos ou a importancia do cotián son unha estratexia para ese achegamento entre o autor e nós.Salienta a habilidade de Landeira para converter en materia narrativa situacións domésticas e a priori tribiais: unha familia que pasa unha tarde de sábado nun centro comercial de Compostela; os nenos que pelexan polo mando da televisión e non se decatan da morte dos peixes do acuario; un director comercial xubilado cun vulto no nariz que vai a un bordel (aínda que só para falar); unha pelexa no McDonalds, etc.

Fronte a esa lectura lixeira e pretendidamente desenfadada, as historias acollen os principais problemas sociais que podemos atopar hoxe en calquera cidade: os malos tratos, a emigración, as dificultades de acceso a unha vivenda ou a crise do comercio tradicional esmagados polas grandes firmas de roupa "barata". Na variedade de personaxes que viven a vida actual nas rúas, principalmente de Compostela, ofrece unha colaxe de tipos urbanos que podemos atopar en calquera cidade: unha parella con dous fillos que poderiamos considerar os personaxes principais se falásemos dunha novela, un colombiano que pon copas nun bar, o deputado Lourido...

Pois gocemos dunha boa tarde do realismo literario, desenfadado, irónico, mesmo chistoso, breve pero intenso, que Vilar Landeira nos ofrece nesta entrega, "unha novela, libro de relatos ou o que sexa", porque sexa o que sexa, hai madeira de narrador.

VILAR LANDEIRA, R., Un peixe no parqué, Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 17, 30 ?

Compartir el artículo

stats