Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tino Baz: "Rosalía captou a psicoloxía colectiva do pobo galego"

Tino Baz estes días, en Chapela. foto: eli regueira

De xa longa e contrastada traxectoria musical, Tino Baz (A Guarda, 1972) comezou a súa carreira como cantautor en solitario en 1997, tras deixar o grupo A Roda, ao que pertenceu varios anos. Desde aquela leva construído un repertorio composto por adaptacións de pezas populares misturado coas de textos de poetas como Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Xavier Seoane, Marica Campo, Bernardino Graña, Xosé Carlos Gomez Alfaro, Manolo Pipas ou o seu paisano Francisco Álvarez "Koki".

- Ten confesado Vde. que facer este disco foi todo un reto persoal, entre outras razóns porque -e son palabras súas- "o que fixo Amancio Prada aínda segue sendo un referente".Por que entón se lanzou a gravar Se cantan es ti que cantas ?

-En realidade, eu empecei a musicar poemas de Rosalía hai xa moitos anos, pero daquela aínda non tiña previsto dedicarlle un disco monográfico. Pero cando tiña reunido xa un material importante de poemas musicalizados, decidínme a facelo; iso si, con toda a honradez, ardentía e moita tenrura para reivindicar unha referencia histórica tan importante como a que significan a figura e a obra de Rosalía de Castro.

-Por certo, Luís Emilio Batallán foi moi crítico con algunhas musicalizacións que fixo Amancio Prada, nomeadamente con "Adios ríos, adios fontes", á que lle deu, segundo Batallán, un ritmo "divertido" cando en realidade se trata dun poema triste. Que opina Vde.?

-É un punto de vista válido coma outro calquera; son ideas, opinións e percepcións que cada quen pode percibir sobre un poema. Mais, para a felicidade colectiva, a musicación de Amancio Prada de "Adios ríos, adiós fontes" xa está asumida polo pobo como algo propio, o mesmo que a de "O Carro" de Manuel María que fixeron s Fuxan Os Ventos ou a de "Unha noite na eira do trigo"de Curros Enríquez, que fixo José Castro "Chané", por poñer dous exemplos entre nós. Cando o pobo recoñece unha melodía como propia, iso significa que a canción adquire unha trascendencia de seu. Os que levamos anos cantando, sabemos cando unha peza xa forma parte do pobo, xa lle pertence ao pobo.

-Seguindo a súa tese, Rosalía escribiu cancións ou,mellor dito, poemas que eran cancións de seu. Iso quere dicir que lle resultou doado atopar os poemas que incluíu no disco?

-Pola maneira de crear que tiña, Rosalía tiña moi bo sentido musical. Pero a musicalidade á que eu me refiro non só é esa, senón tamén a que encerra o propio poema dentro. Se tes unha guitarra na man, decátaste de que os seus poemas son netamente musicais.

-Que criterio de selección empregou para elixir precisamente estes poemas?

-Foi, digamos que o resultado de lecturas acougadas. Quixen que o disco tivese as cancións precisas,xustas, non quería pasarme nin quedarme curto, procurei que a obra saíse redonda e, ao mesmo tempo, completa. Por iso no disco, ademais de incluír poemas que nunca foran musicados antes,tamén escollín otros como "Tecín soa a miña tea", "Pra a Habana" e "A xustiza pola man". Pero,iso sí, con músicas compostas por min.

-Estase a conseguir acabar co tópico de que a poesía de Rosalía é "chorona" ou aínda hai que percorrer moito camiño?

-Rosalía, dende logo, non ten nada que ver coa "poeta chorona" que dun xeito interesado se buscou instituír. Na segunda canción do disco, "A xustiza pola man", demóstrase que esta muller non tiña nada de chorona; aí amósase como ela se rebela contra a inxustiza, e faino de xeito taxativo, e ademais toda a súa obra ten un punto reivindicativo, rebelde. É que a poesía de Rosalía é trascendente, pervive no tempo, está de actualidade sempre, e iso reflicte que estamos diante dunha grande poeta, dunha poeta descomunal que tiña unha enorme capacidade para captar a imaxe psicolóxica do pobo galego como colectivo, da nosa maneira diferenciada de ser.

-Tivo a sorte de estar asesorado por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. En que aspectos o aconsellou a Vde. á hora de facer este disco?

-Nun principio, eu achegueime a Anxo Angueira para para saber cómo estaba a cuestión dos dereitos de autor da obra de Rosalía e interesábame moito contar coa aprobación por parte da Fundación Rosalía de Castro, pero sobre todo enchéume poder contar cunha das persoas que máis sabe dela e da súa obra, como é o caso de Anxo, de quen todos coñecen o seu rigor como filólogo.

-Tendo en conta que moita da poesía de Rosalía é para ser cantada, como xa dixo,vaise animar a facer outro disco sobre os seus poemas ou esta incursión será única na súa carreira?

-A verdade é que non o sei. É certo que habería posibilidade de publicación dun segundo disco porque, como che dixen, teño moito material de poemas dela musicalizados. Dende logo, os propios poemas de Rosalía dan pé a que iso aconteza, malia que ainda non sei cando,como tampouco o sabía cando comecei a musicar poemas dela.

- O seu colega Luis Pastor fixo dunha pregunta todo un poema: "Que foi dos cantautores? "Eu repítolla agora a Vde., aínda que reformulada: que foi da canción galega que tanto prometía aínda a principios dos anos 70?

-É que o de Luis Pastor, ademais dunha resposta, é un manifesto de verdade rotunda! Con respecto á canción galega, eu penso que segue absolutamente viva. Aquí nunca se deixou de musicalizar textos, tanto propios de cantores como doutros autores, pero todo iso, claro, está amputado polas directrices do mercado. O que ocorre hoxe coa canción galega é que, mentres nos anos 60 e 70 existía unha censura obvia, agora o que hai é unha censura estratéxica e perversa. Eu son dos que penso que sempre houbo, e sempre as haberá, voces ceibes en Galicia malia que o estado da sociedade semelle condenar os cantores e cantoras ao silencio. Pero non,velaquí estamos,aínda que pretendan invisibilizarnos! Ademais, os galegos e as galegas somos de seu un pobo cantoral, a nosa canción popular ten unha permanencia absoluta,e precisamente grazas a ela somos poeticos e somos líricos...ás veces excesivamente líricos.

Compartir el artículo

stats