Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Die Bucht der Schätze

Da militancia dos Frying Luras

Frying Luras, rock desde Vigo "até o infinito e máis alá".

Vigo sempre foi cidade de rock. Sempre, e dende a distancia dun cento de kilómetros, pensei en Vigo coma un berce underground de complicada etiquetaxe e xenerosa produción musical, moito máis aló dos brillos daqueles escollidos que traspasaron o muro, aparentemente infranqueable, da pena Trevinca. O mundo meneou o bullarengue, berrou aos catro ventos que facía un sol de carallo. Enterouse daquel curioso costume de Coppini de coleccionar moscas ou mergullou na ultrasónica pirata sen dúbidas nin concesións. O Vigo de músicas, de pop, de punk, de rock, de ska e arredando de entrar agora noutras diversidades por pura economía literaria: nn universo de Skarnios, de Kogitos, de Transilvanians, de Skachas, de Keltois e xa paro por non ser inxusto con demasiados esquecementos.

Hoxe toca enchouparnos de novo nese underground, a facer un pouco de pesca submarina, de emoción vital, de historia e de xustiza rockeira. Podemos ir até tempos daqueles Unión Penosa, Bajo en Nicotina, Desvirgueitors, os Ernestos, Bromea o que, ... e falo case todo de oídas pero, iso si, de boa tinta pois algúns dos protagonistas que hoxe nos ocupan andaron a chimpos polo medio de toda aquela efervescencia sónica. Roberto Lorenzo (guitarra e voz), Havi Ojea (guitarra, trompetas e voz), Ignacio Ojea (baixo) e Rafa Chao (batería) son Frying Luras: banda que afirma tocar por militancia total co valor da amizade como primeiro argumento e cun traballo que abrolla honestidade, bo rollo e r&r de precisa factura. Sen pausa pero nunca con présa. Xuntarse, exorcitar diaños e poñerlle calidade ao que se faga enriba do palco. Sen ansias de famoseo nin de encher a conta bancaria nin ateigar pavillóns pero ensaiando milimétrica e semanalmente ao longo de vinte anos e tomando o rock como o que é: cousa seria.

Frying Luras sacan por fín disco e fano cun son directo que é escolma de toda a súa traxectoria. Die Bucht der Schätze é o título do traballo, "unha baía de tesouros", segundo o insigne tradutor do google, que dá tellado a cancións como "Mar adentro", "Evolution" "Medomedá", "Cansado", "Presa", "Nada tuyo", "Autónomo" ou "Sucedáneo", temas nos que a vida agroma a golpe de versos que contan que o traxe xa o teñen listo mentres escoitan o ruído do motor que os vai levar ou que, cando parecía que xa nunca máis ía pasar aló, andamos a pelexarnos de novo por un deus. Que sempre temos présa e non vemos o camiño ou o complicado que se fai o día a día dun autónomo para enfrontarse co mes que remata. Cancións de Vigo, do país e do mundo enredadas na poesía rockeira do cotián. A etiqueta non se lle mira de primeiras mais o imán do disco funciona a cada escoita mellor: son eses ghichos que sempe son os mesmos bichos e aos que o pelo non se lles cae nin cando a apisonadora do reloxo vai engadindo enrugas coleccionadas coma tesouros mentres a idea de deixalo non entra en ningún plan vital. "Até o infinito e máis aló!", comentáronme recentemente nunha entrevista que tiven con eles e sempre sorrindo, disfrutando e arredando da pose malota na que moitos grupos parece que tan mal se levan co fotógrafo. Para o concerto de presentación deste venres, 11, na Fábrica de Chocolate xa vai estar complicado coller entrada pero tranquilidade que teñen xira programada. Frying Luras dende Vigo e para Vigo. Como dicían no final daquela famosa película dos Cohen: "non sei a vostedes, pero a min reconfórtame saber que alguén anda por aí tomando as cousas con calma polo resto dos mortais". Parabéns polo disco, polos 20 anos e por facer as cousas polo verdadeiramente importante.

Vincios, 40 aniversario

  • A Agrupación Musical de Vincios anda a celebrar o 40º aniversario da súa escola de música. Foi no ano 1979 cando Xulio Costas Davila e Guillermo Costas Valverde crearon a escola na parroquia de Vincios, no concello de Gondomar. Alí, con toda a ilusión e poñéndolle todas as ansias, foron quen de botar a andar toda aquela marabilla para achegar o tesouro da música, do coñececento e da súa práctica e estudo nun proxecto que foi collendo forma pouco a pouco e que se fixo realidade no ano 1982 coa fundación da Asociación Agrupación Musical de Vincios, sendo o seu primeiro presidente Néstor González Vilaboa. O Concerto de presentación da Banda foi o día de San Pedro do ano 1983, no Colexio Público Serra-Vincios baixo a batuta do seu primeiro director, Valentin Davila Costas, e foi o pistoletazo de saída dunha actividade musical tan vizosa como admirable. Levaron despois a batuta co paso do tempo directores como Telmo Costas, Juan Luis Costas Álvarez ou Francisco Valcárcel Piñeiro que tamén dirixiu a escola da Agrupación. Foron anos de recoñecementos e moito traballo, tamén premios e sobre todo moita efervescencia axitada dende actividade da agrupación. Dende o 2018, a banda e a escola están dirixidas por Adrián Viñas Alonso nunha Agrupación actualmente formada pola Escola de Música, a Banda e o Coro. Clases de música e movemento, iniciación e linguaxe musical, especialidades en oboe, frauta, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba, fagot, bombardino, percusión, violonchelo ou contrabaixo. Banda Infantil e Banda Xuvenil, participacións en festivais, concertos de intercambios culturais e didácticos, campamentos infantis, encontros con outras escolas de música e, por suposto, que celebracións populares. Moito traballo feito e moita cultura sementada por unha desas alfaias imprescindibles que tanto fixeron e tanto fan pola nosa cultura musical. Continuarán coas merecidas celebracións e remitímosvos a amdvincios.wordpress.com onde podedes enterarvos de toda a súa actividade e darlle os cumpridos parabéns

Compartir el artículo

stats