Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do cotián extraordinario

Soñando cun mundo mellor

Do cotián extraordinario

Botando man dunha fermosa metáfora artella Isabel Porto Collazo un conto no que o cotián se converte en extraordinario polo significado que cobran xestos tan comúns como deitarse ou almorzar e pola delicadeza das imaxes que evoca facendo da elipse un recurso que evita a cara amarga da vida.

Lena vive feliz coa súa familia nun momento de desenvolvemento no que os pais e irmáns son os seus referentes e no que a rapaza enriquece o seu mundo físico e emocional coa maxia das palabras tenras que nalgún momento lle dedica a súa nai e coa capacidade de suxestión que lle proporciona o seu espíritu soñador co que é quen de escoitar o borboriñar do seu corazón.

Todo supón unha aprendizaxe para os personaxes do texto: compartir cos demais a ledicia de saberse acompañado, saborear a fantasía en días difíciles e irradiar optimismo, velaí as claves da felicidade e, por extensión, os fundamentos dunha existencia plena.

O texto dirixido aos primeiros lectores apunta directamente á esperanza e á ilusión centrando a súa ollada na face máis amable dunha vida que non está exenta de complicacións, o que vén constituír unha mensaxe de alento aos que sofren e padecen, pero tamén aos que gozan do que teñen ao seu redor.

Pola súa parte, a ilustradora Marta Parejo Jiménez realiza unha interpretación plástica do texto na que recrea o optimismo dunha forma singular; esceas cotiás, imaxes familiares e xestos alegres que teñen no detalle unha certa carga emotiva e que amenizan un relato que semella dirixirse a aqueles que soñan un mundo mellor.

PORTO COLLAZO, I./PAREJO JIMÉNEZ, M., Estrelas de manteiga, Ed. Saralejandría, Castellón, 2019, PVP.15 ?

Compartir el artículo

stats