Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Depois de Marte

A obra de Fernando Casás en Santo Tirso

Depois de Marte R1, R2, R3 (2016)

Os nosos veciños portugueses continúan a fornecernos exemplos de aposta pola modernidade como activo patrimonial e como atractivo para as súas cidades. Un caso ben achegado a nós, e de grande calidade como contedor arquitectónico e como contido artístico, é o do Museu Internacional de Escultura Contemporánea de Santo Tirso, pequena cidade pertencente á área metropolitana do Porto.

O Museu Internacional de Escultura Contemporánea de Santo Tirso posúe unha ampla colección de escultura ao ar libre que se pode enxergar por toda a cidade e que se complementa cun edicio museístico integrado no espazo de magnífico mosteiro barroco de São Bento. O edificio foi realizado polo mundialmente famoso arquitecto Álvaro Siza Vieira, cunha límpida arquitectura que dialoga coa arquitectura monacal, creando uns suxestivos e límpidos espazos.

Desde maio, e durante todo o verán, o museo permitiu ver a mostra Depois de Marte do escultor galego Fernando Casás (Gondomar, 1946), un dos creadores de obra máis sólida e de maior proxección internacional entre os nados en Galiza.

Na exposición, o artista creou catro ámbitos, ben representativos da súas preocupacións formais e tamáticas, no primeiro, na entrada do museu presentou Agavotokueng, unha escultura de troco de castiñero e madeira cortada; a seguir, no espazo central, elaboráronse dous grandes paneis con pequenas obras creadas con raíces, follas, sementes, troncos, ósos e outros diversos materias que evocan rituais primitivos, que que titula Plantas/Depois de Marte. O terceiro ámbito estaba composto por un cadro, intitulado Geografía de Marte TRM/16, ligado argumental e formalmente ao espazo anterior. A mostra concluía cunha espectacular instalación Depois de Marte R1 R2 R3 que culminaba a indagación que centraba a exposición que non era outra que pensar o que vai acontecer cando o noso planeta fique esgotado, unha temática que a situación actual de ámbitos como a Amazonía non fan máis que manter de triste actualidade.

Non por acaso Fernando Casás desenvolveu momentos decisivos da súa evolución no Brasil onde a obra do noso artista conectou coas correntes "Arte & Natureza, Land Art", cunha marcada preocupación pola relación do home coa súa contorna, desde unha posición non propiamente etnicista aínda que manifeste un fondo interese polos problemas que o mundo indíxena padece, algo que tamén se percibe nas pezas expostas en Santo Tirso.

Porén, Casás traballa desde unha intensa singularidade, que incide na investigación de carácter intelectual, con notábel sensibilidade co uso e fruición do material, movéndose dentro de coordenadas conceptuais, mais con manifesta liberdade, afastándose de presupostos puramente construtivos, aínda que sen renunciar a eles no que teñen de referentes naturais na súa forma, sendo esta o resorte fundamental do seu proceso creativo.

En Depois de Marte temos o Fernando Casás máis minimalista e intimista, con esa acumulación de materiais diversos que permite establecer distintos niveis de lectura, creando unha Wunderkammer en que se senten xuntas a vida e a morte, o pasado e o futuro, e que en conxunto tamén nos transmite a sensación de que o artista tampouco renuncia á delectación no material ou á tendencia cara a unha captación sensual dos aspectos físicos do obxecto artístico.

Depois de Marte, como a totalidade da obra de Casás, dinos que a natureza xa non é máis "paisaxe" senón que é realidade activa e actuante. Para o autor, a natureza é materia viva que evidencia a súa realidade física e tamén a presenza do humano como parte da dialéctica complexa do noso presente en relación co medio natural.

A aproximación de Fernando Casás á natureza é froito dunha intensa meditación sobre o medio físico e o seu rol na sociedade contemporánea, o que o leva a optar por unha interpretación desde unha posición decididamente escultórica. Aínda que a obra remita a referentes moi diversos é tratada como volume no espazo, mais tamén como volume na natureza, algo brillantemente concretrado na instalación Depois de Marte R1 R2 R3 (2016), coa que acaba a exposición de Santo Tirso e que nos evoca o ámbito matricial: raíz, caverna, furna, erosión... arqueoloxía sempre viva.

Natureza atacada

  • As sutís referencias visuais dos materiais escultóricos utilizados en Depois de Marte parten da evocación e deixan no espectador esa impronta, esa pegada profunda, facendo que perante as súas obras pairen desde as imaxes da natureza agredida, até as utopias de paraíso natural de longa tradición na arte occidental desde o Renacemento. Con estes vimbios o artista constrúe un universo evocativo e ao tempo pleno de rotundidade en que a figura humana non aparece explicitamente, senón como sombra non sempre benfeitora. Estamos, xa que logo, perante unha obra de enorme riqueza, que parte da idea da deconstrución da realidade e de manifestación da mesma en toda a súa complexidade e problemática, coa natureza como fonte seminal e como obxectivo profundo, e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave da evolución da arte e do mundo actual.

Compartir el artículo

stats