Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xaque mate, en dúas palabras

Literatura e xadrez

Garri Kasparov.

Leo nun ben interesante artigo de Leontxo García que o xadrez, tal e como hoxe o entendemos, comezou a definirse na Península Ibérica contra finais do século XV, momento en que apareceu no taboleiro unha peza fundamental que antes non existía: a dama ou raíña.

O caso é que, dende que chegou á Península traído polos árabes, estas terras desenvolveron unha evidente paixón pola arte xadrecística, tal como puxo de relevo a magnífica exposición AjedreZ. Arte de silencio. Ocho siglos de cultura que puido visitarse na Biblioteca Nacional entre o outubro pasado e este mes de xuño.

Porque cómpre saber que as pezas de xadrez máis antigas de Europa son as mozárabes de San Xenadio no Bierzo (s. IX) e as do bispo mindoniense e prior celanovés San Rosendo (s. X), que posuía un valiosísimo xadrez de cristal de roca hoxe custodiado na catedral de Ourense. Máis aínda: o primeiro campión oficioso do mundo foi un crego estremeño, Ruy López de Segura (s. XVI), e actualmente o conxunto do estado español é o que máis torneos internacionais acolle, alcanzando o ano pasado case os cincocentos, cun número de participantes que rolda os trinta mil.

Así as cousas, non debe de estrañar que o binomio literatura e xadrez goce dende sempre dunha feraz andaina compartida, pois xa en 1283 o noso rei sabio Afonso X dispuxo a escrita do pergameo Xogos diversos de xadrez, dados e táboas, o que demostra ata que punto entón, tal coma hoxe, era ben coñecido entre nós.

Por que se fixo tan popular o xadrez e tantos e tan grandes escritores dedicaron páxinas e páxinas a el? Probablemente polo que moi ben soubo reflectir hai xa un milenio Omar Khayyam nun seu célebre poema: "Porque esta vida non é/ -como probarvos espero-,/ máis que un difuso taboleiro/ de complicado xadrez./ Os cadros brancos: os días/ os cadros negros: as noites.../ E ante o taboleiro, o destino/ acciona alí cos homes,/ como con pezas que move/ ao seu capricho e sen orde.../ Un tras doutro morren. Van ao nada sen nome".

Metáfora da vida, símbolo das nosas loitas e renuncias, do alento estratego e os pequenos logros en prol da felicidade e a gloria finais, Leibniz deixou dito do xadrez que era demasiado xogo para ser ciencia e demasiada ciencia para ser un xogo, o que explica que moitos dos escritores máis profundos e conceptuais da Historia da Humanidade se ocupasen del.

Velaí o caso de Edgar Allan Poe, que o introduce xa ao comezo do célebre Os crimes da rúa Morgue (1841) e o fai protagónico no ensaio O xogador de xadrez de Maelzel (1835). Ou de Lewis Carroll, quen en Alicia a través do espello (1871) converte a súa protagonista nun peón branco que se coroa raíña ao chegar á oitava cela e gañar o xogo.

Todo o daba por unha boa partida Leopoldo Alas Clarín, quen na súa adorada Oviedo xogaba en tardes infinitas e, cando era derrotado, vencía o xenio arrebolando o taboleiro. Tal ardor explica por que ao describir o casino de Vetusta en A Rexenta (1884-1885) o xadrez está tan presente.

Ao xadrez dedicaron tamén famosos versos Borges, Pessoa ou Kavafis e, antes ca eles, Manrique, Góngora ou Lope, aos que deben sumarse as páxinas en prosa que lle dedicaron Santa Teresa, Cervantes ou o Unamuno de Don Sandalio, xogador de xadrez (1930), a derradeira narración que publicou o escritor éuscaro.

A listaxe podería continuar interminablemente con referencias a títulos de Fernando Arrabal ( A torre ferida polo lóstrego), Paolo Maurensig ( A variante Lüneberg), Arturo Pérez Reverte ( A táboa de Flandres) e unha morea máis, pero rematarei coa cita de tres referentes indiscutibles na literatura xadrecística que recomendo (re)ler vivamente: a Novela de xadrez de Stefan Zweig (1941) -inesquecible a partida librada entre o Doutor B, expresidiario da Gestapo, e o campión mundial Mirko Czentovic-; A defensa (1930) de Vladimir Nabokov -excepcional parábola sobre a vida como xadrez- e Auto de fe (1935) de Elías Canetti, un caso de abraiante premonición literaria, pois nesta novela un home chamado Fischer quere ser campión do mundo de xadrez, case corenta anos antes de que o fose o mítico Bobby Fischer.

De noso

  • Aínda que figuran xa referencias ao xadrez nas narracións de Heraclio Pérez Placer, Francisco Álvarez de Nóvoa ou Xan de Masma, entre os clásicos quen mellor se mergullou neste mundo foi Rafael Dieste, autor do relato "O drama do cabalo de xadrez", aparecido por vez primeira en El Pueblo Gallego en 1927. Nel as pezas do xogo rifan entre si e todo remata coa morte do cabalo branco protagonista a mans da raíña negra. Tras dos amentados, e tamén logo das non poucas aparicións do xadrez no Don Hamlet (1958) ou no Sinbad (1961) de Cunqueiro, talvez foron Xosé Luís Méndez Ferrín (quen asinou en 1980 en Crónica de nós un conto titulado, precisamente, "Xeque mate") e Víctor F. Freixanes (sobre todo en O triángulo inscrito na circunferencia, 1982, e O enxoval da noiva, 1988) os autores nos que as sesenta e catro celas tiveron maior protagonismo e, xa máis contra os nosos días, é decisivo o papel xogado polo xadrez na peza teatral Leria habitual de Hamlet (2001) de Manuel Lourenzo; nos relatos "Cartas dende a cidade escura" incluído en Rebelión de inverno (2004) de Mario Regueira e Novel de xadrez (2011) de Eva Moreda; e mais nas novelas O xuízo de Kaissa (2006) de Pablo Roibás e Memoria contra o Alzheimer (2008) de Rafael Laso Lorenzo.

Compartir el artículo

stats