Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O material como alicerce construtivo

Mostra de Elena Colmeiro na Casa das Artes (Vigo)

O material como alicerce construtivo

A procura dun lugar para a comunicación, dun ámbito propio, é un dos retos da arte actual -acosada pola hexemonía dos novos medios de expresión-, un camiño en que os escultores tiveron e teñen que afrontar a eterna relación co plano e co volume no espazo e precisan facelo utilizando diversas estratexias que reformulen a relación co soporte, co espazo ou coa cor. En xeral os camiños posíbeis van desde primar o purismo da materia ou/e a cor e a reafirmación dos valores táctiles até o establecemento de ligazóns con outros medios de expresión: pintura, música, poesía, fotografía...

Estes reflexións iniciais teñen como espoleta argumental a obra da escultora Elena Colmeiro (Silleda, 1932), da que se nos ofrece na Casa das Artes de Vigo unha coherente e elaborada proposta de achegamento á súa obra, argumentada pola comisaria Rosario Sarmiento. Na exposición podemos percorrer unha traxectoria marcada por unha vontade de afondar, desde un ollar extremadamente persoal e rigoroso, sobre algúns dos problemas da tradición plástica, desde un medio, a cerámica, que até ben avanzado o século XX estaba marcado por un uso artesanal, do que foi saíndo na segunda metade da centuria, entroncando coa evolución da escultura e a pintura da contemporaneidade.

Desde os seus primeiros traballos, Elena Colmeiro conecta con esta sensibilidade contemporánea, dotando a súa cerámica dunha suxestión rítmica, rompendo a habitual distinción externo interno do medio ceramístico máis tradicional, dialogando coas correntes da abstracción matérica, presente na pintura europea e americana desde finais dos anos corenta.

Na súa evolución, a autora agudiza a súa construción analítica nun sentido purista, esencializador, que se explicita con toda rotundidade en obras xa dos anos sesenta. Nelas entrecrúzanse planos e texturas, manifestándose como conceptos esenciais, abstractos, no seu sentido de extrema depuración. É un exemplo da conquista dun ideal formal absoluto, que se enmarca como un dos mellores exemplos, no panorama de reformulación das correntes da abstracción, acentúando os matices cromáticos dos distintos compoñentes materiais, matizados polos xogos lumínicos e táctiles.

Elena Colmeiro converte así unhas obras que poderían situarse nun proceso puramente formalista nun mundo completamente diferente e cargado de suxestións, xa que o punto de partida é sempre o traballo de investigación coa materia, escolmada e sometida a unha fonda revisión para transmitir o tacto, a cor, a súa intensa materialidade, para procurar no espectador reflexión e emoción, establecendo unha relación entre a materia e a linguaxe que se fundamenta na capacidade da materia de posibilitar cadeas de pensamento e emoción. Neste senso, a artista proponse un afondando nun aspecto especialmente relevante da tradición da relación entre as distinas artes, nunha vontade de superación das fronteiras entre as artes -escultura, cerámica, pintura-.

Mais a obra de Elena Colmeiro é sobre todo escultura, unha escultura que parte desde o cerámico, que é a camada profunda da súa obra, o substrato, a pura materialidade, vacuidade de silencio sobre a que calquera imaxe abre un mundo de suxestións e diálogos, creando unha realidade de comunicación, en que o material dá a pauta de relación co outro. A artista, sobre este fondo, forza a forma, intensifica as calidades cromáticas, amosando o seu interese pola plasticidade dos diversos materiais, construíndo así un magma creativo a partir do que agroma a materia como un ruído, ao xeito de como o describe Milton, por exemplo, no seu Paraíso perdido cando di que "Un clamor universal de ruídos/ tan salvaxes como enxordecedores/ e voces que en tremenda confusión/ saían da oca escuridade".

Título: Construíndo cos materiais, 1958-2016. rtista: Elena Colmeiro. Comisaria: Rosario Sarmiento. Local: Casa das Artes, Vigo. Até o 28 de xullo.

Artefactos de comunicación

  • Outro aspecto salientábel da obra de Elena Colmeiro é o que se refire ao soporte. A armazón, como teñen resaltado un variado conxunto de artistas e críticos actuais, non é un tema intranscendente, ben pola contra, constitúe tamén para moitos artistas un xeito de encontrar outra dimensión para o obxecto, e polo tanto un elemento fundamental na creación plástica. Elena Colmeiro afronta este reto desde unha clara vontade de construción, para desde a armazón abrir unha nova maneira de entender o traballo artístico. A súa é unha actitude plenamente artesanal, facendo que o soporte e o volume sexan un todo -como nas súas lousas a xeito de muros de tixolo- que se conforma como un "obxecto" autónomo, como un artefacto de comunicación, que lle permite á artista unha relación máis achegada, máis obxectual, feito que se transmite tamén ao espectador que percibe o aspecto táctil e pleno da obra. Este aspecto constitúe unha nova mostra -e non a menor- da rica dialéctica que a autora pretende -proceso artesanal, ideas conceptuais- aparente paradoxo que se resolve no espazo na rica plasticidade e na rotundidade argumental, mostra da madureza e solidez dunha artista na súa plenitude creativa.

Compartir el artículo

stats