Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Liberando o corpo

Unha insurrección íntima e plural

Liberando o corpo

Liberando o corpo

Se o mundo é unha construción, o corpo non deixa de ser o seu exaltado comezo. Erixímolo cun mundo de vivencias e co modo en que miramos o mundo. En consecuencia, a maneira de o construír resulta esencial para vivilo. Tan só se pode edificar unha ollada libre liberándonos daquilo que a entupe, enmascara ou deforma. Esta mensaxe latexa en todos os poemas que integran Transmatria de Daniel Asorey (Compostela, 1970).

O título desvela a intención emancipadora dun dos males que mutila a nosa liberdade: o estado patriarcal, que inculcou un rol humillante á muller na sociedade impedindo desenrolar libremente non só a sexualidade interpersoal, mais tamén a propria identidade sexual e de xénero de cada un de nós. De aí que atopemos, transgredidos en numerosos versos, os signos gramaticais marcadores de xénero: "Atopeite aquí,/fermose,/e contigo medrou a identidade/de ser eu tamén parte do sol/que queima o mundo".

Contra a función reprodutora e submisa asignada á muller, o poeta reclama unha insurrección íntima e plural que mude radicalmente este statu quo: "A miña loita é a dun mar que non esquece". Polo que demanda unha belixerante confrontación cos poderes establecidos: "Sementa o trigo na seara,/embaixo das luces azulísimas,/represoras,/das súas sirenas". Non resulta descamiñado relacionar as sereas das furgonetas policiais antidisturbios co canto das sereas do capitalismo que nos quere atraer, para afogarnos.

A revolución que nestes versos se predica pretende ser radical, isto é, arrancar de raíz a ideoloxía que procrea a desigualdade e impón un cárcere ao desexo. De aí que a mención bíblica delate que esta opresión ten unha orixe milenaria, en concreto na cultura xudeu-cristiá: "Serpe, que divina me comporto,/reptando moi lasciva,/na Mazá". E proclame o libre ser para ser libre: "o poder da lama no teu corpo/cando ti mesma decides/ser aquilo que soñaches". Como moi fermosamente se declara máis adiante: "Olla o teu corpo,/estás a tempo/de construíres con el un continente".

ASOREY, DAniel, Transmatria, Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 11, 87 E

Compartir el artículo

stats