Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Había que intentalo

Rock directo, rock Caamagno

Cartel anunciador do SilFest Valdeorras, 2019.

Cartel anunciador do SilFest Valdeorras, 2019.

Había que intentalo é o novo traballo discográfico da Familia Caamagno. Os Caamagno comezaban a súa actividade musical, aló por terras de Sigüeiro, no ano 2010 e cos marcos de estilo xa perfectamente ben delimitados dende os seus inicios. O seu é o rock de atmosferas beat e certo aire vintage, moito aquel retranqueiro e moita rickenbacker de pantalón pitillo e americana. Cun son claramente electrizante, luminoso e con todas as ansias de poñernos a bailar en canda verso e en cada retrouso. Agora andan a presentar novo traballo despois dos seus anteriores EPs Familia Caamagno (Familia Caamagno, 2012), Cantan polo Nadal! (Familia Caamagno, 2012), Hai que andar cos tempos!, (Lixo Urbano, 2014) e Para unha vez que saímos (Lixo Urbano 2016) cos que claramente merodeaban por esa idea do rock directo de riffeiros ritmos vivos e melodías moi cantables e asubiables. Coma se os Standells medraran nun posto de grelos e mel no foxo da nacional entre Compostela e A Coruña ou coma se os Sonics quedaran a comer un bocata no Orella despois dun ensaio quente de rock, moita actitude e cervexa. Coma se os Beatles fosen no Castromil a unha praia repleta de surfistas nazis con ganas de armar unha boa desfeita de xenio, pólvora e melodía ou, e buscando na leira do lado, coma se Jorge Explosion andara ás troitas no Tambre cantaruxando aquilo de "soy eterno, soy moderno y lo estoy pasando bien".

A Familia Caamagno coñece a fórmula e sabe como empregala para acadar o resultado perfecto. Moita elegancia sónica e visual e cun Manuele Caamagno mutando a cada compás naquel John Belushi desbordante de magnetisto e engado. Enténdaseme ben, pois o camiño dos Caamagnos vai por sendas máis saudables ou iso agardamos polo ben do noso Manuele. A proposta do grupo medra ano a ano e neste curso, co novo disco como carta de presentación, desenvolven un traballo de directo perfectamente engraxado e coidando moito todos os elementos e detalles dun show no que todo funciona milimetricamente rodado. Na sala Capitol de Compostela encheron e convenceron, sempre dous fitos ben complicados de conseguir. De novo, na mesma cidade, no Son do Camiño, fixeron do monte do Gozo un auténtico guateque de rock e actitude diante dun público que caeu seducido en mans do canallismo intelixente e descarado e tamén polo notable son da banda co Xurxo Pinheiro Barbitúrico aos mandos da consola do son.

Con Había que intentalo (Folk Records 2019), Manuele, Jess, Francesco, Lano e Toni Caamagno continúan por ese camiño da música de certo corte atemporal na que as cancións soan contemporáneas á vez que a ninguén lle estrañaría que as sacaran dun vello vinilo atopado no faiado dun melómano sixtie ou setenteiro. Cancións que entran tan ben que despois quedan pegadas coma caramelos derretidos no peto dun vello pantalón. H abía que intentalo son nove pezas que falan de viaxes en Castromil, de nostalxias do pasado, de poñerse guapos para a interminable noite de cubateo deportivo, de días que poden acabar sendo extraordinarios, de cartos, de troitas mergullando no río de Sigüeiro e de tabernas, soños pop e rotondas. Amor haino, nocturnidade e aleivosía, coido que tamén. Mellor deixen de ler e achéganse a el con ganas de ouvear, de bailar e de raposear. E si, de certo, seica un raposo se lles cruzou polo escenario do último concerto. Aínda bo foi non atropelalo!

SilFest Valdeorras, 2019

  • Comeza o verán e comeza o momento do ano de disfrutar a eito da maxia da música en directo. Hoxe queremos recomendarvos unha desas datas que son un regalo para o noso padal: falamos da nova edición do SilFest no Barco de Valdeorras. Alí soará música e poderemos deixarnos engaiolar polos engados do cine, da poesía, do viño, da gastronomía e sobre todo da natureza e, ademais, coa música como fantástica escusa. Os días 4, 5 e 6 de xullo, cun cartel que convoca propostas da talla de Second, Shinova, Amatria, Smile, Igloo, The Morgans, Chelsea Boots, Kings Of The Beach, La Plata, Azor 91, The Dawlins, DØMINA, Vuelta y Media, Andhrea & the Black Cats ou Airline, contando con zona de acampada, cun showcooking a mans de Kike Piñeiro, un dos nosos cabezas de cartel dos fogóns e premio estatal de gastronomía, con feira e recitais poéticos, con música para as máis pequenas e pequenos, coa posibilidade de navegar en kaiak nun entorno único e sobre todo co Barco de Valdeorras como gran escenario da finde, O SilFest conforma unha das datas apuntadas en fosforito no calendario festivaleiro do país. As entradas son todo o asequibles que un cartel deste tamaño permite, con abonos anticipados a 16 euros e entradas para un dia de 12 euros, os adultos, e de 4 euros, as crianzas. "Un festival diferente por todo o que ten, por todo o que ofrece, polo ecléctico que é e co Barco de Valdeorras coma gran cabeza de cartel" dinnos dende a organización. O dito: un plan fantástico para unha finde musical, social e natural de primeira.

Compartir el artículo

stats