Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ficar en Merlo

Escrita claustrofóbica

Ficar en Merlo

Ledicia Costas volve apostar para a escrita para adultos. A autora, que vén precedida dunha recua de premios espectacular (o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Lazarillo de Creación Literaria por dúas ocasións ou o Losada Diéguez, por citar algúns dos máis significativos), está, non obstante, sorprendendo a unha parte do público e a unha parte da crítica que non se interesaran antes pola súa escrita, xustamente por considerala tan só unha escritora apta para público infantoxuvenil. Grande erro, sen dúbida. Non só porque a autora é dona dun estilo inimitable ao que acompaña unha imaxinación poderosísima, senón porque xa se sabe que as obras significativas de literatura para a rapazada tamén o son para un lectorado máis formado, pese a quen pese.

E de súpeto chega Infamia, unha novela que curiosamente contén moitas das claves máis características da poética de Costas: unha escrita lírica, profusamente coidada; uns personaxes redondos, con tantos recunchos escuros que nos poderiamos perder neles; ese gusto polo raro, polo diferente; eses pequenos, pero significativos espazos, de amor polas palabras e con todo o peso que as emocións adoitan ter nas súas obras. Todo iso envolto nunha historia arrepiante, de corpos de mozas que non aparecen.

A Merlo, un lugar marcado pola desaparición das irmás Giraud hai vinte anos, chega Enma Cruz, unha profesora de dereito penal que axiña se interesará polo caso. A lectora averiguará con ela, xa nos primeiros capítulos, quen as matou. Porque o importante non é descubrilo, senón como resisten os protagonistas o paso do tempo: os asasinos, coas súas contradicións e os seus desvelos, tamén coa súa lixeira humanidade; a nai, cos seus segredos ocultos e o peso da ausencia profundísima; os encubridores, coa conciencia a martelazos e as armas da ameaza; e esa sorte de coro grego que é o barrio, exemplificado en diferentes secundarios que van sementando a dúbida. A tensión que consegue Costas é claustrofóbica porque todos saben cousas de todos, pero ninguén coñece a intrahistoria dos outros por completo. Chegar ao final de Infamia concédenos, precisamente, ese privilexio.

Un texto para dixerir sobre a sociedade na que vivimos e o que facemos por salvar o propio pelello, unha novela para non durmir polo que supón de enorme peso de conciencia e un espazo, Merlo, para fuxir del ao pouco de entrar. O problema é que a escrita de Ledicia Costas non nolo permite e Merlo quedará en nós unha boa tempada, coa súa néboa invadíndonos por dentro, sen que poidamos facer nada.

COSTAS, Ledicia, Infamia, Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP 17, 38 ?

Compartir el artículo

stats