Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Falando teoría

Un mundo de procura no creativo

Falando teoría

Baixo o título Un, dus, tres, escondite inglés, a Casa Galega da Cultura, de Vigo, acolle unha colectiva organizada pola universidade viguesa e a Concellería de Xuventude que, nos axitados tempos que corren, vén supoñer toda unha declaración de principios nas manifestacións culturais.

Tentando defender que hai artes maiores e outras menores, algunhas academias andan a excluír agora mesmo as formas de creación do novo milenio do seu ámbito de auctoritas. Daquela, a moda desta mostra quedaría fóa da consideración desa reaccionaria academia. Temos de argumentar, logo, a natureza coma arte ou manifestación cultural da moda e o deseño.

O famoso arquitecto Rem Koolhaas explica que "non é posible vivir nesta época se non se ten conciencia das moitas forzas en contradición." A tecnoloxía fronte á artesanía, a globalización fronte á parroquia, o culto á xuventude fronte ao paso do tempo, son algunhas das contradicións ás que nos afrontamos de cotío. Esas circunstancias afectan a todos, sendo o eido da cultura un dos máis caneados pola contradición.

Na grande progresión das manifestacións culturais, a modernidade incorporou, non sen violentas críticas reaccionarias, a fotografía e o cinema; máis tarde foron engadirse o ready made e artes do corpo (accións, performances, butoh). O postmodern trouxo a visión transversal da creación, figuradamente apoiada no oportunismo de Andy Warhol (con antecedentes en Walter Bernjamin) de trocar os obxectos comerciais en arte.

No ano 1971, a mostra Fashion: An Anthology by Cecil Beaton, no Victoria&Albert Museum de Londres, leva por primeira vez a moda dos nosos días ao museo. E dende entón as modas, e non soamente as indumentarias, pasan a ser observadas como obxectos autónomos, sendo pezas téxtiles que incorporan significativos discursos culturais e son, en non poucas ocasións, obras de arte.

Así que coa chegada do troco de milenio, as 7 Belas Artes ficaron curtas, pois o estado da cuestión social atopa relevantes outras formas de creación como a moda, a videocreación, o ciberespazo, a ciberarte, o deseño, a gráfica ou a banda deseñada, por mencionar algunhas das consideradas polo público como belas artes. Malia a evidencia aperturista e transversal do Zeitgeist, ou espírito dos tempos, hai grupos reaccionarios nos ámbitos profesionais das artes en España e en Galiza que detestan esas formas de creación do novo milenio.

Canto á moda, na volta do ano 2000 aconteceu a invasión de modistas de orixe anglosaxoa contra a Alta Costura Francesa. O grupo dos anglosaxóns incluía a Tom Ford, Marc Jacobs, John Galliano e Alexander McQueen que tiñan en común esa bagaxe cultural británica e americana, pero sobre todo compartían a procedencia académica. Todos eran creadores formados en escolas de arte. Unha segunda xeración de creadores procedentes de escolas de arte e arquitectura inclúe a Dai Fujiwara, Kris van Assche, Rick Owens, Kim Jones, Ricardo Tisci, Virgil Abloh. Todos eles son directores creativos das máis senlleiras e vangardistas compañías de moda do mundo, abranguendo un amplo campo de creación, feito en equipo, que inclúe laboratorios de formas, materiais e procesos e outorgándolles ás pezas que crean unha existencia transversal por medio de múltiples soportes que inclúen deseño, fabricación, gráfica, fotografía, escenografía, desfiles ou performances, música... O percorrido das prendas e obxectos vai dedicado a un público informado, que colecciona as súas prendas, e a museos que as expoñen. A repercusión do seu traballo a nivel planetario fai deles elementos axiais da cultura pop do século XXI.

Os grandes artistas que nos nosos días traballan no deseño e na moda proceden, pois, de escolas de arte, teñen un rigoroso proceso creador, abranguen a miles de usuarios en múltiples soportes, fan popular a cultura e a arte?e, se os pinchamos, tamén sangran.

Proceso creador

  • Un, dous, tres, escondite inglés vén reunir, baixo o comisariado da investigadora, xestora, autora e profesora de Belas Artes, Lola Dopico, un grupo de creadores en soporte téxtil esencialmente, pero asemade artistas da impresión, o debuxo, a gráfica, a escultura, a fotografía e a poesía. África Abadín, Miriam Cartagena, Susana Fall, María Lázara, Paula Malvar, Zaira Margae, Xoana Medraño, Atsuto Oda, Andrea Piñeiro, Nerea Rodríguez: velaí os nomes das participantes. Algo onírico e relativo aos xogos é o leitmotiv da mostra que fai recoller aleatoriamente, por este grupo de mulleres artistas, diversas herdanzas doutras tantas creadoras universais. Hai flores de Dorothea Tanning; cabezas zoomorfas de Leonora Carrington; xeometrías de Maruja Mallo; ombreiros e chapeus como os que levaba María Casares nos filmes franceses; estruturas como as de Ángela de la Cruz; campos de cor como os de Berta Álvarez Cáccamo. O que se evidencia nas obras instaladas na mostra é o proceso creador, non se ensina nas escolas de Arte a rematar un obxecto. É dicir; non se pretende acadar un deseño, procúrase dirixir a mente creadora nun camiño de proceso creador que atope o deseño, a peza, a obra, como xeito de pensamento. Un mundo de procura no creativo: iso teñen en común as artistas da mostra que, con formación dende unha facultade de arte miran, cara ao mundo do século XXI. Unha escena global, transversal, cooperativa, integrada, transnacional e futura.

Compartir el artículo

stats