Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da soberanía estética

Gómez Román e Antonio Palacios

Maqueta do "plan Palacios".

As Irmandades da Fala aprobaron en 1918, na epifánica asemblea de Lugo, a "soberanía estética da nazón galega". Este concepto recóllese no manifesto no cal a organización irmandiña asentou os zócalos, columnas e trabes do nacionalismo contemporáneo.

Ten o seu aquel profético. Prognostica a necesidade de regular o urbanismo con base nos criterios estéticos e patrimoniais. Os irmandiños querían preservar as construcións de estilo digno, cos trazos emerxidos da xeografía galega e sostendo un entrelazado de fíos tradicionais e modernistas.

Vigo é unha das urbes onde o canibalismo devorou verdadeiras cantigas de pedra ao vento. Pensemos no vello Café Derby, arrentes do Marco. No seu lugar érguese un aséptico edificio de faciana oxidada. Igual sucedeu co Café Colón, sito en Velázquez Moreno e deseñado por Gómez Román, cunha fermosa fachada modernista. No interior había un salón con olor de bohemia e belle-époque, un espazo elevado para o piano, salas de billar con espellos alongados até o teito... Engulipouno a besta caníbal para no seu sitio defecar unha mole insulsa destinada aos almacéns El Pilar, onde agora está a Casa do Libro. O patrimonio arquitectónico vigués foi, pois, extirpado á terra. As raizames foron arrincadas e queimadas sob o pretexto do progreso que en boca dalgúns responde á especulación. O pobo de Vigo quedou sen este patrimonio; outros poucos quedaron cos cartos.

Contra todo isto escribiu o finado Xaime Garrido en obras coma Vigo, la ciudad que se perdió (1991). A lectura fórmanos na conciencia de protexer o acervo cultural para que endexamais volva suceder semellante profanación. Neste sentido, os nosos ollos recréanse contentos nos edificios recuperados nese espazo burgués que se estiraba pola rúa Real dende O Berbés até a Alameda, o barrio dos cataláns que hoxe chora o desmantelamento de Vulcano, berce da loita obreira e monumento de Teis. De certo, os libros de Garrido son un convite pra a imaxinación. Na rede circula un vídeo titulado "Vigo, arquitectura perdida" onde se reconstrúen os edificios pulverizados no seu lugar orixinal. Unha beleza atravesa a urbe atlántica.

O cruce de Colón, a Rosa dos Ventos da cidade, só conserva o vello Banco Pastor. O meu pai faloume do paso do tranvía por alí, cos gardas (vacenillas, dicíanlle os cacos da ribeira) no medio a dirixir un tráfico de bicicletas, carros tirados por cabalos ou camións avelloados guarecidos por catro edificios de fina, elegante e preciosa feitura. Só queda un, o de Manuel Gómez Román e a saudade pasea canda nós.

Gómez Román e Antonio Palacios foron dous grandes arquitectos para Vigo. Ambos gañaron un indiscutible prestixio sen renunciaren os recursos que ofrecía o país galego (granito) ou a tradición (románico). Desbotaron a autoxenreira, eles viandantes da burguesía local; incluso militaron nas Irmandades da Fala, aquelas que falaron da "soberanía estética da nazón galega", lembran? Ademais, Gómez Román foi secretario xeral do Partido Galeguista pre e pos 36. Esta responsabilidade obrigábao a manter xuntanzas clandestinas ou enviar cartas ao exilio coa axuda de polisóns ou anduriñas; é dicir, os colaboradores que viñan en paquebotes transoceánicos.

O pasado abril presentouse no Colexio de Arquitectos de Vigo, onde un sente a cinsa dos papeis queimados polo feixismo, o libro de X. R. Iglesias Veiga Arquitectura rexionalista galega. Antonio Palacios, Gómez Román&outros arquitectos (Engaiolarte, 2019). Unha obra continuadora de Garrido, que nos informa de todo o que falamos deica agora: os edificios perdidos, os proxectados e non construídos, as influencias europeas, a concepción nacional da arquitectura...

Gómez Román e Palacios pensaron dous grandes proxectos. O primeiro, unha basílica de dimensión extraordinaria; o segundo, un modelo de cidade carregado de polémica. Poderían constituírse en maquetas que estivesen en exposición permanente nun espazo destacado, á vista e accesible, no propio Colexio de Arquitectos. Sería unha sinxela homenaxe para dous grandes artistas e un recordo indeleble de quen imaxinaron a estética de Vigo.

Compartir el artículo

stats