Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rescatando a memoria filmada

Do arquivo de Antía Cal e Antón Beiras

O achado dunha lata con filmacións no arquivo de Antía Cal e Antón Beiras é para a historia recente da cultura galega unha auténtica revelación. Trátase dunhas imaxes descoñecidas que nos chegan desde a escuridade dun tempo ben difícil para a nosa cultura, nomeadamente para a expresión no noso idioma.

Se pensamos nas datas en que se realizaron as filmacións: 1951-1952, un dos momentos máis complexos da nosa historia política e cultural, e na especial saña coa que se controlaba calquera manifestación da identidade galega, e en particular o uso formalizado do noso idioma, podemos calibrar a importancia deste testemuño de figuras senlleiras da nosa cultura, entre as que vemos a Ramón Otero Pedrayo, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Cabanillas, Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz Andrade ou Celso Emilio Ferreiro. Nos 17.000 fotogramas dixitalizados recatados -que se encontraban inicialmente nun estado practicamente inservíbel- asistimos á visita dunha delegación da emigración a Galiza, con recepción na Academia Galega e homenaxes a Manuel Curros Enriquez, Emilia Pardo Bazán e Perfecto Feijoo; a outra visita á recentemente creada Editorial Galaxia en Vigo e ao ingreso do músico Antonio Iglesias Vilarelle na Academia Galega.

Mais o testemuño sobranceiro é o que homenaxea o arquitecto Manuel Gómez Román, home moi vinculado ao nacionalismo galego -chegou a ser presidente do Partido Galeguista na clandestinidade- e á Xeración Nós, que fora antes da guerra membro do Seminario de Estudos Galegos, dirixindo a Sección de Ciencias Aplicadas. Nos anos desta gravación era unha figura incontestábel que como arquitecto elabora desde décadas atrás unha obra historicista inspirada no barroco galego. Entre as súas construcións, realizadas sobre todo en Vigo, pódense subliñar os Almacéns Simeón (1906-1911), aínda dentro dun eclecticismo clasicista que insire motivos ornamentais modernistas e o Banco de Vigo (hoxe Banco Pastor) realizado entre 1919 e 1923 xa marcado polos influxos barrocos composteláns e inserido nas procuras dunha arquitectura alicerzada na tradición galega que o arquitecto reforzará a partir dos anos vinte sobre todo nas súas moradas unifamilares que contarán con ampla aceptación social. Planos deste tipo de obras poden enxergarse na filmación, cabo de diferentes imaxes de edificios do arquitecto, en construción ou rematados.

A película de Gómez Román agora rescatada recolle imaxes do seu estudio de arquitectura e do seu ingreso na Academia Galega, acto en que as autoridades fascistas prohibiron o uso do noso idioma. Este feito non se pode entender como nada raro nuns tempos en que se censuraba até simples versións líricas en lingua galega como aconteceu co volume Musá alemá, traducido polo historiador de arte e arqueólogo Antonio Blanco Freijeiro e polo poeta Celso Emilio Ferreiro en 1951, que foi retirado de circulación pola censura fascista por conter poetas tan "perigosos" como Rainer Maria Rilke, Friedrich Hölderlin, Heinrich Heine, R. Dehmel, Agnes Miegel e Franz Werfel. Sendo un libro de contido lírico e sen connotacións políticas foi perseguido cun rigor sorprendente xa que a edición apenas puido ser vista nas librarías para logo ser retirada da circulación por orde da censura e, despois dunha durísima resolución administrativa, queimada. Evidentemente o censurado era a lingua de chegada e non o lirismo xermano. O mesmo acontece co discurso académico de Gómez Román, evidenciando a dupla censura que padecemos os galegos: a xenérica ideolóxica do fascismo e a lingúística.

Título: Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada. 1951-1952

Filmación: Arquivo Antía Cal e Antón Beiras. Narración: Xurxo Martínez González. Local: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Até o 15 de setembro.

Recuperación editorial

  • Mais non todo son más noticias nesta altura para a cultura galega xa que nestes anos asistimos ás primeiras tentativas de recuperación editorial en lingua galega, como amosan as imaxes agora rescatadas co exemplo de Galaxia que xa estaba a xogar un papel sobranceiro na recuperación do uso literario do noso idioma. No conxunto do filme a lingua e o libro galego -tamén o do exilio presente nalgúns dos agasallos dos actos filmados- teñen, pois, un protagonismo senlleiro. O que nos presentan as imaxes do arquivo de Antía Cal e Antón Beiras non é un produto simplemente doméstico, ben pola contra, tal como se nos ofrece, o que se nos facilita é un auténtico contradiscurso a respecto da propaganda franquista, que pode lembrar os documentais característicos destes anos -o famoso NODO franquista- mais dándolle a volta. Un exemplo de resistencia desde a ética e desde a cultura. Este é o sentido e o ambiente en que xorden as imaxes do arquivo de Antía Cal e Antón Beiras que agora, 68 anos despois e xa restauradas, podemos ollar nunha das salas do MARCO cunha interesante narración contextualizadora do investigador Xurxo Martínez González. Unha importante achega na recuperación da nosa memoria histórica e cultural.

Compartir el artículo

stats