Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Contra o analfabetismo ilustrado

A cultura como motor de desenvolvemento

A ensaísta Marina Garcés.

A ensaísta Marina Garcés.

En 1952 Alfred Kroeber e Clyde Kluckhohn foron compilar un listado de 164 definicións de cultura, asemade que clasificaron máis de 250 distintas. Para a RAG, a cultura seria: "un conxunto de coñecementos xerais que posúe unha persoa, adquiridos mediante a instrución ou a experiencia". Desde a Revolución Francesa, a cultura formou parte dos valores asociados aos principios de liberdade, igualdade e fraternidade, a herdanza mais prezada pola humanidade, na cal veñen atoparse as ciencias, as letras, as artes (incluídas a gastronomía, a alta costura...), e demais saberes que o mundo enteiro recoñece.

Acordes con Marina Garcés en Nueva ilustración radical (2017), "a cultura moderna mobiliza dúas ideas: a identidade nacional e a prosperidade económica". Velaí, da súa parte, a forma que Étienne de La Boetie analizara no s. XVI: a servidume voluntaria, despregada agora como servidume cultural. Dúas centurias despois, ambos, tanto J.J. Rousseau como D. Diderot, deviron conscientes de que a cultura do seu tempo viña conformar a principal coartada dun sistema de poder hipócrita e adulador que reproducían, desprazándoas, as anteriores relacións de poder. Fronte a semellante servidume cultural, dispuxeron unha critica radical e mais un combate contra a credulidade e as súas formas de opresión que se foi converter en verdadeira crítica da propia cultura.

Significa, porén, Hegel -na súa Filosofía do dereito,- que aquilo que fai a cultura radica en liberar o cidadán dos particularismos para integrar o suxeito no Estado. Freud, en O malestar na cultura, analiza aínda "a dor desta integración, represiva e forzosa e as súas entrañas psíquicas e políticas".

Mais foi Friedrich Nietzsche quen desenmascarou na cultura da Europa da súa época os valores dunha moral resentida e enfermiza. Marx móstranos, á súa vez, como nela veñen aloxarse, operando desde aí, os intereses de clase da burguesía. Canto a Walter Benjamin, sinala: "a cultura vén ser ese resto que as narracións de progreso, incluso as revolucionarias, están deixando perder". En fin, a Escola de Frankfurt denunciou, pola súa banda, a a violencia da industria cultural e mais os seus efectos destrutivos. Xa na actualidade, as institucións globais da cultura convertéronse na sede permanente da crítica cultural. Cando a cultura se reduce, entón, á critica da cultura, a súa autonomía queda condenada a autorreferencia. É preciso, xa que logo, situar que a necesidade da crítica, e mais as súas raíces entre o saber e o poder, non ten interese de seu, senón que só adquire valor cos seus efectos de emancipación.

André Malraux e Jack Lang, ministros de Cultura ao longo de catro (1959-1962) e doce anos (1981-1993, ,respectivamente, situaron a cultura francesa cunha aportación ao PIB do pais sete veces mais que a industria automobilística (3,2%). Nun só ano, a industria cultural francesa acadou cento catro mil millóns de euros, co valor engadido das artes escénicas e visuais, o patrimonio, medios de comunicación, libros, audiovisuais, publicidade, arquitectura, cine, industrias da imaxe, acceso a bibliotecas e arquivos, etc. A erosión á transición dixital veu compensada co valor engadido polas plataformas Apple, Google ou Amazon, que interceden entre creadores e consumidores. No Estado español estase á espera, mentres, dunha reformulación da Lei do mecenado, ou dunha mellor lexislación do IVE, para potenciar a cultura, en estreita relación coa educación, urbanismo, economía, turismo, gastronomía....

E conclúe xa Marina Garcés: "Ante a catástrofe do noso tempo, precisamos máis coñecementos e máis educación, invocando o seu poder salvador. Sabemos moito, ao tempo que podemos moi pouco. Somos ilustrados e analfabetos. O desenvolvemento cultural e moral, para Rousseau estaban descolados. Diderot móstranos as relacións de dominación económica que sostiñan o simulacro de moralidade estética da sociedade ilustrada. Sabémolo todo e non podemos nada. O simulacro xa non fai falta. A nosa ciencia e a nosa impotencia danse a man sen ningún rubor. Estamos en tempos de analfabetismo ilustrado".

Compartir el artículo

stats