Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lirismo conceptual

Paixón polas vangardas

Lirismo conceptual

Empregamos aquí e agora o termo experimental para designar o que non podemos clasificar, o que desconcerta, o que escapa ao fácil raciocinio. Ou aos asertos coñecidos.

O volume que comentamos, Draga, está composto por un plástico case holográfico que desvela a figura dun home nu e maduro. Dito plástico envolve un libriño, un opúsculo e un póster despregábel que, por un lado, mostra dúas mans e dous brazos pilosos e, por outro, en letra minúscula e comprimida, o conxunto dos textos que se publican. O nome do autor non aparece por ningures. Para o coñecermos temos que romper o invólucro e, dentro do libriño, descubrir que Claudio Pato (Ourense, 1962) foi o creador desta rompedora proposta (non esquezamos que pertenceu ao grupo Bilbao dos poetas galegos que viviron en Madrid).

O opúsculo, en edición facsimilar, intitúlase Se o bruido e a rotación do amonal na casa das abellas, publicado en 1991. Trátase do primeiro poemario do escritor onde xa observamos unha paixón polas vangardas, un discurso críptico e, ao mesmo tempo, aluvial que nalgúns casos trae á nosa lembranza o Maiakovski de A nube en pantalóns: "a raia da garganta marcaba de gaivotas o valeiro das fábricas/a coraxe dos tranvías". Tamén a Manoel Antonio e, como non?, ao Grupo Poético Rompente.

O libriño, Draga, vén resultar o último do poeta. Contén un lirismo máis conceptual e discursivo e menos torrencial e fragmentario. Seguimos no versolibrismo, mais agora o texto irradia reflexión aflitiva, un fondo sufrimento polo pasar dos días, pola inercia das causas: "e a calor que traza o corpo ao pensarse así sen nada que facer ao se deixar caer/drogado pola violencia".

Esa sensación de áspera dolencia permítenes, entón, calibrar o xogo de palabras que establece co título: DR(O/A)GA. Onde notamos a veta melancólica e o afán de subsistir, xogando de novo coas palabras: "a musculatura da vinda que arrastra os radicais apenas pernoctada a decisión soberana de vivir". O dito, da experimentación (tentar, arriscar) nace a experiencia (sentir e coñecer).

PATO, Claudio, Draga, Ed. Concello de A Coruña, 2019, PVP. S/P

Compartir el artículo

stats