Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De como facer un libro

De Gutenberg á autoedición

O deseñador catalán Enric Jardí.

O deseñador catalán Enric Jardí.

Os que gustamos dos libros temos a teima de observalos e admiralos non só polo seu contido senón tamén (ou por riba, ás veces) pola súa condición de obxectos. Un libro ben deseñado, ben impreso e ben encadernado é un artefacto cuxa beleza non sempre resulta accesible, sexa pola súa antigüidade, sexa pola súa condición exclusiva. Ter nas mans unha obra de hai anos posibilítanos regresar por unha especie de túnel do tempo. Pero aquela maneira de editar case artesanal, con baile de caracteres incorporado, xa é historia.

Gutenberg inventou a tipografía, a composición con tipos móbiles para a impresión a presión, que chegou ata o século XX, cando apareceron a linotipia e o ófset. Pero estes sistemas de reprodución seguían a ser privativos do oficio de impresor, fose para publicar libros ou publicidade, fose para editar xornais: o creador (escritor, deseñador, xornalista) non interviña na composición dos contidos a imprimir: libraba o texto -escrito a man ou a máquina- e o profesional da imprenta conformábao para pasalo ao papel impreso.

Pero coa aparición da informática, hai uns anos, os sistemas mecánicos para a confección de textos foron superados. Hoxe son os propios autores os que deseñan (deseñamos) o cadro de texto seguindo uns patróns previamente definidos: tipo de letra, caixa da mesma, composición dos parágrafos, etc. Logo, os profesionais de preimpresión lle darnlle a forma definitiva.

Estas ferramentas informáticas facilitan tamén a autoedición a aqueles autores que se atreven a non depender das editoriais ou non teñen maneira de que os seus escritos sexan tidos en conta por elas. De igual xeito, os participantes en obras colectivas (actas dun congreso, artigos en revistas científicas ou de crítica) teñen que pasar polo filtro dunhas pautas ou normas que veñen dadas polos responsables da edición, moi diferentes duns casos a outros: bibliografía ao final ou a pé de páxina; comiñas baixas (francesas) ou altas (inglesas) para a reprodución de frases ou para os títulos de artigos; sangrados; variedade tipográfica, etc.

Para os especialistas, futuros profesionais da edición, usuarios especializados ou público moi interesado, Enric Jardí vén de publicar Así se hace un libro (Arpa). Este coñecido deseñador catalán dedícase ao mundo editorial e á imaxe corporativa. Froito da súa experiencia, deu clases en diversas universidades e agora coordina un máster de tipografía avanzada e deseño de páxina na escola Eina da UAB.

Nesta obra, Jardí presenta de maneira moi didáctica todas as fases que cómpre dominar -ou polo menos coñecer- para ter certas garantías de éxito á hora de confeccionar o formato dun texto que ten que ir á imprenta. Para iso describe os diferentes elementos que conforman un libro (vale tamén para o deseño dunha revista), tanto os que definen o seu interior (formato, proporcións, letras) como os acabados visibles de primeira (cuberta e tapas, portada, tripa).

Pero nesta segunda parte os autores apenas teñen intervención, polo que boa parte deste manual está dedicada ao que sería a estrita composición dos textos. Desde cando é preferible optar por un corpo único ou por columnas; os espazos e sangrados de e entre parágrafos; as proporcións de títulos e subtítulos. E moi especialmente, o asunto das letras a empregar e os diferentes tipos e espazados entre elas, cousa que pode repercutir ás veces nun aforro de páxinas (é dicir, de tempo e de papel).

Neste senso, Enric Jardí guía o lector no que respecta ás diversas solucións que oferta o mercado: formatos estándar dos paquetes de edición informática ou produtos específicos para o tratamento de textos. Tamén verbo das diversas posibilidades que temos á hora de optar por un deseño ou por outro e as vantaxes e inconvenientes que teñen. E a maneira de complemento, en tanto que se trata xa dun tipo de edición moi especializado, dá algunhas orientacións para tratar os libros que incorporan grafismo, imaxes ou táboas (xa que logo estatísticas) a partir de follas de cálculo.

As raíñas da impresión

  • As letras -ou, mellor dito, as tipografías- son as raíñas da imprenta. Gutenberg reproduciu de maneira mecánica a caligrafía gótica alemá empregada no seu tempo, seguramente de forma mimética. O certo é que os primeiros impresores estaban moi limitados á hora de dispoñer dos caracteres necesarios para compoñer unha páxina. Para superar tal uniformidade, algúns impresores (sinalemos a familia holandesa Ezelvir entre eles) deseñaron tipos de letras variados que pasaron identificalos. Isto ficou definitivamente superado coa edición informática. A base de conxuntos binarios, un usuario dispón dunha grande variedade de letras: formais, frívolas ou vangardistas. Enric Jardí non entra a fondo neste asunto pero orienta na relación que hai entre as tipografías (Garamond, Janson, Documenta, Sabon, Quadrat) e cadansúa aplicación á hora de imprimir. Cando temos que seguir unhas pautas, case nos pedirán unha tipografía neutra (Times New Roman, por exemplo). Pero cando escribimos un texto destinado a outro podemos elixir: nun currículo, por exemplo, cómpre elixir unha fonte que denote unha imaxe dinámica (Georgia, Calibri), cousa que pode influír no resultado buscado. Claro que iso non resolve a ortografía nin evita que nos pidan un parágrafo escrito a man: a grafoloxía sempre vence.

Compartir el artículo

stats