Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Etnografía do padal

Arredor de A Mesa Farta (Museo Liste, Vigo)

Etnografía do padal

Etnografía do padal

O museo Liste de Vigo acolle a memoria dunha Galicia xa case extinta. Dunha Galicia popular, campesiña e mariñeira, de traballos e de días dunha terra con identidade. Cunha sabedoría que se plasma tamén na alimentación, un mundo rico en cheiros, sabores, pezas e costumes que poden coñecerse máis ao pormenor na exposición A mesa farta. Etnoloxía e cultura alimentaria de Galicia. Comisariada polo historiador Xavier Castro, está patente ata o 31 de decembro.

O máis significativo da cultura alimentaria galega tradicional está representado nesta antoloxía, composta por máis dun centenar de pezas tomadas da rica colección de máis de dúas mil coas que conta o museo Liste vigués, ás que se engaden algunhas aportacións de particulares. Os obxectos distribúense en oito "recantos", con carteis explicativos que contan o seu uso e significado, ademais da súa denominación. A exposición complétase con fotografías de valor etnográfico que axudan á contextualización de cada elemento. Desta forma resulta posible adquirir un coñecemento preciso da realidade social da Galicia tradicional dos séculos XIX e XX. Son tradicións culinarias que se mantiveron vixentes ata antes dos anos 60, "cando chegou a electricidade e apareceron os electrodomésticos", explica Xavier Castro.

Nesta "mesa farta" destaca a cociña tradicional, con chan de terra e sempre afumada, de maneira que ao entrar nela había "que afrontar as iras dun fume denso, que pugna por sair polos recunchos dun tellado mal unido", en palabras do célebre Picadillo. Nas lareiras, como se explica na exposición, a cociñeira ou algunha das fillas tiña que estar pendente da forza do lume para que a auga do pote non se derramase ao ferver, pois podía apagalo. Este caldeiro fundamental poñíase sobre a trepia (o mesmo que a tixola) ou penduraba da gramalleira.

O primeiro "recanto" dá mostra está dedicado aos líquidos, coa auga como un ben imprescindible para a supervivencia e coa sella na que se traía como outro elemento fundamental.

A cociña e a preparación dos alimentos ocupa o segundo "recanto" de A mesa farta. As casas labregas non deixaron de utilizar as vellas lareiras, que non foron substituídas do todo polas novas de ferro, así como tampouco estas foron substituídas polas de gas. Na lareira preparábase a "encaldada" para os porcos e as vacas. E á súa calor curábanse embutidos e secaban castañas. En moitos fogares conviviron os tres tipos de cociña. A lareira e o seu lume daban luz, servían para curar alimentos e o seu espazo xogou un papel privilexiado como centro de sociabilidade, tanto familiar como veciñal. A mesma lareira tiña un carácter máxico que atraía ás ánimas dos defuntos da familia. En fin, a lareira e o seu lume daban luz, servían para curar alimentos e o seu espazo xogou un papel privilexiado como centro de sociabilidade, tanto familiar como veciñal. A mesma lareira tiña un carácter máxico que atraía ás ánimas dos defuntos da familia

As mulleres foron protagonistas dunha gastronomía popular, saborosa e enriquecedora na que se empregaba graxa ou manteiga de porco. Tamen un chisco de aceite que mercaban por cuartillos. Pero os alimentos non se repartían de maneira equitativa. O home, en calidade de cabeza de familia, gozaba dun tratamento diferente: ofrecíaselle a mellor tallada e era servido antes que os demais. En moitos casos, era só el o único que tiña dereito a repetir á hora para comer. As mulleres debían estar en todo momento pendentes de servir a comida á súa familia.

Xavier Castro, historiador especializado na alimentación de Galicia, sinala que ao longo da historia os galegos estivemos tan ben nutridos como o resto dos españois grazas á dieta atlántica. "Cando se tallaban os mozos nas quintas, no século XIX, poñíase en evidencia que a súa altura e envergadura física eran comparables. Tamén eran equiparables a esperanza de vida media e o número de habitantes". Galicia estaba, en xeral, ben mantida. Con matices, claro é, dependendo das zonas e das condicións estacionais para a agricultura.

Recantos singulares

  • No percorrido por esta etnografía do padal xorden outros "recantos" coas súas singularidades. Ademais da auga e a súa importancia, aparecen líquidos como o viño, a augardente ou o chocolate, xa moi difundido en Galicia no século XIX. Tamén no mundo campesiño, por iso hai chocolateiras entre as pezas de cerámica popular. Por outra banda, o leite era un alimento primordial para a crianza infantil e tamén para elaborar manteiga e queixos. Entre as moitas pezas curiosas da exposición pode verse unha tostadora de café de principios do século XX. O terceiro "recanto" da mostra está dedicado á caza e a pesca e os seus complementos, mentres que no cuarto pódese coñecer a importancia da horta, que adoitaba estar situada preto da cociña. A verza era indispensable para o caldo, e a leituga a base das ensaladas. A cebola era o condimento básico, xunto co allo. O pemento chegou de América e incorporouse á allada. Outro apartado contempla o servizo de mesa, coa vaixela e os cubertos, aínda que o garfo era pouco frecuente, usábanse máis as culleres e coitelos. Outra sección céntrase na alimentación da infancia e a seguinte nos produtos de tenda como aceite, azucre ou latas de conserva. O último "recanto" explica a importancia dos alimentos, especialmente con base nas castañas, o millo e mais as patacas.

Compartir el artículo

stats