Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diana Varela Puñal: "Cualificarme a min mesma de aboríxe é un acto de rebeldía"

Diana Varela Puñal.  foto: luís gabú

Diana Varela Puñal. foto: luís gabú

-É Vde. avogada, dirixe unha editoral, escribe poesía,novela, teatro, ensaio?. De onde saca o tempo para todo?

-Na última presentación que fixen do Diario sen datas dunha aborixe galega, Lois Pérez, un compañeiro avogado e escritor, fíxome tamén esta mesma pregunta. Aquel día, como agora, o único que podo dicir é que traballo moitas horas. O despacho e a editorial están pretiño e iso tamén me axuda a compatibilizar ambas profesións.

-Se puidese vivir dela, dedicaríase unicamente á literatura ou a súa vocación pola avogacía está moi enraizada?

-Nun primeiro intre, a miña idea orixinal era ser xornalista e estudei moito para sacar unha nota alta na selectividade, pois daquela pedían unha cualificación elevada para estudar xornalismo na universidade pública. Pero pouquiño tempo antes de cubrir a matrícula, malia que fora capaz de acadar a nota requerida, rematei por escoller a carreira de Dereito, para a que a penas facía falta un aprobado. Meus pais ficaron estrañados, pero elixín expresamente esta profesión porque pensaba daquela, e sigo pensándoo, que o Dereito é unha forma de coñecer e tal vez de comprender un pouco mellor o mundo. E tamén pensaba que me permitiría traballar con máis liberdade que sendo xornalista. Así pois, a miña resposta é que si, a vocación polo "Dereito" (que non se limita ao exercicio da avogacía) está moi arraigada.

-Que foi o que a moveu a fundar Medulia Editorial?

-A idea de poder compatibilizar a profesión xurídica coa literaria. Así como poder exercer ambas actividades desde a autonomía e a independencia.

-Cal é a liña que segue Medulia; é decir, cales os seus sinais de identidade como editorial?

-Unha vez contei no Courel, na presentación dun libro que publicamos, que o noso logotipo representa dúas montañas. Son os dous "M" de Medulia, nome que fai referencia ao monte Medulio, como símbolo da resistencia, da loita por saír adiante conforme os propios valores. Nesta pequena historia resúmese a nosa esencia. Somos unha editorial independente, orgullosos de pertencer ao sistema literario galego, de poder dalo a coñecer e tamén de compartilo con outras linguas e expresións artísticas.

-Ademais de escribir poemas, dálle Vde. moita importancia á poesía. Por que a poesía é (ou debería ser) tan importante nas nosas vidas?

-Porque a poesía atinxe esa parte do ser humano que o xustifica como tal. Sen o reduto da arte, da poesía ou da música, o mundo sería inhabitable.

-Tamén lle dá unha importancia fundamental á ética: no mundo no que vivimos, son compatibles ética e política?

-De feito, deben ser compatibles, pois de non selo non estariamos falando de política. En toda profesión, a falta de ética degrádaa ata convertela noutra cousa diferente e negativa. Como deixar apodrecer un alimento: o que antes era bo, pasa a ser un veleno.

-Como lle xurdiu a idea de escribir un libro tan singular, empezando polo título, como Diario sen datas dunha aborixe galega ?

-Ao longo da miña vida, sobre todo desde a adolescencia, sufrín tantos episodios de "clasismo lingüístico", que houbo un día, tras un problema grave no xulgado por esta causa, que me descubrín repasándoos mentalmente. Pero eran tantos, que me trabucaba unha e outra vez ata que se me ocurreu escribir unha listaxe. Pero a lista aumentaba decote ou lembraba algún episodio do pasado, e temín que os acabaría esquecendo. Así foi como decidín comezar este diario "sen datas", para deixar constancia do sucedido. Cualificarme a min mesma como aborixe é un acto de rebeldía e tamén comprendo que ten un aquel de revulsivo. Xa que como aborixe me trataron, como aborixe me defino. Outra cousa é que haxa a quen lle amole recoñer esta realidade. Como contrapunto tamén debo dicir que, por primeira vez na miña vida, e levo traballando desde os vintee dous anos, a semana pasada notificáronme unha sentenza de divorcio escrita en galego, como correlato da miña demanda, tamén redactada na mesma lingua. Foi ditada por unha xuiza da Coruña, o que me congratula aínda máis. Así que a loita non é en balde, foi un intre de gran conforto para min.

-En que se equivoca o nacionalismo galego que, agás excepcións, adoita obter un escaso apoio nas eleccións?

-Eu non me atrevería a responder a unha cuestión tan grave, dada conta os profesionais que traballan nese tema e que nin eles o dan arranxado. Agora ben, dáme a impresión de que o nacionalismo galego segue sen saber conectar coa xente. Adoitan comportarse como unha elite intelectual, falando do pobo, pero sen o pobo. Para moitas persoas son unha especie de burócratas preocupados de cousas moi sisudas, pero que non falan dos problemas que verdadeiramente lles atinxen no seu día a día. Creo que lles falta empatía e tamén autocrítica, anque iso, na política, é un termo tabú, cando debera ser a primeira parte de calquera dos seus discursos.

-Está de acordo coas actuais directrices do movemento feminista ou coida, como din algunhas veteranas, que se está perder o rumbo do verdadeiro obxectivo, que é a igualdade home-muller?

-Creo que o valor máis importante da vida dunha persoa é a liberdade. Sen ela non "somos". Partindo desa premisa, cada quen está no seu dereito de entender o feminismo con diferentes matices, sempre e cando haxa certos factores intanxibles. Tendo sempre a recear de calquera movemento ou partido que non admita a discrepancia ou fale en termos absolutos. Para min, a condición intocable é o respecto á liberdade consubstancial do ser humano para vivir conforme cada quen queira vivir e por ende, tomar as decisións que considere oportunas, sexa muller ou home. Non aturo o acoutamento da liberdade nin por convención social nin tampouco pola suposta pertenza a movementos de ningún tipo. A miña liberdade atínxeme única e exclusivamente a min mesma e actúo conforme o meu propio pensamento, asumindo responsablemente as consecuencias. Non podería vivir sometida nin ao matriarcado, o patriarcado, o filloarcado..., nin en gaiolas de calquera índole.

Compartir el artículo

stats