Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre Cuba e Galicia

Douscentos anos de intrahistoria

Entre Cuba e Galicia

Entre Cuba e Galicia

Cunha estrutura non canónica e afastada da novela lineal, María Xosé Porteiro, dezaoito anos despois daquela novela ou reportaxe literaria sobre o escravismo feminino dos nosos día que foi Covardes, regresa á ficción histórica cunha novela que funde historias comúns ou extraordinarias de xente unida por Galicia e Cuba. A novela percorre douscentos anos de historia. Comeza no ano 1823 co aforcamento do xeneral Riego e as vinganzas brutais dun rei absolutista. E remata no ano 2015, coa estancia dun dos principais protagonistas na cociña familiar en Galicia. A autora aborda desde a historia, a emigración galega a Cuba antes e despois da independencia da Illa, e faino dun xeito fragmentario que amalgama multitude de feitos históricos e grandes doses de ficción. A armazón da novela sobre a que se ergue a estrutura, son os feitos históricos que recuperan a loita pola independencia da Illa, así como una boa parte do acontecido en España durante eses anos, con moitas familias truncadas pola emigración.

Cada capítulo da novela vén sinalado por un ano que se suceden non en orde lineal senón con múltiples saltos no tempo, con acontecementos históricos e as distintas teselas que compoñen a parte ficcional do relato. Especial relevancia teñen o inicio da guerra de liberación da República de Cuba en Armas (1869) co Grito de Yara, o desembarco de José Martí, a entrada na Habana das tropas revolucionarias de Fidel Castro.

Mais a novela non soamente conta a historia de Cuba. Detense de xeito demorado na súa intrahistoria, sobre todo a partir das vivencias da familias galego-cubanas. En Cuba tivo Galicia os azos que nunca soñou quen emigrou do seu fogar fuxindo da miseria e do medo. En Cuba os galegos constituíronse como colectivo sen perder a súa individualidade. O froito máis coñecido, a construción do Centro Galego, vedado, porén, ás mulleres. Ao meu ver, a novela salienta o compromiso dos masóns nos procesos de independencia en todas as Américas, tamén en Cuba, a viaxe a Illa de Curros Enriquez, o poeta referencial de pensamento liberal e laico que apoiou expresamente o proxecto independentista cubano. E a opción polo feminismo porque nesta novela, coa historia dunha familia como núcleo central, que é o mesmo tempo o relato dun tempo e dun mundo, as mulleres en Cuba seguirán sendo invisibles, en manifesta inferioridade, e en moitas ocasións levadas a Cuba enganadas para seren prostituídas e poxadas por ser virxes, como revela o dramático capitulo "Macorina". Algunhas secuencias sobexas, sobreabundancia e personaxes secundarios e certa tonalidade mítica, forman parte do retorno da autora á ficción con esta historia de historias.

PORTEIRO, María Xosé, Sándalo, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 22,20 ?

Compartir el artículo

stats