Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camiños por andar

Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte no CDG

Camiños por andar

Hai países onde a autoría dramática nova ten xeito de ver estreados os seus textos nun espazo institucional que axude a proxectalos. Hai máis de setenta anos que o Royal Court Theatre de Londres ben facendo ese traballo de forma exemplar, e son varias as promocións que se acolleron á denominación "nova dramática británica", comezando por aquela na que militaba John Osborne, pero tamén Shelagh Delaney, autora de A Taste of Honey (1958), aínda hoxe de actualidade. E por ese camiño parece que quixo andar o Centro Dramático Galego, ao poñer en marcha a experiencia DramaturXA, ou DramatUrxente, impulsada pola actual directora, Fefa Noia, en 2015.

Unha iniciativa salientable, aínda que por veces se poña demasiada énfase en procurar denominacións un chisco rechamantes para definir o que debe ser, sen máis, un programa de promoción escénica da dramática máis recente. E por iso ao mellor tamén se escolleu unha denominación igualmente charramangueira, Neorretranca e posmorriña, como título deste volume (e do espectáculo), que acolle un texto de Roi Vidal Ponte, Boisaca ou a divina desgraza , e outro de Esther F. Carrodeguas, Fantasía nº 5 en sol ou non, e que vén de editar Positivas na colección "O papel do teatro", apadriñada polo propio CDG. Pero a cousa parece que se complica cando na capa do volume unha labrega cuspidiña ás debuxadas por Castelao risca cunha liña vermella que sae dun spray o "Neo" de Retranca e o "Pos" de Morriña, co que se nos viría dicir que o libro se situaría nunha encrucillada estética, ao mellor marcada simplemente por un hiperenxebrismo posmoderno, coa que se lle quere facer xustiza aos dous textos.

Son dúas pezas moi diferentes. A primeira, en clave de farsa, seguindo un esquema clásico, algún diría aristotélico (pobre Aristóteles!), e a segunda en clave de denuncia "perlocutiva", cun esquema moito máis abeirado ao que sería un concerto de hip-hop cun aquel multimedia. A primeira recrea un tópico da literatura universal, a catábase, ou baixada ao Hades, como naquela viaxe que fixera Orfeo por ver de mirar de novo a querida Eurídice. Aquí é o propio autor, Roi, o que, na compaña de Mary Shelley, viaxa polo inframundo, que en Santiago de Compostela comeza e finaliza en Boisaca, pasando por Bonaval, na procura de seu pai, Roberto Vidal Bolaño, coa intención de que lle axude a escribir unha peza. E a tal procura acaba por ser unha sorte de viaxe alucinada por algúns dos tópicos sobre os que supostamente se asentaría a nosa identidade, e que se reflicten moi ben na tendencia crecente a un "xambolismo" que a veces mesmo se quere disfrazar da máis radical (pos)modernidade. Ao mellor foi por aquí por onde se quixo tirar partido da retranca (neo) e da morriña (pos), aínda que as intencións semellan ir alén do evidente, pois no fondo o que se quere articular no texto é unha mirada demoledora á escena galega na que só queda unha testa no seu sitio e ben posta. E algún acto do Roi personaxe cabo do CGAC así o parece indicar.

A segunda proposta textual, querendo ser unha fantasía, ou non, acaba sendo case unha declaración política, ou non, pois os diferentes textos que a integran están escritos as máis das veces coa pulsión da denuncia e da constante interpelación e mesmo desde a increpación ás persoas lectoras, ou non. Son textos moi diversos e moi diferentes, ou non, algúns asentados nunha recreación de símbolos comúns do campo cultural e literario galego como a referencia a unha longa noite de pedra que, recreada no porto de Vigo, por exemplo, non pode deixar de constatar que as "putas pasan frío" e que "as putas pásanas putas", sempre de noite e as máis das veces en noites frías, negras e mestas. Nesa dirección, os textos excretados trasladan preguntas pertinentes que mostran a dimensión política dos pequenos actos de todos os días, ou non. Un exemplo: O porco de pé do Risco non é o mesmo porco que o do Paco e da Maruxa, nin o mesmo co que soñan as persoas vexetarianas e veganas, pero tampouco non é o que despezaban os accionistas vieneses, dejà vu.

Coma acontece no texto de Vidal Ponte, hai unha visión crítica da identidade e dos contos que nos contaron e dos que nós propios contamos: trátase dun delgado fío que percorre o conxunto, aínda que por veces se perda nos moitos artificios. Cómpre tirar máis dese fío último. Paga a pena. Para sermos, ou non.

Compartir el artículo

stats