Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os ollos das palabras

Escritores cegos

Jorge Luis Borges (1899-1986).

Estas semanas os medios facíanse eco do éxito fulgurante de Emilio Ortiz (Barakaldo, 1974), un escritor invidente dende os dezasete anos que, superando as dificultades derivadas da súa cegueira, escribiu en braille A través dos meus pequenos ollos (2017), unha divertida e conmovedora historia narrada dende o punto de vista dun can guía que sobordou xa os cen mil lectores e foi traducida a varios idiomas, o que animou á súa editora, Duomo, a publicar estes días Todo saldrá bien, a súa segunda novela.

E é que, lonxe de que puidese parecer, cegueira e literatura é un binomio de sólido vincallo dende tempos moi recuados. Non cómpre máis que lembrar que, segundo a tradición, o pai da escrita de todo Occidente, Homero, parece que puido ser un antigo aedo heleno do século VIII a. C. ao que debemos, en esencia, a Ilíada e a Odisea. Así o testemuña o Himno homérico a Apolo Delio, que o presenta como "un cego que reside en Quíos, a esgrevia", e tamén algunhas teorías que interpretan o seu nome como unha derivación da expresión grega ho me horón, literalmente "o que non ve".

Forme parte da historia ou da lenda esta interpretación homérica, o caso é que dende os tempos do vello cantor ata os nosos días non foron poucos os xenios literarios que souberon facer convivir invidencia e paixón pola palabra. Así, outro autor fundacional, neste caso da poesía árabe, o sirio Abul 'Ala Al-Ma'arri (973-1058), compuxo todas as súas coleccións de versos cego, mesmo a famosa Risala, obra que, para unha parte importante da crítica, é a base na que se inspirou Dante Alighieri para a Divina Comedia.

E outro tanto pode dicirse de Muqaddam ibn Muafá al-Qabrí (847-912), poeta cego do Emirato de Córdoba, a quen se considera o inventor da muwaxaha e a súa cauda romance, a kharxa, que tanto influíu despois nas nosas cantigas medievais.

Na literatura en lingua inglesa, un dos máis celebrados escritores de todos os tempos, o londiniense John Milton (1608-1674), ficou cego aos corenta e catro anos e sen visión ditou ese templo da poesía que é O paraíso perdido (1667), mais de dez mil versos nos que canta a expulsión do Edén de Adán e Eva e que, en moitos sentidos, son un eco do pesar que el sentía por ter perdido a vista, pois consideraba que se trataba dun castigo divino.

Tamén un dos grandes do Realismo español, Benito Pérez Galdós (1843-1920), quedou cego nos derradeiros anos, probablemente por complicacións derivadas da acusada diabetes que padecía, e nese estado aínda ditou obras narrativas e, sobre todo, teatrais que son hoxe unha referencia. Tal parece que para el a escrita foi o seu lazarillo, como a Nela que guiaba a Pablo, o invidente namorado da súa arquifamosa Marianela.

Non deixa de causar abraio tampouco o padecemento que o irlandés James Joyce (1882-1941) experimentou por mor da súa paulatina perda de visión. Tratado con cocaína, arsénico, dionina, colirios mióticos e Deus sabe cantos outros peregrinos remedios para lle curar unha síndrome de Reiter, acabou desenvolvendo un glaucoma do que se operou, infrutuosamente, ata once veces. Hoxe sabemos polos informes do oftalmólogo Vogt que os devocionados Ulises (1922) e Finnegans Wake (1939) xa os escribiu nunha situación de "cegueira legal" (visión de 1/30 no ollo dereito e 1/800 no esquerdo), o que explica, en parte, que para a última precisase dezasete anos.

Admirable é tamén o caso do gran Jorge Luis Borges (1899-1986), quen en 1955 deixou de ver, pero que antes diso tivo que convivir cunha perda progresiva da visión que non deron freado as oito operacións ás que se someteu e que pouco puideron facer contra as graves cataratas e os desprendementos de retina. O seu magnífico "Poema dos dons" lembraba esta circunstancia ao ser nomeado director da Biblioteca Nacional de Arxentina: "Desta cidade dos libros fixo donos a uns ollos sen luz, que só poden ler nas bibliotecas dos soños". Secasí, e malia a cegueira, Borges non renunciou nunca á súa escrita, que seguiu ditando, nin á lectura, que pedía lle fixesen en voz alta

Moito podería contarse aínda de Vicenta Castro Cambón, Miguel Ángel Jusayú, Petronella Moens ou Alejandro Sawa, entre outros, mais conformareime con lembrar un caso recente e ben notorio: o da escritora inglesa Sue Townsend (1946-2014), creadora das popularísimas aventuras que comezaron co best seller O diario secreto de Adrian Mole (1982) e que, nas súas últimas entregas, dispuxo xa na noite dos ollos, pois no 2001 unha diabetes extrema volveuna cega.

O catecismo do cego

  • Entre os escritores galegos o caso máis coñecido de cegueira creativa é o do autor rexurdimentista Valentín Lamas Carvajal (1849-1906). Afectado na súa visión dende ben novo, tras estudar o bacharelato no seu Ourense natal marchou a Compostela cursar Medicina, pero tivo que deixar a carreira xustamente por mor dos problemas oculares. Parece ser que xa con vinte e sete anos non era quen de ver, o que non foi óbice para que rematase un clásico como o Catecismo do labrego (1889), amén doutros textos poéticos e narrativos de relevo.

Compartir el artículo

stats