Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Humor e ironía

A xeito dun nobelo

Humor e ironía

Tras títulos como A soidade das medusas ou Coma unha áncora, Iria Collazo López presenta aos lectores mozos A casa do paralelo 54, unha novela na que se nos anticipa o final e logo, como se dun nobelo se tratase, vai desenvolvendo a aventura que levou á protagonista a atoparse en tal situación.

En apenas trinta capítulos de extensión variable, máis algunha que outra páxina introducida a modo de comentario sobre lugares significativos aos que aluden ou que percorren, imos coñecendo as andanzas de Gris, unha nena de once anos, o seu mapache Morde e Smith, un compañeiro de clase que chegou á vila hai pouco tempo e ao que trata de señor porque leva unha chisteira que lle dá aspecto de cabaleiro.

O paralelo que atravesa Europa, o Océano Pacífico, América do Norte e o Océano Atlántico brinda a posiblidade de gozar dunha fantasía que agora aparece en forma de planadora, outras veces sucando as augas bravas do océano Pacífico, noutra ocasión camiñando por un inmenso buraco escavado na rocha ou simplemente parolando cun descomunal insecto que non ten outra intención que convidar a comer os protagonistas da historia.

Por momentos o texto semella suxerir o paseo de Alicia polo tobo do coello branco acompañada do gato de Cheshire, a eiruga ou o sombreireiro; por momentos lembra, asemade, as ocorrencias do Charlie de Roald Dahl no seu percorrido pola fábrica de chocolate de Willy Wonka, e todo isto aderezado así mesmo cun grolo de retranca galega a contar no humor e nunha certa ironía cuns mois bos aliados que amenizan o relato.

COLLAZO LÓPEZ, Iria, A casa do paralelo 54 (ils. Luz Beloso), Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 12, 35 ?

Compartir el artículo

stats