Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A alborada das óperas populares

No 150 cabodano de Rossini

Gioachino Rossini (1792-1865).

O xénero do teatro musical -ou da música dramatizada, cabería dicir- acadou a súa máxima dimensión no século XIX coa emerxencia das diversas burguesías industriais e financeiras europeas e americanas. Ata entón a ópera estivera limitada polo papel de mecenas das monarquías e da aristocracia, os únicos sectores sociais que podían acceder a ela. Pero foi coa construción dos primeiros grandes teatros líricos a finais do século XVIII e comezos do XIX cando o xénero se abriu á sociedade.

Despois que Mozart (coas harmonías do que coñecemos como música clásica) establecese as bases da ópera moderna, este xénero musical dramatizado tivo un importante desenrolo con dous grandes focos compositivos: Francia e Italia. Non sería ata metade do XIX cando se engadiron Alemaña e Rusia. Sendo o elemento musical o determinante -por riba da interpretación dramática-, o uso da voz como instrumento levou aos compositores a asumir novos retos interpretativos, co cal aumentou a diferencia verbo do teatro declamado.

Foi o inicio do bel canto ou a vontade de salientar a beleza da liña melódica vocal. E nesa empresa cómpre citar a Rossini, Bellini e Donizetti. Esta corrente operística -que nacera nos anos do barroco italiano cos castrati- procuraba un rexistro vocal virtuoso, máis nos tons agudos, e agrupados no legato; é dicir, a reprodución de notas sen interrupción. A aparición dos grandes compositores da metade do XIX (Verdi, Wagner) levou a dar prioridade á declamación por riba do virtuosismo. Coa chegada do verismo (Mascagni, Puccini) a finais do século desapareceu calquera resto de belcantismo.

Gioachino Rossini naceu en Pésaro (1792) e morreu en París (1865). O pasado novembro, pois, fixo cento cincuenta anos da súa morte, circunstancia que foi conmemorada en diversos teatros. Os seus pais dedicábanse á música e xa aos seis anos tocaba na banda municipal. Cando comezou a estudar música tivo a posibilidade de coñecer as partituras de grandes músicos anteriores. Intérprete profesional de clavecín, en 1810 recibiu a invitación de compoñer unha ópera breve, que tivo grande éxito, o que lle abriu as portas a novas composicións e ser considerado o mellor compositor de ópera daqueles anos.

Despois de ser contratado por un empresario teatral de Nápoles, en 1816 estreou a súa obra máis coñecida, O barbeiro de Sevillla, unha das óperas máis populares malia o fracaso inicial que tivo. Con esta composición Rossini fixo evidente que unha ópera cómica ou bufa podía ser representada nos teatros máis reputados. Un rexistro que repetiu -aínda que con cobertura seria- en A viaxe a Reims, composta para os actos da coroación de Carlos X de Francia,

Compuxo trinta e oito óperas, entre as cales cabe salientar Semíramis, O turco en Italia, Guillerme Tell e A italiana en Alxer, de presenza habitual nos teatros líricos do mundo adiante. Pero non só foi compositor de óperas. Tamén foi autor de moitas obras de diverso xénero: relixiosas (entre elas, cinco misas), unhas dezaoito cantatas, máis de vinte obras instrumentais, seis sonatas de cámara e diversos himnos, entre eles un dedicado á independencia de Italia (1815), alcumado "a Marsellesa italiana".

En canto á interpretación das óperas de Rossini, cómpre salientar que durante moitos anos estiveron ausentes dos teatros. En 1925 a catalá Conxita Supervia soubo descifrar a maneira de interpretalas e abriu unha vía que foi continuada a partir de Maria Callas, vindicadora dos valores das obras do chamado 'cisne de Pésaro', por Joan Sutherland, Teresa Berganza, Montserrat Caballé, Luciano Pavarotti ou Alfredo Kraus. Isto fixo que o repertorio de Rossini estivese presente novamente nos teatros de ópera.

Pero tamén cómpre salientar a importancia que Rossini concedeu ás cordas das sopranos e mezzosopranos, co cal fixo visible o papel protagonista das intérpretes femininas. Un rexistro que foi suplantado durante anos por sopranos lixeiras. Recentemente, a recuperación da corda de contratenor permitiu que se volvesen a representar aqueles papeis herdeiros dos castrati.

Mesa e cociña

  • Un dos misterios da vida de Rossini é a razón pola cal despois de compoñer Guillerme Tell, en 1829, deixase de compoñer máis óperas sen abandonar por iso a creación musical. Residente en París desde 1823, compaxinou esta dedicación coa súa outra paixón: a gastronomía. Ambas dúas áreas foron relacionadas en frases como "a trufa é o Mozart dos cogomelos" ou "o apetito é a batuta que dirixe a grande orquestra das nosas paixóns". Ausentes as súas óperas durante decenas, o seu nome estivo sempre presente grazas a pratos inventados por el ou que lle son atribuídos. Desde os "canelóns Rossini" (convertidos en prato nacional catalán no xantar do día de San Estevo) ou ovos, arroz, polo ou tallaríns que levan engadido o seu apelido, ata os coñecidos "turnedós á Rossini". Di a historia (ou a lenda) que unha noite que Rossini foi cear ao C afé Anglais, con cuxo propietario, o cociñeiro Adolphe Dugléré, tiña moita amizade. Propúxolle un prato novo: un corte de lombo de vaca salteado con manteiga e, por riba, un toro de foie pasado pola tixola e con láminas de trufa negra e mais unha salsa demi glace con viño de Madeira. Perante a reserva de Dugléré polo noxo que podería causar aquilo á vista dos outros comensais, din que Rossini respondeulle que o fose efectuar de costas para eles : "tournez le dos".

Compartir el artículo

stats