O outro exilio
Autorizados para fuxir

Exiliados de dereitas autorizados a saír desde o porto de Barcelona (xullo de 1936).
Joaquim Ventura
Por coñecido que nos pareza a temática, sen dúbida que a mellor vacina contra o sectarismo e mais a ignorancia respecto da Guerra Civil, pasa tamén por estudar aquilo que realmente aconteceu co "outro bando" durante aquela tráxica xeira. A reparación, por parte da ditadura, das aldraxes padecidas polas persoas e institucións que sufriron persecución nas zonas fieis á República, non debe determinar que, oitenta anos despois e en favor da verdade histórica, deixemos de abordar semellante episodio.
Cando unha parte do Exército español se sublevou en xullo de 1936, nas zonas onde fracasou a rebelión foron moitas as persoas que ficaron sen amparo por mor da súa condición profesional, relixiosa, social ou pola súa notoriedade persoal. Rota a integridade da autoridade, as rúas de moitas das cidades e vilas que resistiron a sublevación pasaron a estaren dominadas por milicias políticas e sindicais irregulares, que ben axiña comezaron unha represión indiscriminada contra aqueles considerados sospeitosos de participaren ou de simpatizaren co alzamento armado.
En cidades do interior -caso de Madrid- a fuxida destas persoas foi difícil tanto pola distancia verbo de calquera fronteira como polo feito de que a única maneira de facelo era por vía terrestre, nomeadamente por estrada a Portugal ou a Francia e con grandes dificultades. Máis doado foi a fuxida naqueles lugares costeiros ou próximos ao mar.
Especialmente salientable foi o caso de Barcelona, de onde fuxiron unhas 30.000 persoas, as máis delas acomodadas e católicas. Aquel éxodo foi factible porque, malia o dominio das rúas por parte das milicias, o goberno da Generalitat organizou -en combinación cos consulados- a posibilidade dunha fuxida relativamente organizada. Este suceso foi obxecto dunha recente exposición ( Autoritzats per a sortir. L'èxode del 36) no Museu Memorial de l'Exili (MUME) da localidade fronteiriza de La Jonquera. O seu comisario, Rubèn Doll-Petit, xa publicou hai quince anos un ensaio imprescindible sobre este tema.
Polo porto de Barcelona saíron unhas 15.000 persoas con destino a Marsella e Xénova, e outras 15.000 conseguiron cruzar a fronteira con Francia pola estrada ou por vía férrea. Entre os fuxidos había un importante número de relixiosos, entre os que estaban o arcebispo de Tarragona, o cardeal Vidal i Barraquer (que non deu apoio á carta dos prelados españois de 1937 e non regresou a España en 1939); o bispo de Xerona, Josep Cartañà, e o abade de Montserrat, Antoni Maria Marcet. Especial protección tiveron os novizos franceses de La Salle que se formaban en Premià de Mar para iren de misioneiros á América Latina.
Cómpre salientar o papel exercido por Josep Maria Espanya, conselleiro de Interior do goberno catalán, e moi especialmente por Bonaventura Gassol, conselleiro de Cultura, alcumado "pimpinela escarlata" polas súas xestións, entre elas a defensa de Vidal i Barraquer, que o enfrontou coa FAI e o obrigou a marchar a Francia en outubro de 1936. A implicación do presidente da Generalitat, Lluís Companys, foi recoñecida incluso polo xeneral sublevado Queipo de Llano ("Ha dejado salir de Barcelona más de 5000 hombres de derecha"). Nesta fuxida co patrocinio do goberno catalán participou incluso a aviadora reusense Mari Pepa Colomer, levando a diversas persoas significadas a aeródromos franceses, como fixo tamén pouco antes de que rematase a guerra con exiliados republicanos.
O comisario da exposición calcula que, malia esta acción de salvamento, a partir de xullo de 1936 en Cataluña foron asasinadas unhas 4.700 persoas pola acción dos grupos incontrolados no inicio da contenda e case 2.500 relixiosos ao longo dela. Un feito este -doutra banda- que condicionou profundamente a actitude de diversos gobernos estranxeiros -o de Roosevelt, o primeiro- para negar axuda á República.
E así como moitos dos fuxidos a Francia pasaron á zona nacional unha vez a fronteira de Hendaia ficou aberta, os cataláns establecidos en Xénova eran vistos como "adheridos de segunda hora", menos proclives a ingresar na Falanxe ou na Comuñón Tradicionalista.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia