Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Debuxos e pinturas

Antonio Palacios íntimo

Debuxos e pinturas

Até o día 29 deste mes pódese ver no Centro Cultural Municipal do Concello do Porriño a mostra Debuxos e pinturas do arquitecto Antonio Palacios que permite achegarse á faceta máis intima e descoñecida do impotante arquitecto porriñés, amosando nitidamente o seu papel ligado a revalorzación do patrimonio artístico galego e a creación dunha arquitectura e arte con nítido selo de identidade.

A exposición achega unha sobranceira información para entender unha tenza significativa da obra de Antonio Palacios (1876-1945), nomeadamente a que ten unha vontade ligada á estética rexionalista e aos motivos galegos. Cómpre lembrarmos que o influxo das correntes político-culturais nacionalistas terá un reflexo na arquitectura, na obra de figutas como o propio Palacios, Manuel Gómez Román (1876-1964) e Rafael González Villar (1887-1941). A valoración dos estilos históricos, fundamentalmente románico e barroco, asociados á identidade nacional, fai que os arquitectos, a partir de mediados da segunda década do XX, incorporen elementos desta orixe ás súas realizacións nun contexto cultural permeábel a factores identitarios -lémbrese a fundación das Irmandades da Fala en 1916-. Na arquitectura, o movemento galeguista reivindica tamén o patrimonio popular, en especial, as milenarias tradicións da cantaría granítica, un aspecto que asemade se recolle na escultura e na pintura, e que os cadernos de Palacios reproducidos na mostra do Porriño exemplifican de xeito relevante.

Neste contexto, dáse valor especial á tradición románica -sobre todo Palacios- e finalmente acabará por salientarse o carácter senlleiro do barroco compostelán que xa estudara Murguía no XIX. Porén, este fenómeno non é excepcional no contexto europeo e español, onde desde finais do XIX son numerosísimas as propostas rexionalistas e onde a influencia do chamado Old English, a arquitectura residencial inglesa historicista, ten un enorme prestixio social que está na orixe de propostas rexionalistas que nacen no contexto español na primeira década do XX como o chamado estilo montanés -que se espalla polo Cantábrico- e e estilo rexionalista sevillano -de grande suceso en Andalucía e Levante-.

Como sinalou Xosé Ramón Iglesias Veiga -véxase o seu novo libro Arquitectura rexionalista galega. Antonio Palacios, Gómez Román e outros arquitectos (Engaiolarte Edicións, 2018)- o barroco acabará por ser o modelo dominante no caso galego. Cómpre lembrarmos que o estilo estaba a ser reivindicado polos historiadores de arte desde os anos finais do XIX no contexto xeral europeo e en concreto o barroco galego fora estudado e estimado por estudosos como Otto Schubert nun volume publicado en alemán en 1908 e traducido ao castelán en 1924. Estes feitos inflúen na estima do noso barroco tamén no propio país.

A aceptación social dun neobarroco galego foi moi xeneralizada nun ambiente en que a galeguidade é un valor transversal na sociedade galega, sendo o estilo que se asocia á representación de Galiza, velaí o exemplo do Pavillón Galego da Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929. Nesta obra o arquitecto Miguel Durán-Loriga Salgado (1886-1950) utiliza as propostas neobarrocas do estilo de Manuel Gómez Román, con citas ao barroco de placas e á arquitectura pacega, que xa se fora consolidando ao longo dos anos vinte. Un camiño que seguían alén do Gómez Román, arquitectos como Antonio Cominges (1897-1987), Eduardo Rodriguez Losada (1886-1973) ou Jenaro de la Fuente Álvarez (1891-1963), nun estilo debedor, en especial, do barroco de placas de Simón Rodríguez e de Clemente Fernández Sarela e que marcou a contrución de vivenda unifamiliar burguesa durante décadas.

Título: Debuxos e pinturas do arquitecto Antonio Palacios. Autor: Antonio Palacios. Local: Centro Cultural Municipal, Concello do Porriño. Até o 29 de marzo.

Obra galega

  • O arquitecto galego da maior prestixio nesta altura é Antonio Palacios que realiza boa parte da súa carreira en Madrid aínda que deixará notábeis obras en Galiza, como a Banca Viñas e o Teatro García Barbón en Vigo: a Botica Nova e o Concello, ambas no Porriño; o Templo Votivo ao Mar de Panxón (Nigrán) ou a igrexa da Vera Cruz do Carballiño. Foi un arquitecto de forte personalidade, que realiza unha obra inserida no denominado monumentalismo, unha arquitectura enfática, estilisticamente ecléctica que destaca pola preocupación a respecto da fachada do edificio e polo forte carácter ornamental, mais sempre coidando o aspecto funcional nas solucións interiores, procurando harmonizar racionalmente o espazo, adecualo á función do edificio. Nas súas obras galegas, sen renunciar ao monumentalismo, busca un estilo autóctono cun punto de vista historicista e neorromántico do que el entendía como caracteristicamente galego. Palacios olla o noso medievo mais non o reproduce literalmente. O Concello do Porriño (1919) é, neste sentido, exemplar, ecléctico, cargado de ornamentación, nel o autor reinterpreta libremente o románico e o gótico, á procura dunha identidade plástica galega, desde os materiais até os modelos historicistas, aspectos que os cadernos expostos agora no Porriño axudan a comprender e mellor valorizar.

Compartir el artículo

stats