Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Leccións de nostridade

Crónica dunha nación

Leccións de nostridade

Galicia é unha nación que resiste pertinazmente ao longo da historia. Velaí están os feitos: un país de megaliteiros ateigado de mámoas por todas as súas penechairas; un país que transitou polos tempos calcolíticos e do Bronce expresando as súas orixinais particularidades; unha estirpe que constituíu a identidade galaico-castrexa e que o Imperio romano non tardou en recoñecer como provincia de seu: Gallaecia; un pobo galaico-romano que, logo de ser latinizado e cristianizado, foi dar no primeiro reino cristián de Occidente, o dos suevos, que mesmo logo de ser derrotado polos visigodos mantivo a súa autonomía administrativa; un país que, unha vez islamizada a Península, axiña se transformou no reino de Galicia que, co seu centro neurálxico en Santiago de Compostela, vertebrou o espazo centro-occidental e foise converter nun referente cultural na cristiandade europea; un pobo que, malia a política centralista e contraria aos intereses galegos dos Reis Católicos e das dinastías absolutistas dos Habsburg (habitualmente chamados Austrias) e dos Borbon, resistiu como nación grazas a unha lingua falada maioritariamente e a unha particular forma de artellarse socioeconomicamente; un espazo que, tralos acontecementos de 1810, expresou a súa vontade nacional en todas cantas ocasións os seus intereses foron ameazados por medidas ineficaces ou aldraxantes: abandono das infraestruturas, reordenación do exército, desamortización, foros? Mesmo na actualidade a sociedade civil galega é quen de resistir a decisións desacertadas ou claramente desfavorables: reconversión naval, desmantelamento do tecido produtivo galego, abandono da pesca e do campo?, procurando sempre saídas e alternativas para sobrevivir.

Camilo Nogueira, autor dun vasto proxecto de reinterpretación da historia de Galicia iniciado coa Memoria de nación (2001), preséntanos agora, nas páxinas de Unha nación no mundo (2019), a memoria dunha nación que presenta un crecemento económico sólido, un desenvolvemento social autocentrado, un idioma universal e unhas condicións xeográficas óptimas, pois está aberta ao mundo a través do océano Atlántico (o noso mar); a memoria dunha nación resistente que debe aproveitar as circunstancias que ofrece o crítico momento actual para "evidenciar a súa condición de nación no mundo, asumindo a posibilidade de constituír un Estado independente como resultado da autodeterminación e compartindo responsabilidades con todas as entidades coas que conviva institucionalmente"; un proxecto emancipador en marcha.

NOGUEIRA, Camilo, Unha nación no mundo, Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 29 ?5

Compartir el artículo

stats