Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A invención da xuventude

Para alén do Muro

O escritor e xornalista musical inglés Jon Savage.

"Non necesitamos a educación, non necesitamos ningún control mental". Unha fila de nenos e nenas camiñan, autómatas, cun destino trazado de xeito rigoroso. Dende 1982, en que Pink Floyd e Alan Parker deran materialidade a este dispositivo de poder que é a educación, pasaron moitos anos, pero o relato non perde actualidade. Se a adolescencia é un fenómeno natural ou inventado, iso é irrelevante; hoxe é un dispositivo de control da nosa vida que marca unha parte moi importante dos mandatos culturais. De feito, a adolescencia non é observada como una etapa con finalidade en si mesma senón como potencialidade cara ao futuro.

Jon Savage analiza no seu libro Teenage. A invención da xuventude (1875-1945) a transformación da sociedade a través da consideración deste período vital que comeza coas observacións do psicólogo Stanlley Hall. O libro, publicado no ano 2008, acaba de editarse en español e nel o autor explora as subculturas e como loitaron polas súas identidades dende os existencialistas e letristas franceses aos punkis e rockers ingleses, e como rapidamente se converterons en versións de se mesmos en todo o mundo.

"Só lixo rapaz!" di o mestre despois de ler a poesía do adolescente. Case sen remedio, esta imaxe de The Wall lémbranos o actual debate sobre a utilidade da filosofía no noso sistema educativo. "Só lixo rapaz!" segue vixente cada vez que analizamos como educamos. Ofrecer ao mercado "suxeitos produtivos" non é compatibel con "suxeitos críticos". Formamos ou deformamos? Os suxeitos críticos son inestábeis, dubitativos, fan preguntas inútiles, perden o tempo e angústianse. Ah!, a angustia, esa sensación opresora que hai que desterrar como sexa xunto a todas as emocións negativas. Que cousa non facemos para que os nenos e nenas non estean tristes? Todo por convertelos en seres incapaces de tolerar a menor frustración, ríxidos, sen probabilidade de descubrir o que queda por fóra das expectativas derramadas, ou incapaces de aventurarse polo camiño que conduce do aburrimento á creatividade. Cantas destas boas intencións están instadas co obxectivo de crear suxeitos de consumo? Eles están cheos de novas necesidades que os adultos satisfacemos nesta nobre idea de preservar a súa saúde psicolóxica.

Pensar criticamente é un acto subversivo, crea individualidades. Ah, que palabra, "individual!" Con que rapidez acaba merdada con todo o que conxuga o individualismo ególatra. Canto desprezo da singularidade! É difícil pensar a realidade con conciencia de que nos instalamos nun contexto que nos precede e que nos sobrevive.

Cal é a función social deste interese en manter sempre ocupados os nosos nenos e nenas? Evitar a angustia ou evitar que pensen? Temos a percepción de que construímos a nosa vida e con esta intención asoma o adolescente co seu corpo de estrea no mundo. Esta sensación errada de construción tal vez permanece na nosa especie como protección para non caer na desesperación.

O adolescente é radical, individualista, indisciplinado, hedonista, rebelde. Non son acaso estas actitudes as que conducen ao encontro coa natureza única? Por que estas calidades aparecen vinculadas necesariamente a unha condición a invalidar? Pero non deberíamos potenciar a expresión do único e certo hedonismo, non como expresión dun individualismo liberal ególatra, senón como unha singularidade auténtica, creativa e modulada polo pracer da vitalidade?

É posibel dar vitalidade ao que desexamos profundamente se a nosa elección está condicionada pola institucionalización? Por que o sistema educativo ten que ser unha realidade aceptada con estoica resignación nos mellores casos?

Hai algo que non funcionan intuitivamente cando mesturamos as verbas "desexos íntimos" e "realización" con "institucionalización" e "sistema". É posibel realizarse dentro do cumprimento dos mandatos do sistema institucional? A realización non é algo en permanente cambio? Como pode ser posibel nun sistema que dilúe o individuo?

Dende "Só lixo rapaz!" non cambiou nada, máis ben temos perfeccionada a máquina, e os que se atreven a dicir: "Oe mestre, déixanos aos rapaces en paz!", a eses, enviámolos a saúde mental.

Compartir el artículo

stats