DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mulleres e fotografía

Cándida Otero a contra luz

Retrato de Manuel Curros Enríquez.

Retrato de Manuel Curros Enríquez.

Maria Cardarelly fíxose famosa entre nós por fotografar a Rosalía de Castro. Consérvanse dous coñecidos retratos de 1863. Velaquí dúas pioneiras que esgazaban cos costumes machistas. Entón a muller non gozaba de respecto; tivo que alcanzar pequenas cotas co propio esforzo e hoxe segue loitando perante os vociféreos da caverna feixista.

As orixes da fotografía en Galicia, (Alvarellos Editora e Consorcio de Santiago, 2019) encontrámonos con Juana Cabello, mai de Luís Hermida. Conforme o autor do libro, Carlos Castelao, puido ser Juana (quen entón asinaba como J. Cabello, e pensouse moito tempo que era abreviatura masculina) quen tirase a última das instantáneas que temos de Rosalía e a única da familia completa na casa da Matanza. Era setembro de 1884. A avelloada escritora, que aparece con sorriso alongado (fóra cos tópicos de choromiqueira!), xa padecía o cancro que a mataría uns meses despois.

O citado Castelao tamén fala do caso Luís Hermida. Con tan só oito anos, Hermida xa tiña o negocio ao seu nome logo de fracasar o da súa mai por causa, entre outras, da súa condición feminina. Así que o rapazolo aprendeu o oficio da man maternal. Eis outro exemplo da escuridade, desprezo e ocultación que padeceron as mulleres polo feito de seren tales.

Cándida Otero (Pontevedra, 1846) foi fotógrafa no Vigo finisecular. Tomoulle o pulso aos retratos de mulleres e de crianzas. Ademais de traballar, tamén tiña gusto polo tabaco, como o Vítor Vaqueiro ten contado. Casou co Filipo Prósperi (natural de Perugia), case trinta primaveras máis vello ca ela. O home dedicábase ao mundo do teatro, dos libros e da fotografíaa. Digamos, un artista. Fernanda Padín Ogando, fotógrafa amiga e responsable da web fotografaspioneiras.com, escribe que Filipo marchou a Vigo en 1870 para abrir un estudio na rúa de Sombreireiros mentres Cándida ficaba en Pontevedra, onde se encargou do gabinete fotográfico do matrimonio.

Reencontráronse no hinterland vigués seis anos despois e xuntos comparteiron oficio. O anuncio reza "Fotografía Italiana. F. Prósperi y Señora" e axiña aparece na prensa local, como FARO DE VIGO: "Se retrata desde 2 a 4 de la tarde de cualquier día". Un curioso horario, se cadra debido a que estas horas eran as de mellor iluminación nun tempo en que non había luz eléctrica na urbe.

O estudio, co "Señora" no nome, pasou á rúa do Triunfo e logo a Príncipe, o boulevard comercial. Malia esa presenza nominal no gabinete, as crónicas sempre falan das fotos tomadas por Filipo. Porén, en 1878 de novo FARO DE VIGO acredita a tarefa de Cándida pois ao tratar a Exposición Local da Coruña, di: "Su señora [a de Filipo] presenta otro cuadro de veintiuna fotografías, que pertenece a niños". Filipo e Cándida recibirían nesa ocasión unha medalla de bronce.

O italiano morreu en 1899 en idade avanzada: 85 anos. Cándida proseguiu co estudio, agora co título "Viúda de Prósperi". Secomasí, a muller asociouse a Jaime Pacheco en 1907, malia que mantendo o carimbo propio "Prósperi (Viuda de Felipe)" até 1911.

Repárese no dato, pois Cándida traballou a carón de dous dos máis senlleiros fotógrafos de Vigo. Pero ela, co seu nome, non aparece. Cantas casas destas terras de Turonio terán un retrato de familiares feito no gabinete de Otero!

Faleceu o 7 de marzo de 1915. O día do seu enterro xa era o Día Internacional da Muller Traballadora.

Maria Cardarelly e Juana Cabello retrataron Rosalía de Castro. Será casualidade que das poucas fotos conservadas da escritora sexan tres feitas por mulleres? Mais Cándida Otero tamén retratou a outro nome áureo da nosa coroa rexurdimentista. Agora mesmo escribo tendo diante a fotografía de Manuel Curros Enríquez, de rostro limpo, diría mesmo broncíneo. Unha instantánea que recolle a elegante disposición, con camisa pregada e lentes ovalados. Unha obra de Cándida Otero. Lembrémola.

Un acto de xusta xustiza

  • O arquivo Pacheco-Prósperi-Otero debera subliñar o nome de Cándida pois nese monllo de fotos hainas da súa autoría. Están rexistradas, por exemplo, algunhas vistas do Berbés coas lanchas xeiteiras e gamelas coruxeiras, ou o auto Delahaye francés (matrícula PO 6) de Santiago Ruiz López, onde os catro homes posan con ademán burgués. Ademais, vólvese inexplicable o letargo do Centro de Arte Fotográfica de Vigo, sito na rúa Chao onde o meu pai, caco da Ribeira, naceu e aprendeu primeiras letras. Cómpre levantar cancelas e tirar abaixo os pechos. Este patrimonio é a memoria visual da cidade. Vigo, que no 8 de marzo de 2018 amosou o poder social e de mobilización do feminismo, carece dunha lembranza a Cándida Otero. Non dicimos darlle o título dunha rúa ou praza, pois nós somos defensores da toponimia tradicional. Mais, se cadra, era ben outorgarlle o nome a un premio de fotografía, a un edificio municipal, a unha sala do anterior ou colocar unha placa nalgún dos edificios onde estivo o estudio. Coido que sería un acto de xusta xustiza.

Compartir el artículo

stats