Arte nos penedos
Ecoparque do Monte Tetón (Tebra, Tomiño)

Visita nocturna aos petróglifos
A provincia de Pontevedra alberga unha das zonas da Península con maior concentración de petróglifos. E no Baixo Miño atópase un dos conxuntos máis importantes de arte rupestre ao aire libre de Europa. Trátase das pedras talladas do Monte Tetón, na parroquia tomiñesa de Tebra, onde hai centos de gravados da época do Calcolítico-Idade de Bronce; é dicir, de hai uns catro mil anos. As insculturas prehistóricas agrúpanse en dúas estacións principais: a d´As Portaxes e a de Real Seco, que inclúen todo un repertorio iconográfico que vai desde as formas cuadrangulares ás circulares, pasando por figuras animais ou humanas e combinacións esquemáticas.
Arredor destes xacementos xurdiu hai uns anos o Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón, un espazo cultural e lúdico creado polo concello de Tomiño en colaboración coa Comunidade de Montes de Santa María de Tebra co obxectivo de difundir o valor natural e arqueolóxico da zona.

Arte nos penedos
Formado por dezaoito círculos e cun diámetro de case dous metros e medio, o petróglifo das Portaxes está considerado un dos máis grandes de Europa no seu xénero. Este afloramento granítico é o que presenta unha maior cantidade de gravados, entre os que destacan, ademais das combinacións circulares, grupos de cazoletas, formas cuadrangulares, escenas de equitación ou figuras humanas.
N´As Portaxes aparecen centos de tallas, moitas das cales non se corresponden con ningún obxecto, animal ou idea coñecidos. Así, xorden puntos, liñas, círculos, cadrados ou rectángulos. Tamén hai figuración ou arte naturalista. Distínguense gravados antropomorfos e o que parecen representacións de cabalo ou équido con xinete, cánidos e cérvidos. A composición está rodeada dos sulcos anchos e profundos que conforman os grandes círculos. Na zona norte de As Portaxes destaca un deseño antropomorfo, executado con detalle no que se aprecia un escudo na man esquerda e o brazo dereito ergueito coa man aberta.

Arte nos penedos
A trescentos metros desta grande estación rupestre aparece outra, a de Real Seco, da cal se di que alberga o labirinto circular máis grande de Europa coa súa formación de aneis concéntricos de 3,50 metros de diámetro. Está situada a case 400 metros de altitude, o que permite unha magnífica panorámica do val de Tebra e do concello de Tomiño, con Portugal ao fondo. A combinación circular existente é aínda maior que a d´As Portaxes pero máis desgastada e con gravados máis difíciles de apreciar.
O feito de que o soporte elixido para realizar os debuxos sexa a dura rocha de granito, permitiu a conservación dos petróglifos deica hoxe. Probablemente fosen tallados con instrumentos de pedra a través de percusión indirecta. A exposición aos axentes meteorolóxicos foinos desgastando e dando a súa configuración actual, polo que ás veces son difíciles de percibir. A primeira hora da mañá ou a última da tarde son os mellores momentos para observalos.
Os paneis interpretativos situados na zona permiten coñecer os detalles deste legado prehistórico. As pasarelas de madeira situadas arredor dos petróglifos mostran de preto as súas dimensións e as súas características. Os gravados son a proba de que estas terras xa estaban habitadas hai catro mil anos, con representacións das cales aínda hoxe non se sabe o seu significado certeiro.
O percorrido a pé ten aproximadamente dous quilómetros, pasa polos dous conxuntos de petróglifos principais da zona e remata nun miradoiro sobre o val. É o outeiro que dá nome ao monte, o Tetón. Unha marca xeodésica indica 455 metros sobre o nivel do mar. Desde esta altura obsérvanse vistas privilexiadas dos vales e da raia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos