Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emma Pedreira: "Romasanta, o "lobishome", tiña órganos sexuais masculinos e femininos"

A escritora coruñesa Emma Pedreira. FOTO: marcos barral

-Levaba xa Vde. vinte anos documentándose sobre Romasanta. Que foi o primeiro que a atraeu deste personaxe? Que aspecto foi o que captou o seu interese inicial?

-O primeiro foi nunha viaxe pola Ribeira Sacra, onde Romasanta estaba igual de presente que agochado. A historia do Sacaúntos, a do lobishome asasino,dous relatos aparentemente distintos, viñan confluír nun home sinxelo e tan querido entre a veciñanza nun principio como demonizado despois e que case douscentos anos máis tarde segue a ter unha enorme parte de enigma.

-Romasanta é un personaxe sobre o que se leva escrito moito. Despois de tanto tempo documentándose, cando e por que decidiu escribir unha novela sobre el?

-Pareceume que literariamente quedaban cousas por contar. Hai investigacións policiais, periciais, a causa xudicial, escritos de antropoloxía,e etnografía, romances, letras de cancións e mesmo guións de cine. Mais no eido ficcional sempre se falaba da historia de Manuel. Tamén quería facer algo con tantos datos, sensacións e historias que escoitara durante o proceso de documentación e deixar falar a moitas outras voces a través del, voces ás que ninguén lles prestara moita atención.

-Na súa novela, Manuel Blanco Romasanta é Manuela; é dicir, unha muller, algo que averiguou durante o proceso de documentación. Por que cre que este detalle non adoita contarse?

-Romasanta era intersexual, o que significa que era unha persoa que naceu cos órganos sexuais femininos e masculinos ao mesmo tempo. Naceu aparentemente con sexo femia, chamándose Manuela e sendo educada nunha convención social que se chama xénero feminino, e durante o seu desenvolvemento biolóxico foi atopando que se sentía home e por iso, fose como fose esta transición, pasou a ser Manuel durante a pubertade. Cómo foi este proceso, non o sabemos, e de aquí parte a miña suposición de que todo o que lle ten acontecido tivo a ver coa inadaptación dunha persoa destas características nun medio rural, con poucos coñecementos, ultracatólico e pechado. A Manuel, como home, gustábanlle as mulleres, de aí que casara, que moceara con todas as súas vítimas femininas e tivese unha prometida á que afinal non lle puido manter a palabra dada. Como varón, que se saiba, foi heterosexual.

-A licantropía é un mito que forma parte das lendas tradicionais galegas, pero cáseque sempre se fala de homes-lobo, nunca de mulleres-loba. De feito, creo que lle escoitei relatar que Vde. sabía dalgunhas delas...

-Casos particulares non coñezo ningún, agás os que relato no libro, que son lendas de noso. Do que si falei é do concepto de Lobismuller, que parece que non existe, agás pola obra do mesmo título, Lobismuller, da fotógrafa Laia Abril. O resto de lobas, como a Raíña Lupa, Pepa a Loba ou a Raíña Loba de Os Blancos, na Limia, son mulleres non licántropas ás que se lles dá a consideración de lobas polo seu carácter forte, agresivo e independente.

- Besta do seu sangue é unha novela cun texto moi fragmentado no que "falan"moitas voces. Por que optou por estruturar deste xeito a historia de Romasanta?

-En primeiro lugar por distanciamento, para evitar apropiarme da voz de Romasanta e construír só desde a súa figura. Precisaba darlles tamén espazo ás vítimas, ao resto de persoas que contribuíron a conformar a súa personalidade, historia e tamén mitoloxía. Isto só podía facelo a través de fragmentar en unidades moi pequenas, mudando o rexistro de coloquial a culto segundo quen falase, facendo flashbacks, interiorizando e exteriorizando, intercalando textos reais. É dicir, creando un tapiz literario para ensamblar todas as voces, lugares e momentos, o real e o inventado e que non se notasen as fisuras.

-Se nos cinguimos aos feitos reais, ninguén lle nega a condición de ser humano a Romasanta pero, digámolo claro, tiña unha personalidade psicópata e asasinou xente, mesmo crianzas. Nalgún intre, como lle ocorre a moitos autores/as chegou a empatizar co personaxe, a xustificar o que fixo ou, cando menos, a explicalo?

-Non. Non empatizo con asasinos e menos coa frialdade de mentes como a de Romasanta. Que investigara a súa figura non foi para facerlle un outro xuízo xa que el xa foi xulgado, condenado e castigado. A miña intención era chegar a comprender algo do que hai na mente de persoas como Romasanta, Ted Bundy, Jack o Destripador, Henry Lee, asasinos de mulleres que pasaron ao imaxinario colectivo case que dunha maneira mitoloxizada. Literariamente, Romasanta é un personaxe rico e poliédrico que atinxe moito da nosa tradición, se cadra era a escusa para falar das mulleres que matou, das que deixou vivas, da muller que viviu nel e facer unha xinealoxía das lobas no noso país. Achegarse a unha personalidade deste tipo con curiosidade non pode servir para entender unha complicidade; cada vez que falo de como escribín Besta do seu sangue falo do mesmo: de distanciamento. Romasanta fala por si, nunha primeira persoa da que é responsable para evitar achegarme a algo que poida soar a xustificación, a entendemento. Romasanta foi o que foi: un inxustificable asasino e eu, unha das súas biógrafas apócrifas, odiándoo e todo.

-Case toda a súa traxectoria literaria está dedicada á poesía. O feito de gañar o Premio Xerais anímaa para que a partir de agora escriba máis narrativa?

-Escribo narrativa e poesía desde sempre, en igual proporción, a diferenza está no que trascende a nivel editorial e iso non é cousa miña. Os premios non me animan ou desaniman a escribir, os premios danme de comer, pagan as miñas facturas, fanse cargo dos meus gastos. Os premios compensan economicamente este oficio no que a autora está no penúltimo dos chanzos do proceso editorial, só por riba do/a ilustrador/a. Gañar o Xerais implica que esta novela foi nese momento considerada a mellor entre as que se presentaron, nada máis, así que son realista, escribo porque me gusta, porque o fago con maior ou menor fortuna e esta Besta do seu sangue acadou unha relevancia que brillará só durante un tempo. Despois, como todo, caducará. Mentres, eu escribo, pase o que pase.

-Síntese parte dunha xeración de escritoras que están a achegar un novo xeito de entender a creación literaria e , ademais, a escribir entre todas un capítulo que no futuro vai ser fundamental na historia da propia literatura galega?

-Estou de acordo en que a visibilidade das autoras é un pouco maior agora mesmo e en que a etiqueta "feminista" está favorecendo moito esta atención, pero o traballo das escritoras está aí desde sempre. Non podemos obviar a María Xosé Queizán, a Xohana Torres, a María Victoria Moreno, a Pura e Dora Vázquez, a María do Carme Kruckenberg e moitas outras, moitísimas máis. Que fomos, que estamos sendo, que iremos ser... Pero non falemos de algo que se está a deixar para o futuro porque daquela estamos dando por inútil décadas de loita pola dignidade do traballo e mais da voz das autoras ou, peor aínda, deixándoas nas estreitísimas marxes do sistema. Eu síntome orgullosa de pertencer a esa caste da que forman parte todas as que nomeei e das cales levo nas miñas letras: trátase de mestras, vivas e mortas, que reivindico cada vez que podo abrir a boca. Pero futuro faise aquí, neste momento de agora, e faise, desde logo, non esquecendo o noso pasado.

Compartir el artículo

stats