Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Eiriz: "En canto a xéneros musicais, considérome unha persoa e un músico sen fronteiras"

Xoán Eiriz.

-Aparte de que, obviamente, lle guste a Vde.,que é aquilo que debe ter unha canción para que decida incorporala ao seu repertorio, como vén ser o caso destas dazasete que inclúe en Máis sentimentos ?

-Este é un disco de cancións eternas que foron interpretadas por grandes artistas de todo o mundo en varias linguas. Todas elas están cheas de emocións e transmítenme sensacións moi especiais tanto cando as escoito como cando as canto. Velaí o motivo de que as escollese para este disco, aínda que tamén é certo que poidera ter elixido outras moitísimas máis, e todas elas seguramente que, non soamente é que me gosten a min, senón que tamén lle han de gustar a calquera que as coñeza. Eu, o que fago con elas, é cantalas en galego, levalas á nosa bonita fala e demostrar que non perden nada, máis ben ao revés; esa é a teima que eu teño nestes últimos anos con toda esta serie de cancións universais e intemporais.

-Como a física, a química ou as matemáticas aínda non deron con ela, cal é para Vde. a fórmula para que unha canción sexa verdadeiramente boa?

-É que eu coido que non existe unha fórmula, así que no meu caso aplico o meu propio e persoal criterio: a min gústame calquera tipo de música sempre e cando sexa boa. Son unha persoa e un cantante que, en xéneros musicais, non teño fronteiras e ademais penso que a comercialdade non está necesariamente rifada coa calidade?Pero agora que o dis, unha fórmula boa sería cantar como Frank Sinatra, moverse como Elvis Presley e compoñer como Bob Dylan, pero resultaría case imposible atopar un artista así.

-Hai alguna época musical que lle guste especialmente?

-Eu son dos que penso que, en canto a música chamémoslle popular, os anos 60, 70 e 80 do século pasado foron os máis fecundos. De feito, creo que hoxe en día atravesamos unha grande crise creativa. Agás excepcións, semella que botamos en falta grandes compositores e, polo tanto, sufrimos escaseza de grandes cancións.

-Un dos segredos das boas cancións é a perdurabilidade, por non dicir a eternidade. Por que hai canciós das que se di que por elas "non pasa o tempo"?

-Porque conseguiron chegar ao corazón da xente. Cando iso se produce, semella que de cada vez que escoitas esas cancións, gústanche máis. Todas estas que eu canto neste disco, por exemplo, son cancións que acadaron ese obxectivo.

-Poden existir boas canción sen que nelas se fale de amor ou de desamor?

-Pois claro que si, e hainas dabondo, pero non cabe dúbida que de que ao amor é ao que máis se lle canta, ao que máis se lle cantou e se lle cantará.

-Cal ou cales das cancións deste disco lle resultaron máis difíciles xa non de traducir, senón de adaptar ao galego?

-Tiven a sorte de que contei con magníficos compañeiros, entre eles algúns poetas, que me axudaron moito. Porque, como moi ben dis, non se trata tanto de traducir como de adaptar. Unha dasa cancións que, por exemplo, tiña a intención de incluír no disco e, ao final non o fixen, foi "Aleluia" de Leonard Cohen. Ao cabo non fun capaz, porque o que di Cohen, e como o, di resultou imposíbel de trasladar a outro idioma sen que se perdese algo fundamental no camiño. En xeral, as canción en inglés foron as máis difíciles.

-A continuación voulle a facer unha serie de preguntas sobre algunhas cancións e dos cantantes destas cancións que Vde. interpreta en Máis sentimentos . Empecemos por ese Carlos Gardel de quen ata os seus fans din que "cada día canta mellor"?

-Recoñezo que foi unha ousadía pola niña banda atreverme e cantar "O día que me queiras." Gardel era un artista inmenso e, ademáis, cousa das que ás veces non se fala, un grandísimo compositor. E non erran os que din iso de que cada día canta mellor porque as canción de Gardel son das que continúan gustando aos mozos e mozas de hoxe, e supoño que aos do futuro.

-Por que elixiu de Gardel "O día que me queiras" e non un dos seus tangos máis ortodoxos?

-Porque para a min é a súa canción máis fermosa e, posiblemente, a máis universal.

-Con que versión desta canción se queda: coa de Gardel, coa de Roberto Carlos?.ou coa súa?

-(risos) Quédome coa canción e con Carlitos Gardel.

-Sería quen de lembrar cando e en que contexto persoal escoitou por primeira vez "Ne me quitte pas"?

-Mmmm. A verdade é que por máis que o penso, non o consigo, supoño que sería a primeira vez que me namorei. "Ne me quitte pas" ("Non me deixes",) está considerada a canción máis fermosa da historia e Jacques Brel Brel un dos grandes poetas. Con isto xa caseque está todo dito.

-Qué ten "Alfonsina e o mar" que a fai unha canción que enfeitiza a pesar de que, en realidade, está a contar un suicidio?

-Tes razón. É una canción tristísima, pero sen dúbida un dos cumios da canción latinoamericana.

-Carlos Cano, que non era portugués, foi quen de compoñer unha canción que ata algunhas xoves fadistas portuguesas incorporan ao seu repertorio. Por que Vde. quixo tamén que neste disco houbese un chisco ao fado?

-Aínda que ten aire de fado, "María la portuguesa" non é un fado propiamente dito, máis ben ten un ritmo de pasodoble. Pero resulta que está dedicada a Amalia Rodrigues, a raíña do fado. Para min tratáse dunha das cancións máis fermosas compostas por un autor español. Do meu repertorio, confésoche que é unha das canción que máis lle gustan ao público cando a canto en directo.

-Leva xa varios discos interpretando cancións doutros. Para cando un disco con canción escritas e compostas por Vde.?

-A verdade é que, ainda que teño escrito algunhas, recoñezo que escribir textos de cancións non é o meu forte, son moi autocrítico neste senso. Prefiro poñerlle música a versos dos poetas ou interpretar ao meu xeito cancións alleas. Así que facer un disco con pezas propias, a día de hoxe, véxoo un tanto difícil.

-Após tres décadas de traxectoria musical, que nivel de satisfacción persoal ten para con Vde. mesmo coa sua carreira artística?

-Pois síntome moi orgulloso e moi feli de todo ese tempo e labor. Son consciente de que, se tivera cantado en castelán, vendería máis discos e faría máis concertos, pero a verdade é que iso, a estas alturas, non me importa. Eu nacín cantando en galego e o día que me toque facer a derradeira viax,e gustaríame levar "no bico un cantar", como diría o grande Álvaro Cunqueiro.Eu intento vivir o que canto e cada vez c oido que canto con máis sentimento, dende as cordas do meu corazón.

Compartir el artículo

stats