Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

The other side of the wind

Orson Welles, maverick

Orson Welles (1915-1985).

Pode que moitos de vostedes coñezan as imaxes filmadas por Orson Welles apenas uns meses antes da súa morte, The Sipirit of Charles Lindberg (1984). Trátase dunha breve peza de tres minutos de duración, con fotografía de Gary Graver, na que vemos o cineasta de Kenosha recitando un breve texto fronte unha máquina de escribir no seu domicilio de Los Angeles. É un anaco do diario de Charles Lindberg, o primeiro aviador que cruzou o Atlántico sen escalas en solitario: "Non teño présa por rematar o meu voo [...] É parecido a escalar unha montaña na procura dunha flor rara e entón, cando a tes ao alcance da man, caes na conta de que a felicidade e a satisfacción residen máis na busca que no achado [...]. É unha pena ter que aterrar nunha noite tan clara e con tanta gasolina no depósito". Acertada metáfora para describir unha maneira de concibir a arte cinematográfica.

A pasada semana, unha famosa plataforma audiovisual estreaba The Other Side of the Wind ( Ao otro lado do vento, en galego), película inacabada de Orson Welles que comezou a rodar en 1970, tras regresar a Hollywood despois do seu exilio, e acabou en 1976, continuando a montaxe nos anos 80. Unha serie de problemas acabaron por malograr o proxecto que pasou a engrosar, xunto con Don Quixote, It's All True ou The Deep, a lista das películas inacabadas. Tres décadas despois, o produtor Frank Marshall e Peter Bogdanovich, que interpreta un importante papel na longametraxe, deciden aproveitar as cen horas de película filmada e un guión con indicacións para presentar unha montaxe afín ao espírito de Orson Welles. O resultado é un documento repleto de denodo; un deses filmes que esixe, para obter unha asimilación íntegra, máis de un visionado. Trátase, máis que dunha peza autobiográfica, dunha descarga intensa de sentires, revelacións, pensamentos, crenzas e fantasías arredor da vida, da arte e do cine, que vai configurando un memorando poliédrico da obra fílmica do cineasta; pero faino a partir de testemuñas plurais e contrapostas e, polo tanto, o espectador deberá asumir o papel de Jerry Thompson (o xornalista que investiga a vida de Charles Foster Kane en Citizen Kane) para recompoñer as pezas e acadar un retrato aproximado -o axioma antóllase unha quimera- da axitación que desacouga a mente de tan colosal cineasta.

John Huston interpreta o alter ego de Orson Welles (Jake Hannaford), o director que retorna a Hollywood para filmar a película inacabada, pero trátase dun alter ego ramificado en dous personaxes máis, asimilando unha técnica moi común no cine de Ingmar Bergman: Brooks Otterlake (Peter Bogdanovich), o director novo que acompaña a Hannaford durante boa parte da película, máis John Dale (Bob Random), o actor protagonista da película dentro da película que se está a rodar, complementan en pantalla a trindade que representa o propio Orson Welles.

Nun momento da fita, o personaxe de Zarah Valeska (Lilli Palmer), afirma sobre Hannaford que a maioría da xente da súa idade son moi vellos para el, aseveración que semella dialogar coa mítica frase de The Third Man (Carol Reed, 1950) acerca de Harry Lime, personaxe encarnado por Orson Welles: "El nunca se fixo maior, foi o mundo o que envelleceu en torno a el". Poucas frases reflicten con tanta fidelidade a carreira dun cineasta que comezou desde a cima de Hollywood e acabou no exilio filmando películas sen cartos cunha cámara amateur.

Nunha ocasión, Welles definiuse a si mesmo como un maverick, un solitario que por dignidade estética -segundo palabras de Harold Bloom- emprendeu un camiño artístico á marxe dos postulados da industria. Tiña cartos, tiña fama, tiña poder, pero el era un artista e o que quería era facer o que lle petase.

"Sempre hai un xeito mellor"

  • O profesor e semiótico Santos Zunzunegui aludía ao carácter melancólico de Orson Welles para explicar a súa tendencia a non rematar os proxectos que iniciaba. O autor de Citizen Kane amosaba sempre un infinito pracer en manipular materiais que nunca parecían acadar un estadio definitivo. A palabra "definitivo" non formaba parte do seu vocabulario; como repetía ao seu colaborador Renzo Lucidi: "There's always a better way", sempre hai un xeito mellor. Semella que o "inacabamento", como melancólico de manual, supón unha parte esencial da súa obra. Por esta razón, The Other Side of the Wind, película sobre un cineasta que non logra acabar a película, non é máis que a confirmación dese pracer polos traballos inacabados, por permanecer no estadio do work in progress. Ata que punto está xustificado pensar que realmente Orson Welles non quería rematar ese filme? Nunca saberemos canta fidelidade hai na montaxe final que Peter Bogdanovich e Frank Marshall presentaron aos espectadores; haberá quen pense que o resultado final desvirtúa as pretensións de Welles; porén, a pesar de todas estas dúbidas lexítimas, a longametraxe -unha mestura entre 8 1/2 de Fellini e Histoire(s) du cinema de Godard- non so permite profundar na súa cinematografía, senón que reforza a súa lenda como creador de imaxes e discursos irrepetibles

Compartir el artículo

stats