Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Voltar a Ítaca

Fotografías de Alba Sotelo

As propias "Mans" do pai da fotógrafa.

Cando Ulises e a súa tripulación xa avistaban Ítaca, son sorprendidos por unha indómita treboada e o seu navío acaba recalando nunha illa descoñecida. Ulises envía algúns dos seus homes para que exploren aquel territorio e regresen con información acerca dos seus habitantes. Así o fan. Entran en contacto cos nativos da illa,que os tratan con suma amabilidade e, incluso, lles ofrecen probar un misterioso alimento: a flor de loto. Os homes, tras inxerir a planta, caen nunha especie de letargo que os impele a esquecelo todo: compañeiros, familia, fogar. Perden a ansia por volver a Ítaca xunto os seus. Ulises sae co resto da súa tripulación na súa busca e, á forza, logra levalos de volta ao barco.

Alba Sotelo, artista que desde o 11 de outubro e deica o vindeiro 18 de novembro expón unha exposición fotográfica, no Pazo da Cultura de Pontevedra, baixo o título Voltar a Ítaca, pretende, co fulgor que emanan as súas instantáneas, combater os efectos da flor de loto -metáfora na sociedade dos nosos días, febril e materialista, de anestésicos que nos arrastran a habitar nun presente inmediato- para que retornemos ás nosas orixes e poder así volver ao noso fogar, que non é máis que ese lugar onde, como Penélope, sempre hai xente que agarda por nós. Baixo o influxo dunha ramificación xenealóxica que abrangue todos os oficios relacionados co mar, a bueuesa Alba Sotelo expón máis de cincuenta fotografías que non son máis que unha ofrenda: a ofrenda dunha mirada. Pero cal é esa mirada que comparte a artista?

Para responder a esta pregunta nada mellor que centrar a nosa análise na foto que,en branco e negro,dá inicio á exposición: unha imaxe cenital das mans do pai de Alba Sotelo, mariñeiro, con catro dedos amputados polo mar. Repousan, e digo repousan porque semellan estar cansas, sobre unhas nasas. As mans sitúanse no centro de máxima atención da fotografía dun formato vertical, nos puntos de intersección superiores da regra de tres terzos, resaltada pola claridade das mesmas fronte unha tonalidade xeral máis escura. O retratado amosa conscientemente as súas mans, están a ofrecelas á mirada do fotógrafo, neste caso a súa filla. Cada espectador que pase por diante desta cegadora fotografía é reclamado pola imaxe e, tamén, por esa voz: "Mira as miñas mans". En segundo termo, a causa desa perda: as nasas, o traballo, o mar. Pero é que, ademais, como acontece no resto das instantáneas da exposición, Alba Sotelo rexeita a distinción e a galanura. Non hai filtros embelecedores, unicamente sinceridade, como acontece na arte expresionista, centrada en sacar á superficie estremecementos internos a partir da representación dos corpos. Porén, o efecto turbador non se esgota aquí, senón que aumenta aínda máis grazas ao punto de vista da imaxe, captada, como dicimos, desde unha posición cenital, na que fotógrafa e retratado semellan fusionar miradas e, en consecuencia, sentimentos.

A partir desta foto inicial, o espectador percorre a exposición dividida en cinco fases: perdeuse, partiu, respirou, topouse, voltou. Todas elas, fases que están relacionadas co extravío e o encontro dun espazo propio. O sociólogo francés Maurice Hablwachs falaba de "non-lugares" para referirse a espazos aos que non se lles pode atribuír unha historia e unha identidade, son lugares que non se poden describir a través dunha relación. A obra de Sotelo responde a ese afán de construír no seu entorno familiar, amigable e veciñal da vila mariñeira de Bueu, un lugar con historia, identidade e relacións en torno ao mar. Iso si, sempre e cando, como dicía Blanco-Amor, a sensibilidade galega, despois de tanto folclore, de tanto esquecemento (de tanta flor de loto), sexa capaz de sentirse a si mesma.

Para acadar o azul

  • A exposición fotográfica de Alba Sotelo, con máis de medio centenar de instantáneas sobre o mundo do mar, pretende ser a primeira entrega dun tríptico que virá complementado por un libro e un documental. Tanto a parte literaria como a parte audiovisual amosan un adianto deste proxecto multimedia a través de textos escritos por artistas que colaboran na mostra -entre outros, Henrique Rivadulla Corcón, Xosé Iglesias, Ismael Ramos, Carmen Conde, Iria Collazo, Ana Cabaleiro, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernández, Antón Sobral e José Solla- aportando a súa visión do mar e, tamén, dunha curtametraxe que se pode visionar durante a visita á exposición, Acadar o azul, filmada pola propia Alba Sotelo e coa colaboración de Andrés Hermelo e Fran Domínguez. Libro e documental xurdirán da interacción cos espectadores que acheguen as súas reflexións sobre o mar na bitácora www.voltaraitaca.blog. Unha das virtudes das fotografías de Alba Sotelo reside na súa capacidade de evocar historias propias nos visitantes, por máis que aquelas partan dunha visión persoal. As imaxes falan, ás veces incluso, como reza o tópico, condensando mil verbas na súa contorna, pero a excelencia da arte visual, en realidade, comeza cando esa imaxe incita a falar de nós mesmos.

Compartir el artículo

stats