Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A guerra da comida

Dietas, fame, identidades

A guerra da comida

Non hai nada máis amargo que o encontro dun meniño coa fame. Máis de cento cincuenta millóns de menores de cinco anos padecen desnutrición crónica no mundo. Mentres uns debaten sobre a mellor dieta, outros loitan por unha manchea de trigo. Para os que están obrigados a comer só pan e té todos os días, a comida non é unha marca de identidade ou de pertenza a un grupo. Nesta contorna os alimentos só permiten unha única posición que é a de vivir. Non hai máis consideración ética que preservar a propia vida. Eles non son nin veganos nin vexetarianos; son un desexo omnívoro.

Cando temos a barriga chea todo é susceptibel de converterse en signo de identidade e a comida non está fóra deste indicador egocéntrico da nosa cultura. Pertencer a un destes grupos é caro, de feito a obesidade é un problema dentro das clases mais baixas en Occidente porque os alimentos de calidade son inaccesíbeis para as familias con rendas baixas. Imposíbel imaxinar dende o século XVIII que o sobrepeso sería, nalgún momento da historia da humanidade, a marca dun tipo de pobreza.

Nos países desenvoltos comer frivolízase, aínda que esta trivialidade, envolta en valores supremos, sexa pasaxeira silandeira. Porque non negamos a transcendencia que hai na compaixón e na xustiza que reclama o antispecismo e en quen adopta unha dieta por respecto á vida, pero necesitamos afondar. Pode que esta consideración de comer sen precipitar a morte de ninguén sexa máis imaxinaria que real. A vida e a morte son parte dunha mesma expresión contida en cada bocado. A intención de impacto cero da nosa existencia sobre a natureza, por moi elegante que resulte a súa formulación, é mais unha imaxe espectral que unha posibilidade.

A consideración máis relevante é a que cuestiona as formas desta explotación. Consumir cereais e grans hoxe fomenta a morte de moitos seres vivos a grande escala porque estes produtos, que proveñen maioritariamente dos cultivos masivos, son os que provocan a deforestación e mais a destrución do medio onde viven moitos seres. Manter unha dieta libre de carne, pero alimentándonos cos produtos do mercado, non salva a vida a ninguén. Unha guerra autodestructiva, no individual, cos praguicidas, antibióticos, hormonas, graxas e adozantes e, no global, coa morte da biodiversidade, da atmosfera e dos océanos. A guerra da comida é unha auténtica crise física e tamén moral.

Neste conflito hai quen fala de "biocidio" en referencia á agricultura porque é "carnívora" xa que se come os ecosistemas enteiros. Sobradas mostras hai dos efectos da emisión de CO2 no ambiente como consecuencia dos procesos de produción: a deforestación, outro fenómeno destrutivo do planeta que obriga as especies a desprazarse e moitas veces para rematar con elas. Esta dinámica tamén modifica o cauce dos ríos e contamínaos. Unha transformación do medio que non só non é pacifica senón que non é sostibel. Algúns expertos invitan á observación comparativa de territorios dedicados a este tipo de agricultura e os destinados a gandería para rexistrar onde atopamos a maior preservación da diversidade e parece que o impacto é moito menor nos territorios destinados á gandería. Onde coinciden a maioría dos ambientalistas, os defensores dos dereitos animais, os da xustiza alimentaria e os do clima e a saúde é en que urxe reinventar a agricultura a través de técnicas que protexan a diversidade. Para iso necesitamos gandería extensiva, policultivo de plantas vivaces e consumo de proximidade. Pode que a partir de aquí, resolto o problema da produción, o debate sobre qué comer terá a posibilidade de crear sentidos máis axustados coa realidade.

No 2050 parece que seremos cerca de 10.000 millóns de habitantes, hoxe somos 7.000. Necesitaremos aumentar entre un 50 % e 70% a produción de alimentos para cubrir as demandas de toda a poboación porque hoxe máis de 800 millóns pasan fame. De momento pode que a nosa militancia nunha dieta particular calme a nosa conciencia, incluso é posibel que mellore algún aspecto da saúde individual, pero pouco máis.

Compartir el artículo

stats