Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reivindicación do tribuno

Emilio Castelar, prologuista de Follas Novas

Emilio Castelar (1832-1899).

Marlon Brando interpreta, no filme Xulio César (1953) de Mankiewicz, un episodio primixenio na cultura europea. Refírome ao discurso que dá como Marco Antonio no funeral do César, a quen lle foi fiel ante a conxura mortal. A palabra de Marco Antonio contiña a retórica e a forza suficiente para remover a conciencia do pobo de Roma. Velaí o primeiro meeting político. Marlon Brando, quen iniciaba a súa carreira cinematográfica, logra coa voz e coa mirada de titano unha das escenas máis célebres.

A importancia da palabra é un asunto de vello polo seu poder extraordinario. Grandes discursos conmoveron a toda unha nación. Algúns longos, como os de Fidel Castro; outros breves, como o de Lincoln na batalla de Gettysburg. Hai quen improvisaba na súa declamación, como Azaña; hai quen practicou a lectura moitas horas, como o rei Xurxo VI de Inglaterra no discurso de declaración de guerra contra Hitler.

Na España decimonónica destacou un hábil orador chamado Emilio Castelar. Todas as crónicas subliñaban aquela capacidade e destreza verbal. Un tribuno da vella escola forxado na filosofía e na historia mundial. A súa voz cadiceña resoaba como avogado diante dun tribunal ou como deputado nas Cortes.Castelar dominou a palabra. A prensa transcribía numerosas prédicas. Fíxose respectar ante os adversarios e acadou a adhesión dos seus. Chegou a presidente da 1ª República en 1873.

Neste etapa é coredactor da constitución endexamais aprobada que pulaba polo federaliso. Canda el estivo Eduardo Chao, fillo adoptivo de Vigo e egrexio patrucio do republicanismo galego.

A relación de Castelar e Chao comezou no combate cívico a prol da república e o progresismo. Trabaron amizade. Así Castelar publicaría algúns libros na editorial La Propaganda Literaria que tiña Alejandro Chao (irmán de Eduardo) na Habana. Desta editorial saíu Follas Novas de Rosalía, o libro máis íntimo e persoal, que levaba prólogo do Castelar. É dicir, quen ocupara tan altos cargos políticos e conseguira tamaña popularidade, puña palabras aurorais a unha obra escrita en galego.

Chama a atención que non haxa estudos da relación de Castelar con Rosalía e, en xeral, con Galiza. Un tema que nos propuxemos responder cun vindeiro traballo porque resulta un feito único na nosa literatura: non hai ningún outro escritor en galego que conte cun limiar dun presidente republicano.

Castelar redacta estas liñas sen ter pisado nunca a nosa terra e sen ter coñecido en persoa a Rosalía. Sospeitamos que foi E. Chao (quen estivo tras a publicación de varias obras rosalianas) quen mediou.

O presidente visitaría Galiza no verán de 1883. Chegou á nosa urbe atlántica tras a viaxe en ferrocarril dende Madrid, pasando por Portugal, até Tui. Viña presidir os Xogos Florais de Vigo, canda figuras como Chao e Joaquín Avendaño. O acto literario celebrouse no Tamberlick. O discurso de Castelar, tan agardado, pechou a velada.

Durante a súa estadía visitou outros lugares: Pontevedra, Marín, Caldas de Reis, Compostela... Partiu en barco de Vigo a Redondela para unha sardiñada co Xoán Manuel Pereira, o señorito da Reboraina na novela de Otero de Pedrayo.

Máis notable, sobre todo para o eido dos estudos literarios, é a segunda visita. Desta volta Castelar vai presidir a velada en memoria de Rosalía que se celebra na Coruña en 1885. Naquel acto, Emilia Pardo Bazán pronuncia un dos seus primeiros discursos (previamente comentado co líder republicano na casa familiar). O alí dito doeu aos rexionalistas polo contido antinacionalista e, sobre todo, pola desacreditación de Follas Novas pola súa escolla lingüística.

A presenza de Castelar (na escrita con Rosalía e no verbo con Emilia) usouse como reclamo para o público. Mais esta utilización contén no fondo uns obxectivos para lexitimar ante o público español posturas estéticas, lingüísticas e políticas diverxentes. Pero cómpre que o alumnado coñeza Follas Novas de Rosalía ou La tribuna de Emilia. Mais deben saber tamén que a normalización da literatura en galego foi camiño trabado por negacionistas da nosa lingua. Daquela o galego non valía para os altos pensamentos; agora, hai quen disque o galego non vale para as matemáticas. Arredemo!

Compartir el artículo

stats