Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sangue en Tlatelolco

Camiño da masacre: México 1968

Forzas da policía e do exército na Praza das Tres Culturas (México, otubro de 1968).

O ano 1968 tamén foi en América un ano de esperanza. Primeiro Checoslovaquia, logo varias cidades norteamericanas tralo asasinato de Martin Luther King e en protesta pola guerra de Vietnam, máis tarde Toquio, París?; en fin, en numerosas cidades de todo o mundo sucedéronse acontecementos que se poden cualificar de pre-revolucionarios. Daquela, que foi o que pasou en México?

O que aconteceu en México foi o estourido dun sector da poboación, principalmente estudante, contra as institucións políticas e culturais. Neste sentido, aínda que se poden atopar antecedentes en diversas mobilizacións ocorridas ao longo dos anos anteriores, a marcha dos acontecementos do 68 comezaron no mes de xullo, cando se mobilizaron os estudantes universitarios e preuniversitarios en Cidade de México demandando a liberación de presos políticos e o fin da impunidade policial e militar, denunciando os abusos de poder e esixindo xustiza e respecto polas liberdades democráticas. Certamente se trataba de demandas políticas que revelaban o carácter autoritario dun estado formalmente democrático, como puxo de relevo a brutal represión das manifestacións, polo que o primeiro de agosto se produciu unha masiva manifestación encabezada polo reitor da UNAM e comezou organízase o movemento estudantil por escolas, de xeito asembleario e á marxe das organización políticas ou sindicais xa existentes nun ambiente profundamente deliberativo: a política comezaba estar en mans de quen nunca participara da política, que estaba demasiado institucionalizada nun partido único: o PRI.

Ao longo de agosto, nun momento en que o estudantado comezaba establecer lazos solidarios co movemento obreiro? e ampliar o que Fernando Coll deu en chamar a 'familia revolucionaria' mexicana, integrada por estudantes, obreiros, campesiños, indíxenas?, o goberno de Díaz Ordaz iniciou unha campaña de desinformación e acusacións falsas sobre os mobilizados e organizou unha rede de estudantes que se infiltraron no movemento con ánimo de provocar unha reacción violenta das forzas represivas xustificada polos actos promovidos por eses infiltrados. Aínda así, o movemento seguiu avanzando: marchas do 27 e 28 de agosto, manifestación das teas do 7 de setembro, marcha do silencio do 13 de setembro?, que provocan a ocupación militar do campus universitario o 18 de setembro. O 2 de outubro, logo de que o exército se retirase do campus universitario, milleiros de persoas acudiron á praza das Tres Culturas ou de Tlatelolco? A operación Galeana estaba en marcha cun único obxectivo: causar o maior dano posible entre os manifestantes para disolver as mobilizacións e desarticular o tecido organizativo dun movemento que denunciaba as miserias dun réxime en pleno desenvolvementismo económico. É a estratexia habitual da 'pedagoxía do terror'. O resultado do despregue militar e da brutal represión na praza foi dun número descoñecido de mortos, entre 200 e 500 que foron ilegalmente incinerados. Despois un longo silencio?, até que en 1993 se levantou un monolito conmemorativo e no 2011 as vítimas da masacre foron recoñecidas institucionalmente como 'mártires da democracia'.

O 16 de outubro de 1968, mentres sonaba o himno dos EEUU no estadio olímpico universitario da Cidade de México, os atletas afroamericanos Tommie Smith e John Carlos, gañadores do ouro e do bronce olímpico, alzaron o puño envolto nunha luva negra e baixaron a cabeza: era o saúdo do Black Power, a potente organización que loitaba polos dereitos civís da poboación afroamericana. Unha vez máis, a historia se repetía: a fragmentación das loitas. A burguesía habería saber aproveitar esa falta de unidade do movemento revolucionario internacional a partir do 1973.

América Latina

  • Porén, o ano 1968 non só foi o ano da masacre da praza de Tlatelolco, foi un ano decisivo na historia de América Latina, xa que ao longo dese ano e como froito de diferentes experiencias sociopolíticas en contextos políticos diversos, xurdiu unha nova xeración de movementos sociais, como lembraba recentemente o xornalista uruguaio Raúl Zibechi. Entre os movementos que xurdiron como consecuencia das protestas que se iniciaron ese ano cómpre salientar o Movimiento Universitario Julián Apaza en Bolivia, berce do katarismo boliviano que inspirou a dirixentes como Evo Morales e Felipe Quispe; a Federación de Cooperativas de Vivienda por Ayuda Mutua (Fucvam) en Uruguay; e o Consejo Regional Indígena del Cauca en Colombia e a Ecuarunari en Ecuador, entre os máis destacados. Mesmo, aínda que a súa fundación tivo lugar varios anos despois, o movemento das Madres de la Plaza de Mayo na Arxentina e o Movemento de Traballadores Rurais Sen Terra no Brasil, están directamente influídos pola vaga rebelde do 1968... Así mesmo, sen a experiencia revolucionaria do 68 non terían xurdido activistas como Paulo Freire, o fundador da 'pedagoxía do oprimido'; o peruano Gustavo Gutiérrez, fundador da teoloxía da liberación; ou os pensadores marxistas Ruy Mauro Marini, Theotonio dos Santos ou Aníbal Quijano.

Compartir el artículo

stats