Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha nova fíbula de San Cibrao de Las

Aproximación a un broche galaico-romano

Vista da porta do segundo recinto habitacional.

Vista da porta do segundo recinto habitacional.

O castro de San Cibrao de Las (Ourense) é, a todas luces, un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes e representativos do noroeste peninsular. Tamén un dos máis grandes e monumentais, paradigma dun momento tardío da Idade do Ferro (s. II a.C-s. II d.C), cando a romanización estaba xa fortemente asentada na Gallaecia, de aí a súa trama urbana case ortogonal.

Dotado dunha forte personalidade grazas ao seu espectacular sistema defensivo e ás súas enormes dimensións (10 ha), que fan del un auténtico oppidum, o xacemento estrutúrase en dous recintos habitacionais concéntricos protexidos por tres liñas de muralla, foxo e parapetos.

Do total de pezas recuperadas ao longo de case 100 anos de investigación arqueolóxica (a primeira campaña, dirixida por López Cuevillas, levouse a cabo no ano 1922) destacan as coleccións de obxectos de bronce, en particular de fíbulas, alfinetes, colgantes e agullas decoradas. Todos estes obxectos están intimamente vinculados coa artesanía téxtil, que tamén debeu estar ben representada na Cidade (nome popular que recibe o castro en toda a contorna) de termos en conta o abondoso número de fusaiolas e pesas de tear exhumadas.

As fíbulas son unha especie de broche metálico, utilizado desde época prehistórica por gregos e romanos, na Gallaecia tamén polos galaico-romanos. A que hoxe publicamos foi atopada en superficie de forma casual -e polo tanto sen contexto arqueolóxico- hai aproximadamente quince anos no exterior do espazo amurallado, en concreto no sector Oeste, xusto no arrinque da pendente que conduce á primeira das murallas.

Trátase dun exemplar anular en Omega tipo B segundo a clasificación de Elizabeth Fowler (1960), nome que recibe polo seu parecido coa última letra do alfabeto grego. Defínese por ter o extremo da agulla da argola enrolada arredor do aro, unha peza metálica que non presenta unha sección uniforme, senón decrecente cara aos extremos, onde remata nunha forma contracurvada. Lamentablemente o noso exemplar presenta ambas terminacións seriamente danadas, o que nos impide coñecer o deseño orixinal con detalle.

A agulla, de sección circular, é independente do aro, e grazas á súa ancha cabeza, de sección tamén circular, móvese libremente por el. Ambas pezas, fundidas en bronce, son froito dun molde de fundición. A fíbula ten un peso de 3,73 gr e un grosor que vai dos 0,2 (extremos) aos 0,4 cm. A altura exterior total é de 2 cm e a súa anchura practicamente igual (1,9 cm), sendo o diámetro interior de 1,2 cm. Pola súa parte a agulla ten unha altura total de 1,8 cm e un grosor de 0,15 cm.

O exemplar que aquí presentamos ten paralelos con outros broches de idéntica tipoloxía atopados no mesmo castro, caso dun dos publicados por López Cuevillas (1924-25). A cronoloxía que Fowler avanza para este tipo de fíbulas, entre o s. II a.C e o IV d.C, coinciden grosso modo coa do noso xacemento.

Xa que logo, na medida en que son representativas da romanidade, tampouco é raro atopar paralelos de fíbulas en omega noutros xacementos galaicos romanizados: Castromao (Celanova), Aquae Querquennae (Porto Quintela), Castro de Laias (Cenlle) ou Viladonga (Castro de Rei). Tamén en xacigos peninsulares das culturas Ibérica, Celtibérica e Romana: Cerro del Villar en Monreal de Ariza (Zaragoza), Palencia, Mérida, Numancia, etc. Pero a presenza deste tipo de broches non se restrinxe á Idade Antiga, senón que chega ata alta Idade Media (s. III-VI), como evidencia a súa aparición en sitios hispanovisigodos como o de Castiltierra (Segovia), un momento histórico no que as fíbulas aparecen con frecuencia en contextos funerarios como parte do enxoval do defunto (Mariné Isidro; 2001).

Anticonceptivos, amuletos e status

  • Fariña Busto (2005) destacou que a historia da fíbulas "vai vencellada á evolución do vestido e subordinada ós compoñentes daquel. Comeza a utilizarse no bronce final e, dende esa etapa cronolóxico-cultural, o seu emprego xeneralizouse por todo o ámbito territorial europeo e mediterráneo". A súa utilización foi constante no conxunto de Europa, en particular entre os pobos do interior do continente, polo que se pode "considerar como un obxecto cotián entre os bárbaros". Con todo Cuevillas (1950) non tiña dúbidas encol da súa orixe, destacando que as fíbulas anulares en omega eran "uno de los vestigios indicadores de las relaciones terrestres y marítimas que el Noroeste Peninsular mantuvo con la Bética". Cortegoso Comesaña e Viñas Cué (1994-95) foron máis alá do estudo tipolóxico e distinguiron entre o uso material e emblemático deste tipo de broches. "A nivel simbólico servirían de indicador de status (posición social, profesión, filiación étnica); y para fijar amuletos o como amuleto en si mismo; finalmente tendrían la función de exvoto (ofrenda)". No mundo clásico greco-romano algunhas das fíbulas incluso eran utilizadas para promover a modestia ou incluso como anticonceptivo masculino (infibulatio), na crenza de que axudaba a preservar a voz aguda dos cantantes e a enerxía dos atletas.

Compartir el artículo

stats