Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os perigos de Occidente

Por unha perspectiva de "pluriverso"

O antropólogo colombiano Arturo Escobar.

O mundo non é a concepción occidental do mundo. Todo sistema chega a un momento de crise e o exercicio da crítica implica distancia. Pero é posibel estar por fóra do que pretendemos criticar cando é o sistema? Hai quen pensa que non temos esta capacidade porque somos parte. Dicía Parménides que o ser só se pode observar dende o non ser: algo que se presentas imposibel porque o ser é, e o non ser, non é. Pero isto é cuestionábel neste marco, porque Occidente creou a figura do non ser nos desprazados, os negados polo sistema. Eles crean o seu propio universo cos seus recursos e son concientes do que non son, eles gardan exterioridade. Quen con maior lexitimidade para a crítica que os que están fóra do construído? As vítimas sociais e políticas son o non ser. Unha das cousas máis interesantes das posicións que hoxe alimentan os que están fóra, e a perspectiva do "pluriverso". Esta posición nútrese dos saberes das comunidades autóctonas, non da intelectualidade, e isto coloca o poder nun saber que estivo silenciado pero tamén preservado do modelo académico.

Arturo Escobar é un antropólogo colombiano que está na crítica do desenvolvemento produtivo occidental e na divulgación dos movementos sociais pola diversidade, que loitan pola autodeterminación dos pobos. No seu novo libro, Sentipensar coa terra, refírese á necesidade de pensar tanto co corazón como coa mente, difícil para os occidentais que consolidamos a falsa idea de que a conciencia só é o pensamento. É renovador escoitar estes discursos que se sustentan nas ideas de comunidades tradicionais, neste caso sudamericanas, que loitan contra o progreso que, co argumento de xerar riqueza, destrúe os seus territorios. A súa loita, poderosamente razoada, ilumina un camiño de saberes que dan prioridade á vida e a súa diversidade e é contraria ao universo globalizado. Perseguen a construción dunha orde ontolóxica política nova que congregue as experiencias culturais para que os estados pasen do poder dominador a formas que respecten as eleccións vitais dos pobos.

A súa cosmoloxía está construída sobre a multiplicidade, o "pluriverso" que articula a súa loita territorial. E aínda que estamos de costas ao que sucede nestas comunidades aboríxes e campesiñas, están instaladas na transición entre civilizacións e ostentan unha sabedoría sobre a vida que nós esquecemos. Denuncian a ameaza do modelo occidental pero non para eles en particular, senón para toda a humanidade. Porque non perciben o mundo como un conxunto de unidades discretas que se suman una vez desenvolvidas; para eles a realidade é un proceso vincular onde a vida individual é posibel pola existencia de todo o que é a contorna nun intercambio creativo permanente.

A súa é unha loita política pero tamén epistemolóxica. Reivindican o xeito no que queren vivir, rexeitando as formas da produtividade liberal que está a arrasar os seus territorios. A economía liberal "desterritoriza" as conciencias, algo que o representante do proceso de liberación da Madre Teerra del Cauca, Mauricio Dorado, expresa moi ben cando di "non só sacan a xente do seu territorio senón que sacan o territorio da xente". Unha transformación baseada nun modelo secular liberal e fundamentada na falsa loita contra a pobreza que non respecta a diversidade cultural, a dignidade das persoas e a súa vinculación territorial. Lonxe de perseguir que os pobres deixen de ser pobres, traballa para que os ricos sigan sendo ricos.

Esta realidade relacional continua de intercambio ininterrompido entre o ser, o facer e o coñecer confirma que non existimos, "interexistimos". Unha idea extraordinaria para "sentirpensar" Galiza, as súas costas e montes de extraordinaria e embriagadora beleza ao tempo que percibimos os evidentes síntomas do asentamento paulatino e silencioso desta enfermidade do progreso económico, paradoxicamente creador de pobreza. Aínda queda algunha persoa o suficientemente inxenua para crer que alguén nace pobre? Ou para crer que as políticas económicas do liberalismo crean riqueza? A pobreza non é ontolóxica, é a expresión dun modelo particular de vida.

Compartir el artículo

stats