Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gol é gol

Sobre fútbol e literatura

O escritor austríaco Peter Handke.

En apenas quince días comezará o Mundial de Fútbol por terras rusas. Poida que aínda haxa persoas que continúen a pensar que o fútbol é a antítese da literatura. Sinto desilusionalas, pois as liñas que seguen pretenden espellar os felices idilios que tiveron de sempre, tantos e tan notorios que moitas figuras senlleiras das letras de toda parte deixaron textos e opinións sobre a épica, a ética, a estética e aínda a metafísica deste deporte.

Escribiu Juan José Sebreli en A era do fútbol (1998) que do mesmo xeito que o foi o campo de Olimpo na Antiga Grecia, o circo no Imperio Romano e o hipódromo no Imperio Bizantino, o estadio de fútbol é un espello da sociedade actual. Tal conexión sociolóxica explica o interese que non poucos creadores tiveron por este deporte dende a súa popularización a comezos do XX ata os nosos días.

Un breve repaso polo que se dixo e escribiu sobre o fútbol ha traer pronto á memoria a Albert Camus, que foi porteiro do R.U.A. na súa Alxeria natal, quen defendía que todo o que sabía sobre a moral e as obrigas dos seres humanos llo debía ao fútbol. Ou Vladimir Nabokov, tamén el porteiro nos seus tempos estudantís en Cambridge, quen na súa autobiografía Fala memoria evocou poeticamente a heroicidade do gardameta, esa "aguia solitaria, o home misterioso, o derradeiro defensor".

Non foron os únicos en pensar así. Por exemplo, o gran cineasta e escritor italiano Pier Paolo Pasolini, que foi xogador do Boloña, chegou a afirmar que o fútbol é unha linguaxe, cos seus poetas e prosistas de estilos ben diferenciados. Walter Scott cría que a vida non era senón un partido de fútbol. Jean Paul Sartre afirmaba que no fútbol, coma na existencia mesma, todo se complicaba pola presenza do outro equipo. Eduardo Galeano, en fin, creu sempre cegamente en que un pode cambiar de parella, de partido político ou de relixión, pero endexamais de equipo, dándolle a razón extática a Anthony Burgess, para quen era evidente que cinco días da semana eran para traballar e un sexto para adorar a Deus, pero o outro día non asignado pola Biblia lle correspondía, xaora, ao fútbol.

Como é lóxico, esta admiración dos escritores polo fútbol acabou por frutificar celmosamente. E velaí os están poemas inesquecibles de clásicos como Rafael Alberti, quen cantou na súa oda a "Oda a Platko" (1928) a proeza do porteiro húngaro do Barcelona, que non marchou do campo malia xogar coa cabeza medio aberta (tiveron que darlle ao remate do encontro unha chea de puntos de sutura). Ou a elexía que Miguel Hernández lle escribiu ao seu amigo Lolo, porteiro do Orihuela: "Te sorprendió el fotógrafo el momento/ más bello de tu historia/ deportiva, tumbándote en el viento/ para evitar victoria,/ y un ventalle de palmas te aireó gloria". Tamén o relato "Esse est percipi" que coasinaron Jorge Luis Borges e Adolfo Bioy Casares en 1967, breve distopía, que convén reler, sobre un mundo no que o fútbol deixa de ser deporte e se converte en pura espectacularización.

Aos anteriores cómpre sumar os Once contos de fútbol (1963), de Camilo José Cela; a novela O medo do porteiro ante o penalti (1970), de Peter Handke ?que mesmo foi levada ao cinema por Win Wenders?; memorables relatos como "Buba" das Putas asasinas (2001) de Roberto Bolaño, que protagoniza un porteiro chileno fichado polo Barça; as tres historias de Un pouco de paixón e outros contos de fútbol (2012), escritas por Ana María Moix, seguidora do Barça; as moi popularizadas antoloxías Contos de fútbol (1995) e Contos de fútbol 2 (1998), compiladas por quen foi xogador e adestrador do Real Madrid, Jorge Valdano; as páxinas do Javier Marías de Salvajes y sentimentales. Letras de fútbol (2012); as narracións ensaísticas do Manual de fútbol. Un libro fuera de juego (2014) de Juan Tallón, unha visión perfectamente excéntrica do futbolístico; ou o xa amentado Galeano, quen publicou O fútbol a sol e sombra (2015), rendida homenaxe á arte do esférico.

De noso

  • Na literatura galega a presenza do mundo do fútbol documéntase xa dende os inicios mesmos da popularización masiva do que hoxe denominamos 'deporte rei'. E velaí como, xa en 1920, Manuel Rei Pose escribiu o monólogo cómico Un match internacional de fútbol, representado aquí e acolá polos escenarios do país. Habería que agardar ata décadas recentes para ver como o fútbol gañaba forza literaria entre nós, xurdindo textos como Todo ben (1985), de Manuel Rivas, que novela a corrupción que rodea este deporte; Lume de biqueira (1999), de Xosé Vázquez Pintor, todo un manifesto a prol do fútbol galego da canteira; o Bululú do linier (2000), de Cándido Pazó, metafísica peripatética en estado puro; Déixao medrar (2000), de Xurxo Gómez Silvestre, reflexión sobre as visións antitéticas do fútbol como deporte/negocio; O partido de fútbol do século (2008), de Fernando González Graña, breve peza teatral sobre as emocións que este deporte concentra; O penalti de Fuco (2012), de Afonso Eiré, epopea dun arqueiro que se enfronta heroicamente ao momento da pena máxima; ou O álbum de Garrincha (2015), de Beatriz Maceda Abeleira, novelización da vida do astro brasileiro.

Compartir el artículo

stats