Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dhogs de Andrés Goteira

Un oasis de horror nun deserto de fastío

Dhogs de Andrés Goteira

A imaxe poética do horror xorde alí onde a visibilización da violencia deixa de ser unha escusa para vender entretemento. Unha deriva incómoda que responsabiliza por igual a directores e espectadores, remisos estes últimos a aceptar que o mal poda campar ás súas anchas tan perto do fogar, pero que lle serve a Andrés Goteira (Meira, Lugo, 1983) para construír un dos máis belos filmes dos últimos anos en Galiza: Dhogs (2017).

Non pode ser casual que o primeiro monumento artístico da lírica moderna se titulase Les Fleurs du mal (1856) de Charles Baudelaire, quen nun dos seus poemas máis emblemáticos vaticinou o triunfo dun mundo monótono e pequeno, onde a imaxe restituída do ser humano sería aquela dun "oasis de horror nun deserto de fastío".

Dhogs formula unha desconcertante experiencia narrativa, non apta para remilgados, que mestura o ollar perverso do público co destino de sete personaxes que, sen razón aparente, deciden alonxarse "perigosamente" do seu ritmo cotián e do seu ámbito doméstico. Álex (unha máis que estupenda Melania Cruz), a moza que unha noite de copas decide botar un canivete cun descoñecido, constitúe o centro neurálxico arredor do cal deambulan Ramón (Carlos Blanco), o Bunny man (Miguel de Lira) ou John Doe (Iván Marcos) -apelativo co que se dá nome os cadáveres sen identificar en Reino Unido-, entre outros. No universo de Dhogs os homes son menos que cousas, mesmo poden tornarse pezas de utilidade para calquera que teña a ben usalos. Mais tamén son seres conscientes que evidencian a nosa presenza na sala. Convértennos en receptores activos aos que non se lles perdoa nada. Vémolo absolutamente todo. O que con tanto rigor se ispe ante nós non é tanto o mundo capturado polo seu director, senón o noso proprio modo de o ollar: o dun voyeur indiferente fronte á nudez do mal.

Por unha banda, se nos atemos á análise dos elementos formais que ofrece o filme, non resulta difícil chegar á conclusión de que nos atopamos diante dun novo tipo de gramática visual que fusiona xéneros cinematográficos diversos; pola outra, percibimos unha estrutura narrativa articulada como un relato de relatos en continua expansión. Desde a cidade até o deserto, desde a intimidade dun domitorio até o proscenio dun teatro facendo desaparecer todas as barreiras que nos separan como observadores. Un xogo especular no que o que manexa o aparello oscila dun lado a outro da pantalla. Todo un reto para unha intelixencia que acrecenta o seu pracer con cada novo visionado.

O que subxace en Dhogs afástao de calquera intención enganosa, para chamar a atención sobre o fluxo desmedido de imaxes violentas presentes no cinema, a televisión, os videoxogos e internet. "O que non causa dor (física) na pantalla tampouco o causa na vida real", pode chegar a crer algún cativo que -como sucede cara ao final da fita de Andrés Goteira-, aproveitando a ausencia do proxenitor, vacila diante do computador entre premer a tecla Abuse ("viola") ou Free her ("libéraa") dun xogo en suspenso.

Como na memorábel Blade Runner (1982, Ridley Scott) nós tamén carregamos fotos falsas de familia nos petos para recrear a ilusion dunha vida feliz, un xeito de suspiro existencial que nos libra de ter que dar explicacións. Cada época inventa os seus protocolos para conxurar o mal, non obstante, existe unha invariábel que cruza o tempo e o espazo: a evidencia de algo anómalo e ameazador dentro de nós proprios, que desde o interior nos turba e nos quebranta. Mirar a outro lado ou mesmo fechar os ollos non serve para facer desaparecer os insectos que se abalanzan sobre a orella seccionada. O oficio do artista é basicamente perigoso. Acompañalo mentres mete a cabeza no obscuro ou cando salta ao vacío reporta máis dunha satisfacción que os espectadores de Cine de barrio nunca poderán entender.

O can de Adolf H

  • En realidade, antes de falar do can -que de feito era unha cadela- de Adolf H. debería desvelar o primeiro dos moitos enigmas que nos plantexa Dhogs, a saber: a razón do seu misterioso título. Porque do mesmo xeito que unha muller nunca pode ser confundida cunha culler, que é un obxecto; tampouco podemos confiar ás cegas na inocencia dos grafemas. Dogs ("cans" en galego) son animais submisos e obedientes, mentres que Hogs ("marráns" en galego), co "H" maiúsculo de Hitler ou de Holocausto, son animais suxos e perversos. Da súa ruín alianza nace o vocábulo co que Goteira presenta o filme. A cadela foi o agasallo que Martin Bormann (líder do Partido Nazi e criminal de guerra) lle fixo ao seu xefe para celebrar a invasión da Unión Soviética. Blondy ("Loiriña") era un pastor alemán dócil e obediente co que o Führer pasou os mellores momentos da súa vida; tal e como reflicte a abundante documentación audiovisual existente na Rede. Mais o home que era capaz de asinar cada día a sentenza de morte de miles de xudeus nos campos de exterminio, non foi quen de evitar as bágoas cando lle pediu ao doutor Werner H. que lle subministrase á súa amada mascota unha ampola de cianuro. En Dhogs atopamos tamén un pastor alemán que está a piques de morrer a mans do seu dono, cando unha sinistra carambola do destino fai que o inevitábel non suceda. O resto está desde agora na Historia do cinema galego.

Compartir el artículo

stats