Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O nome di case todo

No I Encontro de BD histórica de Galicia

Manel Cráneo nun acto celebrado na libraría Banda Deseñada (O Calvario, Vigo). // Foto: eli regueira

O Arde Lucus é unha festa histórica que se celebra na cidade das murallas, contado axiña e mal. Un evento no que, conmemorando a fundación da capital do Miño, recréase a Lucus Augusti da Gallaecia romana e castrexa. O acontecemento ten bastante interese non só pola recuperación dun legado histórico e cultural; tamén é importante para a memoria local e, sexamos honestas, unha atracción turística de primeira. Este próximo xuño será a súa décimo oitava edición.

E por que estou a falar case do verán, cando moi recentemente abrimos as portas da primavera? Obviando que, en principio, por interesante que sexa, isto pouco ten que ver co cómic -en principio, xa que este ano incluíron no programa unha grata sorpresa: unha iniciativa con moito mollo, que si ten que ver co cómic, e coa que poderemo ir abrindo boca- acontece que, desde o 6 de abril, estáse a celebrar o I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia: unha proposta impulsada polo Concello de Lugo, que nace da colaboración do portal web www.historiadegalicia.gal e mais a editorial Demo Editorial con, nin máis nin menos, que Manel Cráneo (A Coruña, 1973) á batuta da coordinación artística.

A innovación da proposta é dobre. Ademais de ser pioneira en Galicia, por unha banda, permite introducir o fenómeno BD nunha festa de interese turístico e autóctono e expandir un pouco a tan maltratada cultura do cómic; por outro lado, supón unha aproximación a un xénero gráfico un tanto descoñecido cun potencial, asumida a arte, didáctico e económico que, aínda que non pode dicirse que sexa actualmente relevante, podería chegar a selo.

Nesta primeira edición, ademais de Manel Cráneo, participan os ilustradores Víctor Boullón (Santiago de Compostela 1979), Tokio (Vigo, 1964), Miguel Fernández (Baralla, 1973), Tomás Guerrero (Valencia, 1972) e Pepe Carreiro (Vigo, 1954). Agás Carreiro, todos eles publicaron en Demo Editorial que, ademais de ser unha das mamás do evento, foi fundada por Cráneo.

As actividades do encontro divídense en dúas partes: unha primeira que se celebra ao longo deste mes de abril, que dará cabida a charlas e obradoiros, e unha segunda fase que terá lugar entre o 15 e o 18 de xuño, na propia festa do Arde Lucus cando, marabilla!, os seis ilustradores que participan debuxarán a cidade en directo, en formato banda deseñada, desde diferentes partes da cidade, Revisitarán e intentarán traer á vida ese Lucus Augusti galaico-románico da época. Ao rematar, os autores valorarán as ilustracións resultantes e a posibilidade de publicadas recopiladas nun comic histórico.

Esta etapa inicial, que comezou o sábado pasado, consta de tres sesións teóricas e dous talleres prácticos que terán lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) ata o sábado 21 de abril.

A primeira das sesións, impartida o mesmo 6 de abril, co título Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica, correu a cargo de Manel Cráneo. Nela falou da importancia da "rodaxe" e a experiencia (documentación, curiosidade pola contorna, paseo infinito por Galicia...) á hora da creación. A seguinte, da man de Pepe Carreiro (o creador de Os Bolechas!) será o 13 de abril: Barbanzáns e a Cultura castrexa en banda deseñada. Por último, José Barreiro falará de Roma na banda deseñada o venres 20 de abril. Os dous obradoiros prácticos realizaránse os sábados 14 e 21 pola mañá. O primeiro deles, orientado ao público infantil.

Manel Cráneo

  • Ademais de ser o fundador de Demo Editorial (2008), empresa que naceu como "alternativa" á autoedición, este artista multidisciplinar nacido na Coruña en 1973, é un autor de banda deseñada cunha longa e diversa traxectoria. A súa carreira profesional data de principios dos 90, desde onde Cráneo pasea por rúas moitas veces tanxenciais da ilustración: banda deseñada, fanzine, ilustración infantil, cartelería e creación de storyboards. Faneditor inquieto, colabora (ou colaborou) en múltiples revistas e fanzines, entre as que poderíamos destacar Barsowia, H2OIL, Altar Mutante ou La Resistencia, e en case calquera actividade desenvolvida en Galicia que teña que ver co mundo do cómic. Nesta ocasión, Cráneo soprénde noscomo un dos responsables deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, xénero no que tamén ten experiencia como autor Os lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009) e Torre dos Mouros (Demo Editorial, 2012) e como ilustrador, Vent o e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia (Editorial Xerais, 2013). Nas súas palabras, "este Encontro supón un primeiro achegamento a través dun foro común a un xénero dentro da banda deseñada que en países veciños coma Francia xenera grandes beneficios culturais e económicos. Coñecer a historia a traverso do cómic, da man de auténticos profesionais especializados e contala de xeito entretido e coa forza visual que ofrece a ilustración." (Pódese ler a entrevista completa no portal www.historiadegalicia.gal, publicada o 5 de abril).

Compartir el artículo

stats