Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Museo do Encaixe de Camariñas

Palillando a tradición

Fachada do edificio museístico.

Na costa noroccidental da provincia coruñesa, Camariñas é unha vila nada da esencia do mar no corazón da Costa da Morte, famosa polos seus encaixes en todo o mundo. Como expoñente desta tradición artesanal, practicamente inalterada a través dos tempos, desde 1996 existe o Museo do Encaixe, que á súa faceta de promoción e difusión da técnica palilleira une o propósito de recuperación de antigas pezas e deseños.

O centro presenta unha variada mostra de pezas antigas e debuxos utilizados tradicionalmente non só na vila, senón en toda a comarca de Soneira. A sala de exposición permanente mostra obxectos de encaixe de Camariñas e pezas cunha antigüidade que vai desde o século XVIII á actualidade, así como diferentes utensilios, aparellos e materiais utilizados para a creación destas artesanías.

Hai palillos, almofadas, os cartóns nos que se pican os deseños e que posteriormente serven para a realización dos labores e un completo mostrario de todos os pasos que encerra o encaixe con palillos ata converterse en panos, mantelerías, ornamentos ou colchas. Entre a colección, destacan traxes de noiva, mantillas, veos ou abanos do século XVIII. Tamén hai pezas de cerimonial relixioso pertencentes á igrexa parroquial de Camariñas. O museo conta igualmente cunha colección de fotografías antigas da vila e das súas xentes.

Neste espazo museístico situado no corazón urbano ten a súa sede un centro de investigación sobre estas manualidades. Case en paralelo xurdiu o Centro de Promoción do Encaixe, que serviu de renovación do sector adaptando as vellas técnicas aos deseños e aplicacións actuais do sector téxtil e da moda. O propósito foi manter vivo este labor artesanal nas novas xeracións e potenciar o seu desenvolvemento, tanto polo seu valor cultural como pola importancia económica que o encaixe ten na comarca.

Sendo unha icona de Galicia, desde 1991 Camariñas acolle durante a Semana Santa a Mostra do Encaixe de Palillos, cunha proposta que quere, á vez, preservar o patrimonio e difundir as máis modernas creacións. Mentres as asociacións e algunhas palilleiras de forma particular, tanto de Galicia como de fóra, mostran o seu traballo na área de exposición, na Mostra participan grandes firmas de moda e creadores noveis que desenvolven toda unha programación de pases ao estilo das grandes citas internacionais.

O evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, conseguiu dinamizar o sector do encaixe, propiciando a súa introdución no mundo da moda. Son os desfiles de grandes deseñadores e o concurso de novos profesionas os que apostan por tal fin. A mostra tamén contempla exposicións, demostracións en directo e venda de encaixe, ademais doutras actividades como cinema, teatro ou música.

O encaixe de Camariñas ten séculos de tradición, que o museo quere preservar. Nos anos 80 reavivouse o seu impulso e desde entón estas manualidades estiveron presentes en, practicamente, todas as exposicións, feiras e mostras de artesanía galega. Existen miles de deseños diferentes, con multitude de variantes. Moitos dos labores de encaixe teñen nome propio e así chegaron ata a actualidade o ganapán, a xitana, fieita, rosario, peite, eses, flor, corredor de Camelle, picos, ramo, berberecho, tambores e moitos outros.

Fío a fío, palillo a palillo, é todo un espectáculo ver as palilleiras a elaboraren as puntillas que deron fama a Camariñas no mundo. Outrora o ensino desta arte era impartida fundamentalmente polas avoas, nais e todas as mulleres da familia. Hoxe a formación tamén se impulsa e para iso están as escolas infantís. Camariñas soubo respectar a tradición dunha arte ancestral, revitalizándoa fronte ao futuro.

Monumento Natural

  • A capital do encaixe de palillos conta con numerosos puntos de interese, como o castro de Croa, situado no monte do mesmo nome, onde aínda se aprecia a poderosa fortificación que tivo outrora. Dentro do patrimonio relixioso é recensionable a igrexa de San Xurxo de Camariñas, comezada a mediados do século XVIII e rematada en 1804. O templo de Santa María de Xaviña, edificado a mediados do século XII, conserva trazas do seu pasado románico, aínda que foi modificado en centurias posteriores. En Xaviña atópase tamén o pazo de Paxariña e o de Mouzo, de mediados do século XVIII. Como mostra de arquitectura popular é interesante o núcleo de Ponte do Porto. Na contorna hai outros lugares de parada ineludible, como o Castelo do Soberano, o Cemiterio dos Ingleses ou a capela da Virxe do Monte, desde onde se observan unhas fermosas panorámicas. Se hai outro monumento coñecido nos arredores, este é o Cabo Vilán, situado nun dos puntos máis fermosos da Costa da Morte. Erguido a 125 metros de altitude e unido ao antigo edificio dos fareiros, posúe un canón de luz capaz de alcanzar os 55 quilómetros. É o faro eléctrico máis antigo de España. A zona foi declarada de Interese Nacional no ano 1933 e hoxe é Monumento Natural. Hai unha estrada desde o porto de Camariñas ao faro.

Compartir el artículo

stats