Entre México e Galiza
Memoria de Francisco Miguel

Retrato de Maria Izquierdo (ca. 1931)
Carlos L. Bernárdez
Recentemente, e nesta mesmas páxinas do FARO DA CULTURA, faciamos referencia ao labor artístico do pintor Camilo Díaz Baliño, unha figura central na arte galega anterior á Guerra Civil sobre a que o seu asasinato chantou unha pesada lousa de silencio. O mesmo, ou aínda maior descoñecemento, é o que pesa sobre os pintores ligados á revista coruñesa Alfar que tamén foron paseados polos fascistas en 1936, falamos de Luís Huici e de Francisco Miguel. A este último imos dedicar estas páxinas coa vontade de subliñar o valor a súa traxectoria vital e artística.
Nado na Coruña en 1897 e asasinado en Bértoa, Carballo, o 28 de setembro de 1936 Francisco Miguel é un pintor de notábel interese, que colaborou nos anos vinte en importantes proxectos vangardistas como a xa citada revista Alfar ou a revista luguesa Ronsel (1924).

Entre México e Galiza
Na primeira metade dos vinte o seu ámbito referencial é A Coruña, con estadías en París en 1920 e 1923. Francisco Miguel móvese no grupo de artistas coruñeses que xira ao redor da revista Alfar -nunha primeira etapa chamada Revista de Casa América-Galicia-, publicación da vangarda plástica e literaria creada polo poeta uruguaio -e cónsul do seu país- Julio J. Casal e publicada n'A Coruña entre 1920-1927, ano en que o director torna ao Uruguai. Para valorarmos a importancia da publicación e o ambiente intelectual que xera -que é o de Francisco Miguel- abonda con que sinalemos as variadas e brillantes colaboracións da publicación, con importante presenza da literatura e da arte da vangarda internacional, movéndose nunha modernidade cosmopolita que ten como referencia o ultraísmo. Nela aparecen colaboracións de artistas como Barradas, Picasso, Gris, Norah Borges, Alberto, Ángel Ferrant, Francisco Bores, Álvaro Cebreiro, Manuel Abelenda ou Manuel Méndez. Alfar será fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galiza, non só polas obras reproducidas, senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país, sen eludir a polémica co rexionalismo e o nacionalismo culturalmente dominantes cando nace a publicación.
Nela teñen unha intensa presenza Luís Huici (1894-1936) e Francisco Miguel. O primeiro ilustra cos seus debuxos e gravados moitos números da revista, cun linealismo acusado, moi achegado ao debuxo de moitos ilustradores do ambiente da xeración do 27, como Manuel Ángeles Ortiz, Moreno Villa, Bores, Benjamín Palencia ou García Lorca; e Francisco Miguel une a estas cualidades o influxo da estampa xaponesa e da arte africana peneirada polo cubismo.
En 1926, Francisco Miguel, coa súa esposa Syra Alonso -que logo será autora duns fundamentais Diarios, que permiten seguir a súa traxectoria- marcha a América, primeiro a Cuba e logo a México. O período mexicano vai ser fundamental na súa vida e na súa obra e comprende desde 1926 até 1933. Nestes anos desenvolve unha grande actividade ligada á obra de artistas como David Alfaro Siqueiros e ao grupo de escritores denominados os Contemporáneos, vivindo nun ambiente de compromiso da arte coa causa revolucionaria, mais sen implicar o cultivo dunha temática social. A comezos dos anos trinta Syra e Francisco Miguel comparten morada coa poeta uruguaia Blanca Luz Blum e con Siqueiros en Taxco, habitando nun convento abandonado. O ambiente que os rodea é de enxalzamento dos valores populares indixenistas e mergullados en preocupacións sociais facendo parte dun cenáculo intelectual e artístico ao que tamén están ligados pintores como María Izquierdo ou Rufino Tamayo.
A súa obra reflicte a súa estética virada cara a posicións análogas ao retorno á orde postvangardista, de forte cromatismo. "Orde" e "obxectividade" son conceptos que o pintor manexa en textos sobre a súa obra e que se expresan nitidamente en retratos dunha figuración poscubista como o seu Autorretrato (ca. 1933). Nalgunhas pinturas percíbese a pegada do indixenismo do muralismo mexicano dun Siqueiros, Orozco ou Rivera, como acontece no caso de Retrato de María Izquierdo (ca. 1931) e Retrato de Dolores Olmedo (1931, Museo Dolores Olmedo, México). Nos seus lenzos da década dos trinta de motivos mariños semella máis achegado ao realismo máxico coas súas naturezas mortas de brillantes cunchas, buguinas e cons, elaboradas cunha precisión naturalista que xera un ambiente de irrealidade e distanciamento. Son bos exemplos os óleos Natureza morta (ca. 1930, c. privada); Natureza morta con alcachofas; Muíño de vento (ca. 1930, c. privada) e Mariña (ca. 1930, colección privada), meticulosas composicións de froitas e/ou tema mariño, frecuenetemente abertas á paisaxe desde unha xanela, recurso polo que o pintor separa nitidamente interior e exterior conseguindo unha construción clara, síntese da visión paisaxística e da natureza morta. Estes elementos manteñen un equilibrio dotando as composicións dun ar que lembra a obras da Nova Obxectividade, na súa vertente maxicista.
Retorno ao país
- A finais de 1933 Syra e Francisco Miguel marchan de México e moran en Madrid en 1934. En 1935 regresan a Galiza, onde será asasinado polos sublevados fascistas e onde o seu labor pasará a ser practicamente descoñecido até datas ben recentes. Unha mostra en 1999; a publicación dos Diarios de Syra Alonso (A Nosa Terra, 2000) e mais a presenza na novela de Manuel Rivas O lapis do carpintetiro (1998) supuxeron a recuperación da súa memoria mais a súa obra segue estando aínda necesitada dunha revisión á altura da importancia que ten no contexto da arte galega, mexicana e internacional de entreguerras.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas
- Sancionada con 30.000 euros una empresa del motor de Vigo por contratar trabajadores durante una huelga