Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vida no castro

Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (San Cibrao de Las, Ourense)

Percorrido polas casas e muros da citania.

Percorrido polas casas e muros da citania.

O castro de San Cibrao de Las, entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín é unha enorme cidade amurallada de máis de dez hectáreas. Á súa importancia cultural suma o emprazamento, nun alto desde o que se enxergan espléndidas panorámicas, aínda que a localización, para os seus poboadores, fose estratéxica e defensiva, rodeada como está de varias liñas de fortes murallas, foso, portas de entrada con torreóns e vivendas ao redor de rúas que mostran unha incipente ordenación urbanística. Desde hai catro anos, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa achega ao visitante as claves para coñecer o que é un dos xacementos no seu xénero máis importantes de Europa.

O castro ourensán é un dos de maior extensión escavada de Galicia, con traballos que comezaron no século pasado e que suscitaron o interese de intelectuais como Otero Pedrayo. Foi descuberto para a investigación nos anos 20 por Florentino López Cuevillas. Nesa década foi obxecto de varias campañas que continuaron nos anos 50, dirixidas por Xaquín Lorenzo. Despois dun período de abandono e de espolio continuado, retomáronse as actuacións na citania nos anos 80 e 90. O seu nome orixinal (Lansbrica) apareceu en varias inscricións atopadas: unha na porta de poñente do recinto central; outra sobre a superficie dunha pedra e, a terceira, nunha ara votiva que, xunto aos documentos medievais, permite coñecer a designación do poboado.

O asentamento estivo habitado desde finais do século II a. C. deica o I-II d. C., o que sitúa a ocupación principal do castro en torno ao cambio de era, na transición cara a unha época de dominio romano sobre os grupos castrexos indíxenas. "A Cidade", como tamén é coñecida a vella Lansbrica, é excepcional polo seu tamaño e por concentrar un gran número de habitantes e construcións. Podería vivir unha comunidade de tres ou catro mil persoas, segundo as estimacións realizadas con base no número de vivendas. Ten unha superficie que ocupa tres ou catro veces máis espazo que un castro habitual, e ademais está pensado desde a súa fundación como un lugar de ocupación común, como evidencian os estudos arqueolóxicos. É dicir, que a urbe levouse a cabo planeando de forma previa todas as estruturas. Con fundamento os veciños da zona chamaron desde sempre ao xacemento castrexo "A Cidade".

Ao lado desta gran cidade de pedra está o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, con mil metros cadrados dedicados á exposición estable, ademais doutros servizos. O espazo expositivo conta con once seccións onde se detalla cómo era a vida cotiá nestes recintos fortificados, o seu sistema defensivo, o universo simbólico castrexo ou o impacto de Roma na cultura dos castros. Ademais noutra superficie vanse mostrando, a través de exposicións temporais, as novidades que se van producindo conforme avanzan as investigacións. As instalacións inclúen tamén aulas didácticas, biblioteca, fototeca, zonas de documentación, arquivo, sala de reunións e unha área de tenda e cafetería.

O centro pretende facilitar aos visitantes de todas as idades os recursos para comprender o que significou e significa o legado da cultura castrexa, á vez que se mostran as características máis reseñables do poboado. Organizado en módulos temáticos, a visita complétase cun percorrido polo xacemento de San Cibrao, onde murallas, rúas e vivendas dan a coñecer ao público a vida na época.

O centro cumpre catro anos cun programa de visitas comentadas que axudan a achegarse de maneira profunda e amena aos contidos do recinto arqueolóxico. No traxecto vanse recoñecendo fontes, rúas e outros espazos públicos, ademais de gozar da paisaxe, xa que este castro excepcional asómase á conca media do río Miño.

A gran citania

  • As vivendas do grupo familiar nesta gran citania están formadas por varias construcións que se agrupan ao redor dun patio ou espazo aberto ao que comunican as distintas dependencias que o forman. A superficie que ocupa cada parcela xira ao redor dos 220 ou 260 metros cadrados, e dentro de cada un dos inmobles a familia dividía o espazo segundo as súas necesidades, aínda que existen concordancias en todos, como unha habitación dedicada a cociña e outra a almacén, ademais de alpendres. A situación da Cidade, entre o cruzamento dos ríos Miño e Barbantiño, ofrece a vantaxe do amplo dominio visual sobre o territorio circundante. Na súa morfoloxía destaca a existencia de dous recintos amurallados: a "croa" ou recinto superior, e o inferior, de maior superficie e onde se sitúa a zona destinada ás vivendas dentro do xacemento. O poboado atópase rodeado dun sólido sistema defensivo, con fortes liñas de murallas, foso e parapetos. Á parte de restos cerámicos, ferramentas e adornos persoais, no castro atopáronse aras votivas (unha delas coa inscrición Lansbrica) e unha escultura de muller de trazos moi arcaicos, á que os arqueólogos chamaron a Dama de Punxín. Visitar este gran castro permite facerse unha idea de como sería a vida hai dous mil anos no noroeste peninsular.

Compartir el artículo

stats