Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esixente e orixinal

Por camiños pouco explorados

Esixente e orixinal

Se o lector tiña desta vez ganas de enredar cun libro lixeiro, non tivo sorte, pois esta pequena alfaia de Manuel Darriba (Sarria, 1973) encerra dentro de si mundos pouco explorados, inhóspitos e simbólicos, que precisan dunha lectura certamente esixente. Os momentos de lecer mudan aquí en intres reflexivos provocados polo autor, quen gusta da suxestión e do cuestionamento de todo aquilo que se considere verdade absoluta e dos principios básicos da literatura, en evidente actitude combativa e inconformista.

Este licenciado en Xornalismo e en Filosofía traballou como reporteiro, editor e colaborador en diversos medios de comunicación, labor que lle supuxo obter galardóns como o Julio Camba e o Fernández del Riego. Home versátil, procurou un espazo no eido audiovisual, sendo guionista e director de documentais e mesmo dunha longametraxe. A súa angueira como guionista levouno por terreos televisivos como Land Róber, pasando por series como O Faro ou Fontealba.

A carreira de Manuel Darriba evidencia de por si un manexo da escrita, e iso que aínda non chegamos a falar do seu quefacer literario, onde é un nome que despunta tanto polo seu percorrido como pola súa experimentación. Escribiu en volumes colectivos, fixo traducións, creou obras adicadas ao lectorado infantil e xuvenil, gañou premios de poesía? Pero no que nos compete a nós agora, deterémonos no campo da narrativa, no que debutou coa novela Paf Xarope alá polo ano 97, e no que publicou outros títulos como Velada do billarista -Premio "Lueiro Rey de novela curta"-, Branco e O bosque é grande e profundo -finalista galega do premio de novela europea "Casino de Santiago".

Esta última narrativa supuxo un fito de orixinalidade e innovación para o panorama literario prosístico actual galego. Considerada unha prosa apocalíptica, tivo moi boas críticas e ten moito que ver co libro que temos entre mans, Elefante, conxunto de relatos que vén de publicar o autor. En parte grazas á ficción distópica que crea, que mergulla ao lector nun universo literario cheo de debates de ideas e referencias filosóficas.

Elefante é unha compilación de relatos de diversos tamaños: dous longos e catro breves. Comeza pola historia que lle dá nome, a máis longa; "Elefante", un edificio singular símbolo do baleiro absoluto. Unha reflexión sobre o discurso maioritario do poder e tamén sobre a relación que mantén este coa arte. O seguinte relato titúlase "Os Urot'oki", e trata sobre unha civilización inventada na que predomina a expresión oral sobre a escrita en que os habitantes pasan todo o día vendo a tele. A perda da escrita supón a perda dos testemuños, da memoria, e polo tanto o peche da sociedade, o descoñecemento e rexeitamento de todo o alleo, algo que tamén fai meditar ao lector.

"Pel de serpe" é a seguinte proposta, e nela unha xornalista e un fotógrafo investigan unha batida de caza por mor da desaparición dun neno. De novo con pulso firme, Darriba transmite un estado continuo de desacougo, describindo unha xeografía que marca o carácter das xentes que a habitan, nunha sorte de narración teleolóxica que deixa pouso na memoria de quen le. "O viaxeiro", "A selva" e "Autovía son aínda máis breves, pílulas cheas dunha forte carga simbólica e reflexiva, coma a que inunda toda a obra. Camiños pouco explorados cheos de elementos poéticos e de referencias filosóficas e políticas nos que se cuestiona absolutamente todo. Ás veces resulta un estilo un tanto enigmático e denso, mais Darriba é fiel ao seu programa artístico, esixente e orixinal.

DARRIBA, Manuel, Elefante, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 14,60 -

Compartir el artículo

stats