Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosa Álvarez: "Interpretar e dirixir son, para min, dúas facetas complementarias"

A actriz e directora de teatro Rosa Álvarez.

- A primeira pregunta é tópica, pero necesaria, nestes casos. Que supón para Vde. a concesión do Premio de Honra Marisa Soto que, ao tempo, ten como valor engadido o de ser un recoñecemento e unha homenaxe dos seus propios compañeiros de profesión?

-Efectivamente, é un dos premios que máis me apetecía recibir por vir precisamente dos meus compañeiros e compañeiras de profesión e, a maiores, polo feito de que o galardón leva o nome dunha grande actriz que foi a miña compañeira e amiga, Marisa Soto, quen nos deixou inesperadamente no mellor momento da súa vida persoal e profesional. Ela foi un baluarte da nosa Asociación, pero descoñecida, por desgraza, para as novas xeracións da nosa profesión.

- Por certo, que é Vde. a socia número 1 da propia Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Como lembra aqueles tempos nos que se fundou á asociación?

-Eran momentos moi efervescentes nos que existía unha grande ilusión en nós por dar a coñecer o noso traballo e en conseguir que o noso oficio fose considerado como tal, tanto pola sociedade coma polos poderes públicos. Foron momentos de moito esforzo, pero moi gratificantes. A profesionalización, a creación do Centro Dramático Galego, a posta en marcha do Igaem (agora chamado Agadic), a Rede Pública de Teatros, etc. Eses eran os nosos obxectivos, entre outros moitos. Todo estaba por facer.

- Vde. compaxina a dirección coa interpretación. En cal destas dúas facetas se sinte máis a gusto?

-Cheguei bastante tarde á dirección, xa que gran parte do meu currículo está dedicado ao meu traballo como actriz. Pero aínda que cheguei tarde, coido que foi o momento máis oportuno, porque a miña experiencia pisando as táboas me valeu moito para entender mellor como se sinte unha actriz ou un actor á hora de crear un personaxe. Quedo coas dúas facetas. No meu caso, foron sempre complementarias.

- Entre o seu longo historial figura a creación de Teatro do Malbarate, primeira compañía integramente formada por mulleres. Hoxendía tería tamén razón de ser unha compañía como esta de xeito, digamos, revindicativo?

-Malbarate xurdiu das inquedanzas de tres actrices: a mencionada Marisa Soto, Mabel Rivera -que non precisa presentación- e mais eu. Non foi tanto un feito reivindicativo, senón necesario, creativamente falando, para poder abordar personaxes femininos que noutros sitios non nos ofrecían. Coido que este tipo de compañías seguen a ser necesarias (aínda que xa existen bastantes hoxe en día) porque os papeis para mulleres seguen a ser moi escasos en todas as artes escénicas. Os motivos e os problemas non variaron moito dende aquela, como se pode ver na loita diaria que seguimos a ter as mulleres na sociedade.

- Ten participado en varias obras co Centro Dramático Galego. O CDG cumpre hoxe as expectativas que se tiñan cando foi fundado?

-En absoluto. Tiven a sorte de traballar no CDG nos seus mellores momentos, onde eu sentía que formaba parte dese organismo. Dende hai un tempo, síntome totalmente allea e desvinculada. Pero seguirei traballando fronte todo aquilo que non me gusta.

- De todos os papeis que ten interpretado, con cal deles se quedaría?

-Con todos. Cada un deles formou parte da miña preparación e da miña experiencia. Todos os personaxes axudáronme a superarme día a día, se é que o conseguín.

- Como actriz, cal sería a personaxe que lle gustaría interpretar (e que non interpretara aínda) antes de que rematase a súa traxectoria?

-Teño unha maleta chea de personaxes por facer. Non sería capaz de elixir. Calquera día abrirase a maleta e sairá algún. E como seguro que é un que me gusta, daríame o mesmo que fose unha protagonista ou un papel de reparto. Nun espectáculo, todos os personaxes son necesarios e imprescindibles, xa que sempre pensei que este é un traballo colectivo, non individual. E quen non o vexa así, vai por un camiño errado segundo o meu criterio.

- E, como directora, cal é o autor/a (e/ou a obra) que lle gustaría dirixir e por que?

-A resposta é ben parecida. Estou aberta a todo. Antes dirixía na compañía Lagarta Lagarta, fundada por Ernesto Chao e por min. Agora que esta compañía non existe, estou a mercede de que me chamen doutra compañía, o cal me faría moita ilusión. E nese caso, claro, analizaría o proxecto e se me gusta e me sinto capaz, pois adiante. Pero non sei eu...

- O teatro de calidade ten necesariamente que ser crítico co poder?

-Non necesariamente. O teatro, en primeiro lugar, ten que ter calidade e se ademais é crítico, pois moito mellor. Pero a crítica non é só co poder, senón coa sociedade que nos tocou vivir. Hai tantas cousas das que falar! Tantas cousas das que reflexionar, criticar, gabar (por que non?). Sempre se dixo que o teatro debe ser un espello da realidade e se a realidade non nos gusta, qué mellor sitio que o teatro para expoñela, mostrala e, a ser posible, para dar un pouco de esperanza?

- Por que as compañías galegas non se animan máis a levar a escena obras dos nosos autores máis novos?

-Iso non é moi exacto. Sempre se nos cargou o sambenito de que o noso teatro é costumista, rural e ademais, agora, que non representamos os nosos autores. Só entendo que esas afirmacións se acaban facendo por descoñecemento. Dende a profesionalización do noso sector, Galicia é unha das autonomías onde máis se representa os seus dramaturgos, incluídos os das novas xeracións. Non hai máis que botarlle unha ollada a oferta teatral actual.

- Ten pensado xa o eixo ou tema central sobre o que vai tratar o seu discurso, cando na gala do día 21 de marzo reciba o Premio?

-Aínda non. Nesas cousas son moi de improvisar, pero o que si podo afirmar é que vou ser concisa e breve. Non me gustan os grandes discursos.

Compartir el artículo

stats