Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Izando a rebeldía

As flores están do noso lado

Izando a rebeldía

Desde o seu nacemento, a poesía irmanouse coa música. Esta prolongada maridaxe coñeceu momentos de concordia e de discordia, de aproximación e de afastamento. A cultura popular dos séculos XX e XXI dilatou e delatou este cíclico vaivén. Todo isto vén á mente a raíz da lectura de Long Play de Lois Pérez (Lugo, 1979). O libro é debedor das anteriores tentativas de afiliar a poesía galega ao movemento pop (Voces Ceibes) ou á vangarda pop (Rompente, Antón Reixa) ou, sinxelamente, á cultura de masas tratando de preservar e conservar a súa esencia lírica (Manolo Rivas e, sobretodo, o inesquecíbel Lois Pereiro).

O noso autor inicia o seu volume con forte pulso poético: "na area do desexo a penumbra/apura o seu debuxo", que entronca coas voces que protestan contra o ineludíbel: "síntome/invencíbel/fuxindo/da/morte", percorrendo o contraditorio territorio do xogo dos opostos: "iluminar máis aínda a escuridade/que é un home que apaga a luz ás escuras". Esa primeira parte, de fronteira tanxíbel, transita polas zonas da poesía intimista, "nada nos pertence e todo nos admira/e xoga con nós a sombra do destino" para, de súbito, penetrar no campo da denuncia social, da falta de humanidade (por exemplo, nos desafiuzamentos ou na guerra de Siria: "se só eu imaxinei remotas dores/nos inocentes berros das crianzas"), da desatención ingrata ao proprio país: "A miña terra é faltarme as palabras/a miña terra é rabia e saber/a miña terra é temer que non abras/a miña terra é ser ou non ser". Daquela, seguen pezas de escuro arume harpado, onde o escritor parodia o himno galego, "Ignominia"; o movemento contestatario, "Nunca atrás"; onde percibimos, a cada texto, que estamos diante de verdadeiras cancións, polo reiterado uso do refrán, das aliteracións, das repeticións vocabulares e das paronomasias.

Izando a rebeldía de épocas pretéritas, podemos ler: "As flores e os tolos están do noso lado/.../e ergueremos a bandeira do Nunca Imaxinado", que nos fai lembrar, como non?, a Celso Emilio Ferreiro, mesmo no emprego irónico da linguaxe popular, na sátira vitriólica, no bisturí do sarcasmo. Así mesmo, nesta primeira parte, atopamos composicións que nos falan de viaxes e de escenarios latinoamericanos (especialmente Lima), mais tamén algunha irada reflexión metapoética, "Dama da Tinta". A cara B do libro percorre, toda ela, a burla e o sorriso (cómics con delirantes coloquios nos seus globos, títulos con xogos de palabras, un decálogo burlesco e un epílogo con biografías apócrifas e humorísticas referencias a obras imposíbeis que satirizan todo). Sabemos que detrás do riso pode aniñar a máis fonda melancolía ou a máis profunda indignación. Estas pezas finais son unha boa proba disto.

PÉREZ DÍAZ, L., Long Play, Ed. Xerais, Vigo, 2017, PVP. 16, 85 ?

Compartir el artículo

stats