Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Ano Europeo do Patrimonio

Un Vigo teatral por facer

Vista exterior do Teatro García Barbón (Vigo). FOTO: ELI REGUEIRA

Neste 2018 celebramos o Ano Europeo do Patrimonio e, xa postos, non estaría de máis considerar a natureza patrimonial no teatro, nos niveis material e inmaterial, e coa mesma, ou con esas, imaxinar maneiras de o manter, preservar, poñer en valor e proxectar, un empeño no que deberían participar todas as administracións e moitas outras institucións, entidades, organismos, asociacións, e tantas e tantas persoas que gustan do teatro aínda que non acudan moito aos teatros, pois temos a programación que temos, a pesar de tantos empeños encomiables.

O teatro é probablemente unha das manifestacións primeiras da nosa cultura, fundamental no tránsito entre hominización e humanización, pois como ben explicou Rafael Dieste, no seu magnífico ensaio La vieja piel del mundo (1936), co teatro aparece a historia por canto implica activar a memoria e contar o que foi, o que pasou, ou mesmo o que nos gustaría que fose, o que supón un desenvolvemento progresivo do pensamento simbólico, da abstracción, da comprensión da alteridade. E dese xogo coa alteridade, e no aproveitamento das súas posibilidades para mostrar o outro, o que foi ou o que podería ser, derivan manifestacións lúdicas, rituais, relixiosas, pero tamén educativas, tendo en conta a importancia do xogo protagonizado na construción da identidade, e mesmo sociais, se consideramos a importancia do xogo de roles na que denominamos "dramaturxia da existencia", estudada por sociólogos coma Talcott Parsons, Kenneth Burke, Alfred Schutz ou Erving Goffman, e por antropólogos coma Gregory Bateson. Por iso a educación teatral é tan necesaria, tan relevante.

Velaí unha das máis importantes dimensións da expresión dramática, que se constitúe como acción desde o rol, e na que asenta a expresión teatral, as dúas esenciais na configuración da cultura humana, da civilización. Non esquezamos que as primeiras grandes cosmogonías configuradas na Mesopotamia, na India, na China ou en Exipto, pero tamén na Idade Media en Europa, foron expresadas e comunicadas en forma de dramas rituais, en tanto en Grecia o teatro serviu para desentrañar preguntas ben transcendentes, aínda que tamén servise como espazo para a crítica social, quer coas grandes farsas e comedias quer cos primeiros entremeses e divertimentos populares, como os debidos a Herodas. Namentres, os xogos co rol, coas identidades, seguen a ser unha das actividades fundamentais na nosa vida cotiá, mesmo nas redes sociais, tamén na pulsión por ocupar a escena ou por ver historias, por xogar o teatro da vida. A esencia segue a ser a mesma, por moito que cambie o formato: drama en estado puro.

E logo chegaron festas, espazos escénicos, textos, espectáculos, actrices, escenógrafos, dramaturgos e directoras de escena, pero tamén técnicos e facedores da maxia teatral, como aqueles carpinteiros de ribeira que construíron a maquinaria escénica dos máis importantes teatros de Europa, e ben cerca de Vigo, en Ponte de Lima, no Teatro Diogo Bernardes aínda se conserva unha fermosa e poderosa armazón en madeira que permite construír as máis diversas fantasías escénicas co subir e baixar de panos e decorados ou coa distribución de luminarias. Patrimonio en estado puro. E falando de espazos escénicos, disque en Vigo aínda hai un, magnífico polo que sabemos, na rúa Doutor Cadaval, no edificio onde estivo o antigo "Círculo Católico de Obreros", sito nun edificio que foi propiedade de don Leopoldo Gómez Moure. Recuperable aínda.

Espazos escénicos onde se foi construíndo a historia teatral das cidades, das vilas e mesmo das aldeas, se consideramos tantos salóns de baile onde, sen esquecer todos os rituais lúdicos das festas cíclicas que rebordaban camiños e prazas, se representaban farsas, parrafeos, xoguetes cómicos ou sainetes, pois non van ser todo grandes traxedias e comedias de salón. Espazos polos que transitaban as máis diversas compañías, as que dan conta dos gustos dun público que naquela altura poucas outras diversións tiña para alén das que lles ofrecían os cómicos, fose en tantos teatros de variedades como houbo en Galicia fose en templos culturais de novo cuño, coma o magnífico Teatro debido a don José García Barbón. Templos culturais e patrimonio material relevante, que nos mostra a importancia que tivo o teatro nas vilas e cidades, e nas vidas das persoas.

Tempo por diante

  • Vigo conta cun pasado especialmente rico na historia do teatro, e seguramente a día de hoxe sexa a cidade de Galicia con máis oportunidades para se converter nunha gran capital teatral, onde todos os teatros posibles convivan para ofrecer a máis completa e diversa carteleira, como pasa en cidades europeas tal que York, en Inglaterra, ou Novi Sad, en Serbia. Vigo debería ter un importante festival de teatro, música e danza, para regalía de toda a área metropolitana e de toda a Gallaecia, e mesmo podería e debería acoller un gran Museo do Teatro e con el un Centro de Documentación para as Artes Escénicas. Ese edificio do que falabamos, o vello Círculo Católico, podería ser un magnífico lugar para acollelos, pois as institucións culturais tamén fan cidade, especialmente cando serven para reconstruír todas as súas historias. A finais do século XIX nos Estamos Unidos de América prendeu con forza un movemento denominado "City Beautiful", que tivo un enorme impacto na humanización das cidades, pero tamén, grazas á contribución de creadores como Percy MacKaye, na promoción de proxectos de acción cultural que as convertesen en lugares onde o ocio fose alén da mera diversión, en tanto se apostaba por un ocio construtivo, vinculado directamente co desenvolvemento da democracia, como quería o gran filósofo e pedagogo John Dewey. Por iso Andrew Carnegie promoveu que Pittsburg contase coa primeira escola universitaria de arte dramática nos EUA, porque sabía que é a cultura o que fai a cidade, a que a converte nun lugar fermoso para vivir. Temos un ano por diante para pensar como converter Vigo na cidade do teatro, para sermos, como Edimburgo, unha verdadeira capital de cultura. E sobran vimbios para facer ese paxe.

Compartir el artículo

stats