Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Noticia das cancións urxentes

Falperrys: a música que bate e combate

Os Falperrys sobre o escenario.

De tasca en tasca e de mar en mar. Os Falperrys chegan e, primeiro e antes de nada, piden uns tróspiros. Logo diso tocan cancións urxentes, esculpidas en pedra e cuspidas en mil emocións en forma de batalla a peito descuberto. Despois recollen as súas ferramentas, liscan, embarcan e de novo izan velas coas que capturar novos ventos que os leven cara os adentros dalgún océano de cor e tormenta.

E mover, móvense os Falperys cun pé nos mundos de Kilmister e con outro nos universos de Fuxan os Ventos. Discorren entre os Pistols e mais os Dubliners. Aboian entre os Pogues e as Voces Ceibes. Trátase, a súa, de música que combate, que bate; son formas que golpean e que dan solaz. Que fan bailar e tamén soñar. Constrúen contos que virán e da noticia de lembranzas que máis vale non esquecer nunca. De Terranova a Donramiro. De Vigo ao Saviñao. Do mar do Norte cara as Sisargas. Do Planeta Gz ao universo exterior. Entre Cachamuíña e a Falperra.

Os Falperrys chegan e tocan. Sen tempo para barbearse e coa boina ben calzada para manteren a temperatura da cachola en perfecto equilibrio constante. O seu é a música que fala sen aditivos innecesarios, sen maquillaxes de medio pelo ou medias tintas de pose de escaparate. Coma os motores que lles montaban aos vellos Barreiros, ruidosos na medida xusta e co punto de relantí na presión precisa.

Agora, despois dun tempo xa dende a saída do seu último traballo, andan os Falperrys na procura de cómplices para mudar o mundo e liberar, seica, os malos fumes da vida e do tempo. Precisan -iso din ekes, polo menos- deses que se veñen chamar "mecenas" desde que o tal Caio Cilnio Mecenas collera aquela fama de protector, impulsor e milagreiro colega dos artistas que necesitaban da súa axuda económica para sacar adiante o traballo artístico na Roma imperial de Augusto, antes de Cristo. Xa choveu, oes !

Falperrys chaman, daquela, polo noso mecenado para sacar adiante o seu novo traballo discográfico que verá a luz en formato vinilo e CD, ao tempo que prometen reeditar o seu primeiro disco para os que se quedaron sen el. Así mesmo, promenten tamén incluír cancións extra gravadas en acústico, aludindo a que moitas das súas actuacións son nese formato.

Na páxina de Verkami atoparedes o seu proxecto con moreas de recompensas á medida de todos os gustos, para que nos animemos a colaborar con eles. Son os Falperrys, un grupo do país que presta moito. Abofé que pagará a pena facelo.

Manolo Bacalhau: SonDoBar

  • Aquilo de que "quen canta, seu mal espanta" tenvos moito máis de certo do que poidamos pensar. Cantar é algo que todas e todos facemos asiduamente e incluso de xeito inconsciente ao longo de moitos momentos da vida. Cando estás feliz, cando queres celebrar e compartir, cando te queres evadir...; incluso cando a tristeza invade a túa existencia, pode nacer de maneira espontánea esa necesidade de cantar. Cantar xuntos en prol de activar a vida social, festeira, comprometida ou colectiva. Cantar para festexar e tamén para loitar e protestar. Para compartir folgos ou tamén na soidade máis íntima. Cantar, someter a exame as cordas vogais lembrando aquela canción ou aquela melodía tan ben traída para ese momento que estás a vivir. Nos xantares familiares, nas festas, nas escolas de cativos. Nos concertos dos grupos que nos prestan ou nas tabernas cando dúas cuncas de viño alegran os corazóns e avivan as ganas de esmorga. Cantar é bonito e é importante. De nenos a adultos e sempre dende as emocións máis sinceras. Cantar é xerar enerxía e tamén é compartila e retroalimentarse dela e diso, precisamente, é do que trata, fala e sobre todo canta Manolo Bacalhau no seu recentísimo disco SonDoBar. Manolo é de terras e mares de Ferrol. Referente do canto de taberna na súa vila e sempre apegado de maneira inseparable á súa guitarra. Aí, din os que o coñecen ben, é onde musicalmente medrou destilando moita tradición musical, moita canción mariñeira e moitas melodías chegadas da Ultramar. Resumindo: moita vida, moita alma e moito que cantar e contar. Agora, arroupado por moitos compañeiros e compañeiras do chamado "colectivo Sondobar", por fin se decidiu a rexistrar toda esa bagaxe e todo ese patrimonio aprendido e compartido ao longo de moitos anos de batalla nun CD-DVD que agora acaba de ver a luz. SonDoBar soa auténtico. A terra labrada na que xermola sabedoría popular a esgalla. Soa á forza das mareas, a recios compromisos coa terra e a carros cheos ata as canizas de honestidade e sensibilidade. É un disco vivo e latexante que se alonxa das plasticosas fórmulas comerciais das disqueiras e que presta por ser exactamente como é: sinxelo, intenso e galego de claro sotaque de aquí aínda que tamén de aló. Ademais, este SonDoBar, queiras ou non, vaiche meter as ansias no corpo para poñerte a cantar ao seu carón e xa sabes o que falamos sobre o importante que é cantar.

Compartir el artículo

stats